Cortina de fume

O pasado 24 de xaneiro, ó pouco de saberse que o fiscal independente Kenneth Starr investigaba ó presidente Clinton polos presuntos delitos de falso testimonio, obstrucción á xustiza e perxurio, The Washington Post anunciaba a proximidade da decisión de atacar o Iraq. Poucas semanas despois, desátabase unha das crises máis serias deste longo conflicto. Unicamente a intervención directa de Kofi Annan, o secretario xeral da ONU, pudo evitar a guerra.

Os paralelismos coa situación actual son evidentes e lembran o argumento do film Wag the Dog (Cortina de fume). Para sair da delicada situación en que se atopa e desviar a atención da opinión pública, a Administración Clinton bota man do eterno Sadam Husein. O mesmo The Washington Post revelaba hai uns días a existencia dun plan da Casa Branca para financiar a oposición a Sadam e conducir ó líder iraquí perante un tribunal internacional acusado de crimes de guerra. O 2 de agosto chegaba a Bagdad o australiano Richard Butler, xefe da comisión especial de Desarme da ONU, e nun par de días deu por rematadas sen acordo as conversas abertas coas autoridades de Iraq.

¿Estamos en vésperas dunha nova crise? Non é unha hipótese descartable. Esperanzados polo aparente éxito da xira diplomática do pasado Maio, as autoridades iraquíes están indignadas ante a ilimitada duración das inspeccións e as resistencias ó levantamento do embargo. É previsible que intenten forzar outra negociación para suavizar as sancións internacionais. Por outra banda, unha crise asi viría como anel ó dedo a un Clinton agobiado pola presión do caso Lewinski e, agora tamén, do suposto financiamento ilegal da súa campaña electoral de 1996.