Correa a presión

O mapa político que se traduce do referendo consultivo sobre a reforma constitucional realizado o pasado 7 de maio en Ecuador alerta sobre un escenario de maior tensión no país andino. Os primeiros datos oficiais certificaron unha notable vitoria do presidente Rafael Correa e do seu movemento Alianza País, cunha marxe de aprobación entre o 57 e o 62%, toda vez que a escasa participación electoral, estimada nun 19,1% segundo cifras oficiais, incrementou todo tipo de inquedanzas.

Non obstante, a falta de escrutarse máis da metade dos sufraxios, esta marxe reduciuse sensiblemente cara un aproximado do 50% de vitoria da opción oficialista do Si, mentres a oposición intensificaba o clima de tensión cuestionando a veracidade destes resultados. Neste referendo, os ecuatorianos debían emitir o seu voto sobre 10 preguntas orientadas á reforma constitucional e cambios legais en diversos ámbitos, con especial énfase na regulación dos contidos informativos dos medios de comunicación e a súa independencia do poder financeiro, a reforma do poder xudicial, a prohibición de xogos de azar, erradicación das touradas e a penalización do enriquecemento privado non xustificado.

De confirmarse o axustado deste escrutinio, aínda que verificado con vitoria oficialista, Correa e a Alianza País abrirán un novo ciclo con marcados contrastes para a súa hexemonía política. Diversos sectores políticos ecuatorianos especulan que, con este referendo, Correa deu partida á campaña electoral presidencial prevista para 2013, onde postúlase para a reelección. Pero de certificarse unha especie de “vitoria pírrica” para Correa abordaría un escenario que cuestionaría o pretendido consenso popular do seu Acordo Nacional, orientado á “revolución cidadá” que reconstitúa os poderes públicos en Ecuador.

Correa conta cunha indiscutible popularidade que afianza este proxecto político de cambio, personificado na pluralidade de opcións políticas asentadas na Alianza País. Non obstante, a presión de diversos sectores opositores, entre os que comezan a observarase a ex aliados políticos de Correa pero que seguen principalmente concentrados en medios de comunicación privados (claramente opostos ao seu control estatal), unha considerable porción do sector empresarial (moi probablemente persuadidos pola penalización do enriquecemento non xustificado) e a Igrexa católica, afirmará unha política de cuestionamento da popularidade de Correa, interpretando que a escasa participación electoral no referendo e a axustada marxe de vitoria para Correa, contrarrestarían notablemente a ata agora asoballante hexemonía do presidente ecuatoriano.

Aínda que de novo fortalecido nas urnas, Correa mergullarase nunha complexa posición política, sen esquecer o papel das tentacións golpistas dalgúns sectores opositores, como a presentada en setembro de 2010 tras un duro pulso entre o goberno e a policía nacional. Amparado na eventual aprobación popular da reforma constitucional, Correa tentará avanzar con maior rapidez cara a reestruturación dos poderes públicos en Quito, incluso abrindo canais de negociación cara diversos sectores, coa finalidade de consolidar a súa hexemonía política e afianzar as súas expectativas de cara ao 2013. En todo caso, Ecuador abre paso a un período de importantes definicións.