20041023hashim thaci kosovo pristina02

Cosova

 Ibrahim Rugova
O partido de Ibrahim Rugova gañou as eleccións lexislativas do pasado sábado, decisivas, se dicía, para conformar esa lexitimidade indispensábel que debe permitir encarar as negociacións sobre o futuro estatuto político de Cosova en 2005. (Foto: Ibrahim Rugova, Pristina-Cosova, 23/10/2004).
Hashim Thaçi
¿Novidades salientábeis en relación aos comicios de 2001? Hashim Thaçi, ex xefe da guerrilla albanesa, quedou en segundo lugar. Outro exguerrilleiro, Ramush Haradinaj, quedou terceiro. O partido de Veton Surroi, paseado non hai moito como paradigma da liberdade de prensa nos Balcáns e agora especie de "Polanco" albanocosovar, fortuna mediática incluída, quedou, cun 6%, moi lonxe do 20% que lle outorgaban algunhas enquisas. (Foto: Hashim Thaçi, Pristina-Cosova, 23/10/2004).
 

O partido de Ibrahim Rugova gañou as eleccións lexislativas do pasado sábado, decisivas, se dicía, para conformar esa lexitimidade indispensábel que debe permitir encarar as negociacións sobre o futuro estatuto político de Cosova en 2005. ¿Novidades salientábeis en relación aos comicios de 2001? Hashim Thaçi, ex xefe da guerrilla albanesa, quedou en segundo lugar. Outro exguerrilleiro, Ramush Haradinaj, quedou terceiro. O partido de Veton Surroi, paseado non hai moito como paradigma da liberdade de prensa nos Balcáns e agora especie de "Polanco" albanocosovar, fortuna mediática incluída, quedou, cun 6%, moi lonxe do 20% que lle outorgaban algunhas enquisas.

Se os comicios conseguiron dirimir, unha vez mais, o debate sobre a primacía política no seo dos albaneses, o problema de fondo, a cuestión serbia, quedou sen resolver e seguirá polo tanto a demandar unha atención particular. O boicot serbio foi masivo, evidenciando unha considerable unanimidade colectiva á hora de cifrar o seu descontento pola insuficiencia da protección das forzas de Nacións Unidas despregadas sobre o terreo, sorprendendo pola súa amplitude, non soamente ao xefe da misión, Soren Jessen-Petersen, senón aos propios serbios, tanto aos que apelaron ao voto (presidente de Serbia e o seu ministro de exteriores) como ao boicot (primeiro ministro de Serbia e Igrexa Ortodoxa).

A importancia destes comicios radicaba no feito de determinar o corpus político que debe sentar as bases do autogoberno e do futuro de Cosova. Nos próximos anos, a administración internacional transmitirá progresivamente boa parte das súas responsabilidades e competencias ao novo goberno e o futuro de Cosova debe quedar definido, en Serbia ou plenamente independente, como afirma pretender Rugova. Estas eleccións, ademais, deberían servir para configurar un goberno moito mais coesionado e coherente, características que se botaron en falla no anterior gabinete, integrado por diferentes partidos (Liga Democrática, Partido Democrático e Alianza polo Futuro de Cosova) e con ministros que se comportaban coma se estivesen na oposición: o primeiro ministro, Bajram Rexhepi, pertencía ao Partido de Thaçi, principal rival de Rugova. A falla de competencias reais, exercidas no fundamental polos administradores do protectorado, non impedía que as disensións entre os seus integrantes se trasladaran ao conxunto da cidadanía.

A reivindicación dunha oposición verdadeira, propia dun sistema político normalizado, debía ser unha consecuencia natural deste proceso electoral, poñendo fin a esa especie de goberno de concentración nacional que malfuncionou durante os últimos catro anos. Non obstante, todos os partidos albaneses queren estar na poder, porque ser oposición non resulta rendible para ninguén, afirma Heather Kashner, do Instituto Nacional Democrático de Prístina. É probable por tanto que asistamos aínda a algúns movementos que recompoñan o actual mapa partidario no seo das forzas albanocosovares. Pero a normalidade nunca será completa se ninguén é capaz de ofertar un proxecto de convivencia crible para a minoría serbia. A forza multinacional impuxo un cupo parlamentario, pero de pouco val se non se acompaña doutras medidas que xeren esa confianza, aínda rota por un enfrontamento que nunca se pechou de todo.