Córsega: as engrenaxes da vindetta

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

O verán é unha boa época para facer unha visita a Córsega. Iso deberon pensar o primeiro ministro francés entrante, Jean Pierre Raffarin, e Nicolas Sarkozy, home forte de Chirac e ministro do Interior, cando a finais de xullo puxeron o pé na illa cargados cunha promesa de 1,98 billóns de euros de axuda ó desenvolvemento para Córsega, que serán repartidos nos vindeiros 15 anos. Cumprido o primeiro dos compromisos adquiridos polo anterior primeiro ministro Jospin cos representantes corsos. Malia que Raffarin e Sarkozy levaban agochada a pílula amarga de situar Córsega dentro dunha nova uniformización política, -a nova lei de descentralización-, os nacionalistas liderados por Talamoni, á fronte de Corsica Nazione, saudaron esta nova oferta de diálogo.

Vintetrés anos antes, en decembro de 1978, outra visita, a do primeiro ministro Barre, que trataba de aplaca-las hostilidades recollidas polo presidente Giscard D´Estaing, remataba en folga xeral e mais nun berro que percorría as rúas: "Giscard, Chirac, Barre, sepultureiros de Córsega, marchade". Só pasaran dous anos dende que se creara a Fronte de Liberación Nacional de Córsega -FLNC-; só tres dende os violentos sucesos de Aleria que marcaron o inicio da loita armada nacionalista en Córsega e tamén do propio nacionalismo corso. O primeiro ministro en 1975 era Jacques Chirac, que mandou a Córsega 2000 xendarmes e antidisturbios pertrechados con armas semipesadas e helicópteros, comezando así unha nova militarización da vida na illa. Son os anos nos que os grupos armados corsos, e os seus atentados, medran sen parar e con eles medra tamén a política represiva e a guerra suxa a través da Fronte de Acción Nova, saída das comisarías das forzas de seguridade do Estado ás rúas de Córsega. Obxectivo: frea-lo autonomismo e o independentismo.

Nos anos que median entre a visita de Barre e esta, agora, de Raffarin, téñense promulgado dous estatutos especiais de corte autonómico para Córsega (o de Mitterrand no 82, e o Estatuto Joxé do 91 que introduce o termo e o organismo "Colectividade Territorial" para elevar Córsega un pouquiño por riba das demais rexións), e está aínda quente a nova Lei para Córsega de xaneiro deste ano, sucesora das anteriores e malconquerida polo Partido Socialista tralas roldas de conversas cos representantes da Asemblea Rexional corsa: o que se deu en chamar Proceso Matignon.

Das cinzas de Matignon

Despois da retirada das candidaturas de Corsica Nazione e Independenza, e distinguíndose máis unha vez do que pasou no resto de Francia, a desfeita socialista nas eleccións presidencias e lexislativas tivo o seu reverso nos tres, de catro, deputados elixidos por Córsega para a Asemblea Nacional. ¿Votou Córsega máis "libre", pasando quizais das chamadas republicanas á fronte anti-Le Pen, ou volveuse de esquerdas unha sociedade escorada á dereita dende hai anos’? Probablemente non tanto, pero o certo é que os tres estatutos de autonomía promulgados ata o momento para a illa son froito de gobernos socialistas.

Córsega, que representa menos do 1% do peso electoral no Estado, un 0,4% da poboación gala e o 0,3% do seu PIB é, dende hai moito, telón de fondo permanente nas eleccións francesas, constituíndose por méritos propios e alleos no "buraco negro político" da Francia contemporánea. Non ocupa moito ou ningún espacio nos programas políticos das partidos estatais, pero constitúe unha chave psicolóxica aletargada baixo deles.

Baixo a ameaza lepenista, baixo o tema económico ou aquel da seguridade, ou mesmo engadido a este último, os neogaullistas e os seus achegados soberanistas seguiron "indo contra Córsega" para atacar a Jospin. Nas postrimeiras datas das eleccións presidenciais, Chirac respostaballe así, dende a Guayana francesa, ás promesas autonomistas de Jospin: "coñezo un só pobo e unha nación no seo da República: o pobo francés e a nación francesa". Esta apelación á reacción, interesada e hipócrita, "ao que queda de Francia" no medio da mundialización, poder ser, quizais, á chamada a un espírito moribundo. Pero antes disto, outro espírito, o de Matignon, cara a consecución da autonomía corsa, xa estaba morto. Morto na súa esencia, malparido.

