As razóns da escalada de tensión na península coreana son difíciles de advertir a simple vista, entre outras razóns, pola enorme opacidade do réxime do Norte, a quen lle toca levar a voz cantante nunha crise que sen embargo, vai como anel ó dedo a Mr Bush.
En efecto, non era moi crible esa inclusión de Corea do Norte no eixe do mal, cando Pyongyang amosaba un serio de intento de aproximación ao Sur, despois do encontro entre os máximos líderes de ambas Coreas hai xa dous anos. A política de “man tendida” de Kim Dae Jung deu froitos importantes en materia de reunión de familias separadas, de fomento do diálogo e da confianza mutua, de exploración de oportunidades económicas, etc.
O diálogo intercoreano foi seguido de reformas no ámbito interno, tímidas aínda pero moi semellantes ás introducidas por China nos primeiros anos da reforma. Así mesmo, Pyongyang parecía perder o medo a unha inserción internacional que ponía en marcha co restablecemento de relacións diplomáticas con numerosos países.
¿A quen prexudicaba esa apertura? Fundamentalmente a Washington. A Administración Bush agravou o crónico retraso dos compromisos contraídos en 1994 tanto no que atinxe á construcción de reactores de auga lixeira coma ó subministro de petróleo, 50.000 toneladas cada ano. Ao mesmo tempo, desautorizaba expresamente a Seúl e insistía na consideración intrínsecamente “malévola” do réxime norcoreano.
Ante esta estratexia, Pyongyang semella que mordeu e ben o anzó. Urxida pola calamitosa situación da súa economía, precisa sen demora desas fontes enerxéticas básicas para evitar unha ruina total. As bravuconadas de Kim Jong Il son un berro de desesperación para comprometer a Estados Unidos e as demáis potencias (Rusia, Xapón, China) na estabilidade da peninsula. A ninguén lle interesa que o réxime do Norte se derrube.
Pero é Bush quen sae gañando unha vez máis. Dunha banda, demostra ante a opinión pública internacional que Corea do Norte é un réxime perigoso e que non andaban errados ao incluilo na lista negra. Segundo, que en Washington reside a clave da seguridade asiática que administra cos seus 37.000 soldados estacionados en Seúl e os 50.000 de Tokio. Entre os cidadáns dos respectivos países, 50 anos despois da segunda guerra mundial, medra a esixencia dunha retirada desas tropas, petición incómoda nun momento en que Asia forma parte das principais prioridades do Pentágono.
Estamos pois ante unha crise controlada que Washington poderá enfriar, requentar e volver a enfriar a gusto en función das súas prioridades estratéxicas. Pouco importa, como sempre, que os principais prexudicados deste xogo maquiavélico sexan os millóns de norcoreanos que no século XXI padecen as penalidades do XIX.