Os voceiros da KFOR remataron por recoñecer este verán que, en Cosova, actúan "formacións terroristas, que desexan propaga-los conflictos ós países veciños e desestabilizar toda a rexión". Por baixo do remanecemento da violencia organizada, agroma, dende a intervención, unha violencia de "baixo nivel" que lle lembra á poboación que a ameaza dunha violencia máis seria está presente.
Contra o agardado pola UNMIK (Administración Provisional das Nacións Unidas en Kosova), que reina sen gobernar en Cosova, as relacións interétnicas semellan irreversiblemente danadas pola destrucción da vida que alí tivo lugar. Nunha situación caracterizada aínda polas tensións interétnicas, a violencia, a politización de cada suceso, as xustizas paralelas e o alto grao de impunidade, o Ministerio do Interior de Serbia conta, dende a chegada das forzas internacionais da KFOR e a administración da UNMIK a Cosova en xuño de 1999, e ata o 9 de agosto deste ano, 6535 atentados, 1201 mortos,1328 feridos e 1146 secuestrados; serbios.
A crise coincide coa publicación dun estudio do Internationales Konversionszentrum de Bonn, a Fundación Friedrich Naumann e a Saferworld, que conclúe que a tendencia cara modelos monoétnicos que prevalece nos Balcáns trala desintegración da República Federativa de Iugoslavia é poderosa, e que o único obstáculo para a realización completa dunha Cosova monoétnica albanesa é a presencia dos vehículos armados da KFOR. Estímase que as minorías (serbia, xitana e eslavo-musulmana) constitúen hoxe o 8% da poboación de Cosova, contra o 15% anterior á intervención. Na postguerra de Cosova, a violencia teríase revertido: se nos 90 eran os albaneses a minoría que sufría persecución dentro do Estado, son agora os serbios a nova minoría ameazada polo embrión de, cicais, un novo Estado. A diferencia doutros traballos, o estudio de Matveeva e Paes pon o aceno nesta violencia de "baixa intensidade", nas técnicas indirectas, de intimidación física e emocional. Unha delas, a compra estratéxica de propiedades, tentaría converte-las áreas mixtas da Cosova central en monoétnicas. Ós serbios que posúen casas en boas localizacións ofrécenselles cantidades infladas polas súas propiedades. Se se negan a vender, son ameazados, pero a soa adquisición dunhas poucas casas fai que toda a comunidade se sinta en perigo, tamén porque, unha vez o poboamento está máis misturado dende o punto de vista étnico, é moito máis dificil para a KFOR protexe-la área con efectividade, o que contribúe a que máis serbios abandoen Cosova.
Moi concretamente, namentres a tendencia a unha independencia de facto é maior, a ausencia dun acordo sobre o status da que aínda é Provincia serbia fai que a xente viva nun limbo político. Para as minorías, a ausencia de status político significa falla dunha vida normal, convencemento de que a súa situación definitiva está quedando afastada dos trocos no xogo internacional do poder que provocaron a intervención. Tras esta, Cosova aparece cada vez máis dividida, coa poboación serbia moza e "máis capaz" abandoando Cosova e a conversión progresiva das áreas mixtas en áreas albanesas monoétnicas. Tamén en contra da retórica da UNMIK, os novos desprazados serbios non retornan; só o fan pequenos grupos de gandeiros que non atopan traballo en Serbia e refuxiados da Krajina, que non contan con esa consideración política ó desprazarense todos ás áreas "máis serbias" do norte cosovar. En realidade, estaría a producirse unha especie de selección natural entre os propios serbios, que soamente na zona norte da dividida cidade de Mitrovica semellan ter algún futuro, en tanto a poboación avellentada e campesiña dos enclaves, as áreas periurbanas e os que viven illados, vese falla, aparte da inmediata seguridade física, de liberdade de movemento, oportunidades de traballo, acceso á educación, sanidade e xustiza.
No norte, en troques, a situación cambia. Os movementos de poboación trala guerra do 99 debuxaron unha grande cidade, Mitrovica, dividida en dous sectores: unha Mitrovica norte serbia e unha zona sur albano-cosovar. Son numerosos os observadores que sinalan que a maioría dos albaneses que se instalaron en Mitrovica en 1998-99 eran antigos soldados do KLA, máis ca residentes históricos con enraizamento na rexión. Pola súa banda, moitos dos serbios residentes no norte de Mitrovica son desprazados de outras partes de Cosova, a miúdo máis hostís cara os albaneses que os xa establecidos en Mitrovica.
Convencionalmente, segue a considerarse Mitrovica o modelo para unha posible partición estatal sobre o río Ibar, por máis ca, se o seu poboamento non foi espontáneo, outro tanto pode dicirse dunha paz armada que non consegue que deixe de ser un dos principais focos de tensión en Cosova. A expulsión parcial de albaneses da parte norte da cidade a principios de 2000, xunto ó ataque albanés a un autobús da ONU que trasladaba serbios, causou novas xornadas aínda máis violentas, polo que, en febreiro dese ano, a KFOR afortalou a súa presencia organizando as súas tropas ó longo do río e asegurando, de feito, a partición.
E, con todo, pese a facerense fortes alí, a situación dos serbios de Mitrovica é peor á dos que habitan en enclaves ou áreas mixtas, moi particularmente porque non son considerados como "minoría" polas organizacións internacionais e as ONGs e, consecuentemente, a eles chega unha parte moi pequena da axuda humanitaria. A comunidade máis vulnerable non é, porén, nin a serbia nin a albanesa, senón a xitana, xa que os albaneses queiman as súas casas por consideralos informantes das estructuras de seguridade serbias, e, a diferencia dos serbios, non poden contar co apoio de Belgrado para organizarense en forzas políticas cribles, a miúdo tamén relacionadas, nos casos serbio e albanés, coas paramilitares.
Os autores do estudio teñen moi claro que a comunidade internacional fallou confiando en que as dúas bandas colaborasen no "interese común" (mellores traballos, educación, saúde), xa que pretender que traballen xuntos para acadalo supón un entendemento moi pequeno de ata que grao está a xente atada á súa seguridade, á súa identidade e á memoria do pasado recente. Un deses intereses comúns sería a fábrica de fundición de Trepca, bastión económico da rexión norte, que a UNMIK pretende agora reabrir. Quen sexan os seus futuros donos (albaneses ou serbios), a reconstrucción do complexo industrial, é unha cuestión que se constitúe en fonte de tensión e conflicto potencial porque, a falla doutros, cadaquén tenta asegura-lo seu pequeño pozo de petróleo baixo os seus pés, no seu territorio.