Como efectivamente era de prever, o Goberno Jospin foi recurtando pola súa banda o perfil dos artigos do Estatuto, sobre o que chegara a un acordo coa Asemblea corsa e os seus membros nacionalistas despois dun ano e medio de conversas. Jospin estaba obrigado a asegurarse os votos dos liberais e centristas para a aprobación do texto na Asemblea Nacional. É neste momento, entre maio e novembro de 2001, cando o que resta de Estatuto comeza a parecerse cada vez máis ó "café para todos" xa experimentado na España das Autonomías. Córsica Nazione dálle entón as costas ó proceso. Aprobado a treu pola Asemblea Nacional Francesa, xa reducido, o novo Estatuto será novamente recurtado polo Senado en novembro de 2001 e, finalmente, verá anuladas algunhas das súas disposicións polo Consello Constitucional en xaneiro deste mesmo ano. O Constitucional anula o embrión de poder lexislativo para a Asemblea corsa contido no art.1, en realidade unha simple posibilidade de adaptación dalgunhas leis francesas. Sen poder lexislativo non hai Estatuto de autonomía que poida ser chamado así; os únicos aspectos significativos que Asemblea Nacional, Senado e Constitucional deixan en pé son o da aprendizaxe do corso dentro do horario normal do ensino (con carácter voluntario e non obrigatorio como figuraba no primeiro borrador) e máis unha serie de disposicións fiscais tendentes a palia-lo atraso económico.

Dende as primeiras etapas do proceso preautonómico para Córsega -iniciadas por Miterrand no 82 coa creación da Asemblea corsa- o proceso foi inspirado pola evolución dos estatutos dos Departamentos Franceses de Ultramar, pero nestes momentos a porta para unha maior aproximación a aqueles máis desenvolvidos en materia lexislativa e cultural, os de Polinesia e Nova Caledonia, semella definitivamente pechada polo Goberno.

Resta entón unha lei, a Lei relativa a Córsega nº2002-92 de 22 de xaneiro de 2002, que é agora o modelo para a descentralización que pensa pór en marcha o Goberno entrante de Raffarin, unha reforma pola que, ó fin e ó cabo, tamén pulaba o centro-dereita liberal vencellado á Agrupación para a República -RPR-, de Chirac a través da Unión para a Maioría Presidencial – UMP-. Entre eles, un pouco ás agachadas , o presidente da Asemblea Rexional corsa, José Rossi, voceiro nacional da dereitista Democracia Liberal -DL-, francesa na Francia, neoclanista en Córsega. A nova reforma do Estado preparada polo Goberno pasará por unha revisión constitucional, prevista para o 2004, que lle conferirá novos poderes e competencias ás rexións, que pasarán a ser contempladas pola Constitución. Antes, Raffarin acometerá en outubro a sinatura dos decretos de aplicación do Estatuto corso que permitirán o seu pleno exercicio antes de final de ano.

Malia todo, a postura de Corsica Nazione, que non ocultou nunca que para eles o proceso de Matignon é só unha etapa cara á independencia, é continua-lo diálogo co novo Goberno e pular por unha evolución estatutaria que inclúa o poder lexislativo. O proceso do retorno á paz debe conter unha solución política.

Corsica Nazione fíxose forte ante o Estado francés, polo menos para a opinión pública, durante Matignon. Mais Talamoni non fixo senón aproveitar para Corsica Nazione a tradición de partido interlocutor do Goberno que xa acumulaba Cuncolta cos Gobernos Balladur e Juppé. Conscientes de que a época da clandestinidade debe ser superada, os independentistas de Corsica Nazione buscan unha estructuctura máis axeitada ó marco eleitoral que lles proporcione unha maior forza negociadora perante o Goberno de París. A visita dos ministros coincide cunha nova reforma no seo nacionalista que asocia ó partido Indipendenza (formado pola Cuncolta Independentista e outros tres partidos nacionalistas no 2001)), á coalición eleitoral Córsica Nazione, e ó FLNC coma supervisor e o apoio da ANC e os Verdes, contando ademais con Unità coma foro de discusión e militancia de clara vocación internacionalista. Así, durante a tradicional celebración das Ghjurnate Internazuinale, que cada agosto reúnen ós nacionalistas corsos con representantes doutros pobos sen Estado, Corsica Nazione anuncia a preparación de listas electorais para a constitución dunha "Asemblea Nacional provisoria" para preparar un proxecto constitucional, na perspectiva dunha futura independencia da illa.

