Novas de última hora dinnos que EEUU está disposto a falar con Siria e Irán, de que a Administración Bush "é consciente" de que sen eles non será posible "estabilizar o Iraq". E isto maniféstao quen non hai tantos días dixera, chea de razón e moi satisfeita, que nada de falar con eses veciños que forman parte do "eixo do mal". Moi mal debe de estar vendo Rice as cousas para corrixir desta maneira o seu rumbo.
Bota man de calquera trécola para xustificar o que ata hai ben pouco non tiña xustificación: agora serían os iraquís, non os invasores, os que fan a proposta de iniciar conversacións cos veciños. EEUU, di Rice, "participará" na conferencia que "quere auspiciar Iraq", á que "tamén están convidados Siria e Irán". Sería unha "xuntanza entre veciños" en procura da estabilidade de Iraq, á que tamén estarían convidados representantes do G8.
A linguaxe de Rice dá un xiro de moitos graos e, como se esquecese todo o que nos veu predicando, entusiásmase coa nova idea que di promoveren os iraquís: "Teño o pracer de anunciar que tamén estamos axudando aos iraquís nunha nova ofensiva diplomática: lograr un maior apoio, tanto dentro da rexión como máis alá, para lograr a paz e a prosperidade no Iraq", pois todos coinciden "asegura" en que este país precisa do apoio positivo dos seus veciños.
O cinismo de Rice non ten cancelas: di ter a "esperanza de que estes Gobernos (Siria e Irán) aproveiten a oportunidade que se lles brinda para mellorar as súas relacións co Iraq e traballar pola paz e a estabilidade na rexión". Pero as cousas van tan mal neste país "e pode que vaian a peor coa suposta nova estratexia de Bush, como de dentro do país e de fóra del lle veñen avisando" que un diría que a idea da vietnamización empeza a parecerlle posible a Rice e pode que ao propio Bush.
O problema "creado pola torpe política de Rice e dos seus antecesores" é que Siria e Irán van poñer as súas condicións, maiormente de orde comercial e estratéxico, e tratarán de sacar boa tallada pola súa colaboración. Os dous países teñen afogada a súa economía e poden ter unha ocasión para mellorala. E Irán, ademais, vai atopar maior "comprensión" para os seus programas nucleares. Pode que de agora en diante empecemos a ver que a diplomacia despraza a forza. Xa veremos.