Os sucesos se precipitan en Corea do Norte sen unha lóxica aparente. En abril do pasado ano, Kim Jong-il, despois da visita a Pyongyang do emisario sudcoreano, Lim Dong-won, o arquitecto da política de distensión, estaba disposto a relanzar o proceso de acercamento a Corea do Sur e a reanudar as negociacións con Estados Unidos. Ata ese momento, Pyongyang viña esixindo de Washington o abandono de toda retórica hostil antes de reemprender calquera contacto. Lonxe quedaran os tempos de Bill Clinton, agora acusado de ceder á chantaxe nuclear, coa “connivencia do inxenuo Jimmy Carter”, segundo afirmaba recentemente William Safire en The New York Times.
Uns meses máis tarde, sen embargo, as dúas Coreas protagonizaban a maior batalla naval no Mar Amarelo dos tres últimos anos. O enfrontamento se producía xusto despois de que Estados Unidos fixara unha data para reanudar as conversas bilaterais con Corea do Norte. Con mortos e feridos a unha e outra banda, a militarizada liña do paralelo 38 ameazaba con trasladarse á sempre delicada fronteira marítima, trazada nos anos cincuenta por Nacións Unidas e que impide ao Norte acceder a unhas augas nas que abunda a pesca.
E agora, despois do anuncio da reanudación do programa nuclear, os inspectores da Axencia Internacional da Enerxía Atómica, abandonan Corea do Norte, a requerimento das autoridades de Pyongyang que aducen como causa da súa decisión a suspensión do subministro de petróleo pesado por parte de Estados Unidos, segundo se estipulaba no chamado Acordo Marco de 1994 e que contemplaba a clausura dos seus reactores de grafito moderado, a cambio de dous reactores de auga lixeira e 50.000 toneladas de petróleo ao ano. Estes dous compromisos sempre foron a remolque e case nunca se cumpriron os prazos previstos. Por iso, Pyongyang urxe un novo diálogo. A fin de contas, non outra cousa subxace nesta escenificación. As autoridades norcoreanas, tristemente, tiran como conclusión dos seus esforzos de apertura (diplomática, económica, etc) que lles iba mellor coa política de tensión. ¿Cómo normalizar as relacións cos países máis importantes do mundo se a Bush se lle da por incluílos no axis of evil?
Pasados máis de dous anos do encontro histórico entre os líderes de Corea do Norte e do Sur, o proceso de reconciliación está seriamente ameazado. O cambio de orientación na política estadounidense conlevaba o serio risco de provocar o abandono de Pyongyang da moratoria nas probas de míseis nucleares e a reanudación da producción de plutonio. O goberno de Bush viña perseguindo anular calquer oportunidade de reconciliación entre ambas Coreas coa fin de manter a ameaza dun Estado paria que xustifique a construcción e o despliegue do novo sistema de defensa antimíseis. Pola contra, a perspectiva da distensión atoparía hoxe vieiros cómodos, aínda que non espectaculares, atendendo á elección de Roh Moo-hyun como presidente de Corea do Sur. Roh, que tomará posesión do cargo en febreiro, é partidario da chamada sunshine policy do seu antecesor, Kim Dae-jung, e tamén da retirada dos 37.000 soldados que 50 anos despois da guerra de Corea aínda se resisten a abandonar a península. En Xapón, que tamén se aproximara a Pyongyang, quedan 55.000 soldados.
Pero probablemente China é o obxectivo último da presión estadounidense. Como sinalaba Safire, se Corea do Norte existe é porque o exército chinés a salvou da derrota fronte ás forzas de Estados Unidos.
Lonxe das intrigas internacionais, a poboación norcoreana, azoutada pola fame, despois de 50 anos de réxime autárquico, padecedendo a represión e o racionamento, asume as privacións inevitables dunha economía que destina a cuarta parte da riqueza nacional a manter un Exército e unha defensa nuclear que conducen a ningures.