Non obstante esta imaxe compacta, representada hoxe pola ampla coalición montada por Corsica Nazione, o nacionalismo corso segue a ser un nó inextricable de grupos e tendencias de difícil manexo, -UPC, Scelta Nova e Mossa Naziunale veñen de acordar, pola súa banda, a creación do Partitu di a Nazione Corsa-, que está aínda á busca dunha vella forma: a do partido eleitoral.

Durante estas Xornadas Internacionais de Corte fica intramontable a reivindicación nacionalista sobre os presos políticos, ultimamente máis dirixida ó reagrupamento e traslado dos presos á prisión de Borgo, en Bastia, que ó pedimento dunha amnistía. Segundo o Comité Anti-represión corso, os prisioneiros corsos considerados políticos serían na actualidade 31, todos presos en cárceres da periferia parisina. Agora ben, o número total de detidos é descoñecido e dende logo moito maior: en outubro de 2001, a ministra de Xustiza, Marylise Lebranchu, estimaba o seu número en 200. A cuestión prioritaria para os militantes corsos afecta, nembargantes, a unha cantidade moito máis limitada situada en torno á primeira cifra.

Queda aínda por facer un chamamento claro e efectivo á deposición das armas. Hai un mes escaso, o dez de agosto, un novo movemento clandestino (Armata de Liberazione Naziunale, ALN) perpetraba o seu bautizo coa reivindicación dun atentado, uníndose así á media ducia de distintos grupos armados (vencellados a outras tantas facianas políticas) que seguen loitando na illa contra os intereses do Estado, as instalacións turísticas e entre eles mesmos.

O nacionalismo coma unha onda modernizante

Sería un erro considerar que a sociedade corsa vive escindida entre os partidarios do Estado francés e aqueles do independentismo. En realidade, a gran maioría dos habitantes da illa semella situarse entre ambas estremas. Agora ben, para gran parte dos corsos, os franceses non representan senón a última potencia en facerse cargo da illa, unha "madre patria" distante e asimiladora. Córsega, como territorio francés, só acumula 200 anos de historia, que veñen engadirselle á secular ocupación estranxeira por parte da potencia de quenda, que buscaba antes que nada facerse con esta encrucillada das rotas comerciais do Mediterráneo. Férrea resistencia e abondancia de gobernos militares ata xa ben entrado o XIX gornecen a historia corsa, que só consegue organizarse en Estado independente en 1755, cando Pascal Paoli acada unifica-la resistencia e bota ós xenoveses. Paoli promulga unha Constitución democrática 30 anos antes da Revolución Francesa; institúe a Universidade; cuña moeda, e establece relacións comerciais propias. Dura moi pouco: Francia resarcirase da perda de colonias en 1768 ocupando Córsega novamente; ata o de agora.

A recuperación do sentimento nacional corso toma a súa forma actual a partir do movemento de reivindicación da autonomía xurdido na década dos 60 e nútrese, fundamentalmente, do principio de que ningún dos pobos que dominaron Córsega ó longo dos séculos logrou administrala de xeito satisfactorio. En consecuencia, a autodeterminación é a única saída posible, xa que Francia non fai senón aplicar unha nova política colonial, especialmente dende o punto de vista económico. Economía asistida, falla de xustiza territorial, opresión e miseria crean unha situación de inxustiza permanente, moi doente respecto ó benestar do que disfruta a Francia continental. Esta situación de inxustiza é, segundo o histórico líder nacionalista Edmond Simeoni, o fundamento máis poderoso da revolta dos corsos; unha inxustiza que non é ata tal punto a identidade, pero que si contribúe a conformala.

Sumido dende o inicio en fondas divisións, o nacionalismo corso non se ten formado aínda como unha forza política unitaria. Pero isto non quere dicir que non se teña imposto coma forza política de envergadura, cada vez máis no terreo representativo onde Córsica Nazione conta co 16% dos 51 escanos na Asemblea corsa, dominada hoxe, coma sempre, pola dereita francesa. É nembargantes no nivel simbólico onde o nacionalismo impón a súa loita, dun xeito máis sociolóxico ca ideolóxico, na identificación co sentir corso. O movemento nacionalista contemporáneo fornece as súas ringleiras con ideoloxías diversas. Dende o marxismo -ó estilo das loitas de emancipación contra o Estado colonial- ata a estrema-dereita. Os obxectivos tamén son, en principio, diferentes, aínda que poidan mudar en cada grupo tendo en conta sobre todo a súa forza negociadora: autonomía, independencia. Destas divisións ten tirado bo proveito o Estado francés, que se ben non pode se-lo responsable da súa existencia, si ten movido os seus fíos encauzandoas á súa maior vantaxe. No medio das ideoloxías, existe unha enorme autocaracterización apolítica. Dito isto, se o nacionalismo se ten imposto como forza política de primeira orde gañando respectabilidade mesmo por riba da violencia, é, segundo Emmanuel Bernabéu-Casanova -autor de varios libros que afondan no tema- gracias ó seu discurso simple, cada vez máis relaxado e nin de dereitas nin de esquerdas…

En contra do que acontece cos distintos movementos que portan o estandarte nacionalista, o corpo teórico, os grandes temas, si conforman unha temática estable ó longo dos anos. Sobre a teoría nacionalista atopamos un acordo de principios (recoñecemento do pobo corso, autonomía, cooficialidade da lingua) que fai que sexan estes os temas presentes nas distintas roldas de negociacións nacionalistas-Goberno francés. Bernabeu-Casanova sinala cinco esteos que virían a constituí-lo centro da fundamentación nacionalista contemporánea: étnico, cultural, político, económico, medioambiental.

A "etnicidade" do nacionalismo non sería outra cousa que a defensa do pobo corso. Agora ben, neste caso, a defensa dos corsos enténdese como unha auténtica cuestión de supervivencia que enlaza directamente co problema demográfico da illa. Córsega é, con 260.000 habitantes, a illa grande menos poboada do Mediterráneo, véndose afectada ademais por dous coñecidos fenómenos das sociedades desenvolvidas: avellentamento, baixa natalidade. Estímase que algunhas zonas do interior montañoso rexistran unha densidade poboacional semellante á do Sáhara. As sucesivas ocupacións estranxeiras, a miseria, e a busca de estudios e traballo empurraron os corsos a demandaren fóra o sustento que non atopaban na illa. Na Francia continental (Marsella, Lyon ou Paris son "pequenas Córsegas"), nos Departamentos de Ultramar, ou en Puerto Rico, Venezuela e México atopamos abondosas comunidades corsas que, hoxendía, forman unha diáspora dunhas 700 ou 800 mil persoas, case tres veces o total de habitantes da illa.

Pero Córsega é tamén terra de acollida; estímase en preto de 20.000 -un 8% da poboación- os estranxeiros que residen nela. Moitos podémolos agrupar por comunidades: marroquinos (12.000), italianos (3000), portugueses (outros 3000), ou tunecinos (2000), outros son franceses continentais e, mesmo, dende algunhas visións, tamén os centos de miles de turistas de verán. Todo isto fai que moitos corsos se sintan coma unha minoría no seu propio país. A chegada, en 1975, de 17.000 "pieds-noirs" -franceses repatriados de Alxeria-, ós que o Estado facilitou as mellores terras agrícolas e boas axudas económicas para instalárense na illa, supuxo non só o rexeitamento de moitos, senón a sensación de estar sendo afogados demográfica e economicamente polo Goberno francés. Deste estado de ánimo sairá o violento suceso de Aleria, no que a maioría sinala o paso ó actual modelo nacionalista, que terá a súa máis duradeira vertente armada e espiritual na Fronte Nacional de Liberación de Córsega -FNLC-, creada un ano despois.

Esta posible "desaparición" do pobo corso, aludida no esteo étnico aparecería precedida, na teoría nacionalista, por unha perda progresiva dos valores e marcas identitarias. Así, os primeiros tempos do nacionalismo moderno -fase A- están marcados pola loita por promove-la lingua e a cultura corsas. Malia que é nos anos 50 onde moitos especialistas datan esta fase, xa no 1914 xorde un movemento cultural, ó redor do xornal "A Tramuntana", integrado por estudiantes con inquedanzas nacionalistas. Os anos seguintes contemplan o nacemento de varias revistas que recuperan o pensamento e a poesía nacionalistas dos ancestros, sobre todo do XIX, e nos anos 20 o escritor Pietro Lucciardi lanza a consigna patriótica por excelencia: "Si tu se corsu fa da corsu" (Se es corso, defende o corso).

Haberá que esperar ós anos 70 para que este berro tome a súa forma actual, a reclamación do recoñecemento oficial da lingua corsa. De maneira paralela ó ascenso do movemento independentista, algunhas asociacións -Scola Corsa á cabeza- comezan a ofrece-lo ensino do corso durante a década dos 70. O movemento nacionalista -segundo algúns a "practicidade " da súa vertente violenta"- é directamente responsable da creación da Universidade en Córsega, que máis ben é unha reapertura daquela fundada por Paoli en 1764 e abolida polos franceses en 1969.

O Estado francés segue a nega-lo recoñecemento oficial da lingua corsa (que nembargantes está incluída dende 1974 na Lei Deixonne sobre linguas rexionais), amparándose na súa escasa normativización, cousa nada estraña xa que malia ser maioritariamente falada pola poboación, segue no escrito a estar discriminada. Claro que, de recoñece-la lingua, sería bastante difícil deixar de recoñecer tamén a existencia dun pobo corso. O Estatuto para Córsega do 2002 tampouco contempla a obrigatoriedade do ensino da lingua corsa en primaria e secundaria, tal como pedían os nacionalistas. Aquí, en Galicia, tras corenta anos de ditadura, e tras catro anos de ensino voluntario do galego, introduciuse en 1979 o ensino obrigatorio da lingua e a literatura galegas na ensinanza obrigatoria e media.

A loita da modernización contra o non-desenvolvemento na illa terá como base a loita contra a súa estructura social, política e económica: o clanismo. O nacionalismo corso dase como misión romper co clan, unha rede que pecha tódolos habitantes e actividades da illa. O clan conta, por unha banda, coa posibilidade de se asegura-la fidelidade dos seus a través da oferta de pensións e empregos; doutra, controla as eleccións, facendo uso non disimulado da fraude e a compra de votos. Cando a Francia da Terceira República toma por fin interese en integrar Córsega é no clan onde atopa o interlocutor perfecto para controla-la illa e asegurar, aínda que mediado, o exercicio do seu poder, asinando unha especie de acordo tácito que aínda funciona hoxendía. Coma un cacique, o clan non só busca a alianza co Estado; actúa coma freo ás interferencias económicas e culturais que puidesen vir da Francia continental. É dicir, ó xurdimento dun capitalismo industrial ou comercial, asegurandose ó tempo de non favorecer as condicións dun desenvolvemento agrícola corso que sen dúbida tería posto en cuestionamento o seu poder.

É fronte a esta sociedade bloqueada contra a que o nacionalismo opón a súa visión social, pero esta oposición, tan clara na teoría, incorre nun mundo de contradiccións confrontada na realidade. Moitos analistas falan da reproducción da lóxica do clan no funcionamento dos movementos nacionalistas. Entre eles, François Santoni e Jean-Marie Rossi, veteranos activistas clandestinos asasinados nos anos 2001 e 2000, respectivamente, tras publicar un libro no que denunciaban as relacións de líderes nacionalistas de grupos rivais con sectores mafiosos e ultradereitistas da illa. Á guerra fratricida entre os grupos nacionalistas, ós atentados (tradicionalmente contra bens inmobles do Estado ou instalacións turísticas), engádense o non respecto á lexislación sobre armas, as primas agrícolas sen fundamento legal, as construccións ilegais, que certifican a existencia dunha especie de "estado delincuencial" na illa. Ás revelacións de Santoni e Rossi segue o informe que Jospin, empeñado nunha operación "mans limpas" encarga a Jean Glavany sobre a corrupción en Córsega. Nel denunciase a presencia de bandas organizadas na illa, un "sistema corso" emerxente e "premafioso", así coma unha rede de extorsión creada por algúns grupos nacionalistas. Novo exemplo de demonización dos corsos, pensan moitos, que terá o seu irónico contrapunto cando en abril de 1999 collen coas mans na masa a un grupo de xendarmes (enviados polo prefecto Bonnet) prendéndolle lume a un restaurante de praia que non cumpría as normas legais. Bonnet é destituído e logo xulgado en novembro de 2001. Ata o momento este é o único xuízo contra as altas instancias estatais da illa, dispostas, moitas veces, a facer cumpri-la lei por riba da lei. Pero un informe posterior da Asemblea Nacional Francesa analiza as graves irregularidades no funcionamento das forzas de seguridade do Estado na illa, así coma as rivalidades e enfrontamentos entre os distintos corpos. Quedarán sen solucionar os asasinatos de Santoni e Rossi, así como o do prefecto Erignac (ó que sucedeu Bonnet): operacións encubertas das forzas de seguridade do Estado, ou obra de nacionalistas enclanizados. A violencia é así o maior atranco pendente para a normalización da illa; unha violencia que no caso dos nacionalistas é frecuentemente xustificada como o "lexítimo dereito do pobo corso a acada-la súa soberanía" e que, segundo moitos, tense revelado práctica e resultadista: creación da Universidade de Córsega en 1981, Estatuto particular do 82 revisado no 91, zona franca adoptada en 1996, son consideradas, amén da súa lexitimidade, respostas dos poderes públicos á violencia. Algo que tamén ocorre coa apertura do proceso de Matignon tralo asasinato de Erignac, o atentado de máis amplo alcance realizado na illa.

Contra a corrupción e a violencia é evidente que unha sociedade autosuficiente é máis resistente ca unha sociedade asistida. Córsega o é, na visión económica, porque foi abandonada polo Estado francés. O esteo económico do nacionalismo non pode senón radicar na loita contra o non-desenvolvemento. Para moitos mozos obrigados a emigrar á Francia continental para estudiar, o contraste resulta unha realidade inaceptable. Córsega segue, a principios do século XXI, á busca dun modelo económico. Un PIB situado no máis baixo da táboa francesa; unha taxa de poboación activa menor ca metropolitana; unha industria (7% da poboación activa, 5% da renda per cápita) case inexistente, que ademais xira en torno a unha filial continental, e unha agricultura -en franca decadencia- dependente das subvencións do Estado francés e da Unión Europea; unha taxa de paro do 12,8%, e o Estado coma maior empregador na illa (39% da poboación activa), resultan, certamente, nunha comparación inaceptable.

A insularidade, que encarece os prezos da producción local e complica as actividades comercias, a emigración, o descenso demográfico, as barreiras aduaneiras e a escaseza de materias primas conforman unha situación na que os analistas do Estado, que aínda non proporcionaron ningún plano de desenvolvemento económico serio para a illa, non ven outra saída que non sexa o turismo, que xera hoxe o 10% da riqueza illeira. Os nacionalistas denuncian esta política de desenvolvemento mono-industrial, que viría supor unha fórmula de asimilación tendente a crear unha "colonia" de poboación durante os dous meses de verán, condenando á illa a vexetar durante o resto do ano.

¿Economía asistida? Certamente Córsega recibe moitas axudas financeiras, tanto por parte do Estado francés -máis de 1.200 millóns de euros ó ano- como da UE, que converteu Córsega no terreo preferido das axudas rexionais. É precisamente o feito de que Córsega sexa a rexión francesa que máis fondos estructurais percibe da UE o factor causa-efecto que viría converterse, nos últimos anos, noutro posible esteo do nacionalismo, tendente á negociación directa Córsega-UE.

Relacionado así tanto coa reacción contra o todo-turismo, coma coas oportunidades que ofrece para as rexións a política comunitaria, actúa outro dos fundamentos do nacionalismo corso: o medioambiental.

Nacionalistas-Verdes: a estratexia europea

"Variedade e beleza das paisaxes, riqueza dos ecosistemas, medioambiente moi preservado, identidade cultural forte, gran potencial turístico, costa pouco urbanizada". Así describía, no 95, un informe da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea as potencialidades de Córsega cara o seu desenvolvemento. Son características -costa pouco urbanizada, gran potencialidade turística- que marcarán na illa a discusión entre os diferentes modelos económicos. Discusións que se tornarán acedas e contradictorias respecto ó artigo 12 do novo Estatuto do 2002, que contempla a posibilidade de que a Asemblea corsa adopte condicións específicas de aplicación da Lei do Litoral francesa.

É a partir dos anos 60 (marcados por unha mobilización popular que desbota o proxecto do Goberno francés de instalar un centro de experimentación nuclear en Córsega) que podemos falar da existencia dun nacionalismo-ecolóxico que se apoia nunha longa tradición identitaria tendente á defensa do patrimonio natural corso. A loita medioambiental devén entón en elemento unificador dos movementos nacionalistas, e tamén nun excelente trampolín electoral cara Europa.

Os contactos iniciados cara as eleccións presidencias de 1988 entre o máximo representante do eco-nacionalismo, a Unione di U Populo Corso -UPC- de Max Simeoni, e os Verdes de Antoine Waechter, comezarán a conformar unha estratexia que se completará nos anos 90 coa compañía da Cuncolta Independentista e Corsica Nazione. A asociación dos Verdes Corsos, vencellada ós Verdes franceses, proporcionará diversos padroádegos nas súas ringleiras eleitorais ós nacionalistas corsos, algo que se vía necesario entón para estreita-los lazos cos movementos nacionalistas, autonómicos e independentistas do Estado francés primeiro -alsaciáns, bretóns, bascos- e logo no nivel europeo, onde a voz nacionalista corsa comezará a ecoar no Parlamento Europeo entre as cadeiras verdes. É durante este decenio que a toma de posición política sobre o proceso de construcción europea dos ecoloxistas-nacionalistas introduce a especificidade de Córsega no seo da Unión Europea. Con ocasión da ratificación do Tratado de Maastricht, Córsica Nazione e os Verdes Corsos piden a abstención; estiman que este é un voto Estato-Francés xa que a especificidade corsa non é tida en conta, cousa que si ocorre en cambio nos casos de Madeira e Açores. Reivindican así o recoñecemento da especificidade illán e mediterránea corsa coma garante de medidas derogatorias do Dereito Comunitario. Córsega pula por ser incluída nun programa POSEI (opcións específicas para a insularidade e a perifericidade) pero é rexeitada pola Comisión Europea. A través dun proxecto comunitario para as illas do Mediterráneo occidental, Córsega intégrase en 1994, xunto con Baleares e Sardeña, no Arco Latin, disociándose simbolicamente da fachada marítima francesa (cómpre sinalar que ata o ano 81 estaba adscrita á rexión Provenza-Alpes-Costa Azul). Un ano despois, e xa dentro da estructura Imedoc -Illas do Mediterráneo Occidental- constituiranse nunha especie de lobby illeiro , ó que se engadirá Sicilia no 2000.

A vontade de Bruxelas en favorece-la aparición de grandes eixos rexionais a escala europea, así coma as estructuras de discusión propiciadas polo Interreg, teñen proporcionado ás illas mediterráneas nos últimos anos a posibilidade de reclamar un Estatuto particular dentro da UE, algo moito máis plausible que os proxectos, defendidos no Parlamento Europeo pola UPC e o Partido Sardo di Azione no grupo Arc-en-ciel, tendentes á consecución dunha posible confederación corso-sarda.

Os Verdes Corsos terína constituído deste xeito, -segundo Marianne Lefevre, "Écologie et géopolitique en Corse"-, unha especie de formación política nacionalista satélite, que se diferenciaría dos partidos tradicionais en canto forman un partido europeo, afortalado polos elixidos verdes rexionalistas e federalistas.

No nivel corso dá fe o bo funcionamento desta alianza, a creación no ano 1999 dunha Comisión dos Asuntos Europeos na Asemblea corsa, e o feito de que a súa creación e presidencia lle fose encargada polo presidente Rossi a Jean-Guy Talamoni. O primeiro informe feito público pola comisión, foi elaborado por Alain Lipietz, responsable nacional dos Verdes e deputado europeo polo grupo Verdes.-Alianza Libre Europea, que reúne os ecoloxistas e os deputados dos pobos sen Estado de rexións autónomas coma os bascos, os flamencos, galegos ou os escoceses. O informe, titulado "Unha ambición europea para Córsega", afonda neste vontade común de pór en marcha unha verdadeira Europa das Rexións, federalista e supranacional, así coma o consenso sobre o reposicionamento da illa no espacio nacional e europeo.

Na reivindicación nacional corsa non se debe ollar a sonada débeda de sangue como só un sanguiñento adobío folklórico. Pensar e actuar en termos de vindetta tamén vén dado pola falla dun poder sólido, naturalmente, o propio poder. E como se tira dalgúns dos regulamentos desa ancestral xustiza, o que se declaraba coma unha guerra podía rematar coa sinatura dun tratado de paz. Para iso non cómpre só lava-la honra; tamén hai que gaña-la supervivenccia coma pobo.