20080217 pristina celebrando independencia

Cosova: independencia sen romanticismo

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Celebrando a independencia en Prístina; clic para aumentar
Cosova nace porque a alguén fóra das súas fronteiras lle interesaba o parto dunha vez por todas. Os cansos veciños europeos e estadounidenses, demasiado tímidos na súa reacción fronte ao nacionalismo serbio durante os anos 90, favorecendo as masacres daquel momento, estaban ansiosos por atopar, dunha vez por todas, unha solución definitiva nesta encrucillada balcánica. (Foto: Celebrando a declaración de independencia en Prístina o 17 de febreiro de 2008).
 

Noutros tempos, o estado de ánimo da poboación autóctona, enxalzada con romanticismo, mitos e heroísmo, parecía ser un factor fundamental nos movementos de secesión, ao máis puro estilo dos cadros de Delacroix. Pero esa visión romántica, se algunha vez realmente existiu, non pasaba dun espellismo ante o pragmatismo internacional da época, que respondía a diversos intereses. Nestes días, tampouco Cosova acadou a independencia seguindo ao seu propio caudillo, á marxe do contexto internacional.

O director do "Institut français des relations internationales" (IFRI), Thierry de Montbrial, criticou que Cosova declarara a independencia unilateralmente, creando un precedente, sen ter as características dun estado viable, soberano, e por tanto subsidiario da axuda exterior en calquera materia. Tendo en conta estes requisitos, tres cuartas partes dos estados actuais deberían deixar de existir por carecer de viabilidade económica, lexitimidade democrática, e mesmo base histórica. Por suposto, ninguén discute a viabilidade dos interesantes e suculentos "paraísos fiscais", de Liechstein ou Mónaco, por exemplo.

Non obstante, a independencia cosovar parecía a alternativa máis lóxica ante a falla de outros vieiros, despois de que a etnia albanesa empoderada no presente, e avivadas polas atrocidades do pasado, fixera imposible a continuidade baixo soberanía serbia. O importante agora era facer que os serbios non aparecesen como os grandes perdedores. Un compromiso difícil de imaxinar e que non se acadou.

Cosova nace porque a alguén fóra das súas fronteiras lle interesaba o parto dunha vez por todas. Os cansos veciños europeos e estadounidenses, demasiado tímidos na súa reacción fronte ao nacionalismo serbio durante os anos 90, favorecendo as masacres daquel momento, estaban ansiosos por atopar, dunha vez por todas, unha solución definitiva nesta encrucillada balcánica. Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Italia, baixo o paraugas de EEUU, apadriñaron unha vez máis o unilateralismo americano, e non deixaron de apoiar a erosión da órbita de influencia rusa, e alentar o nacemento de novos estados no vello continente cando as súas propias fronteiras parecen máis ou menos seguras. EEUU tamén aproveitou para crear un novo socio proamericano futuro seo da UE.

O significativo é que non exista a mesma decisión e convencemento no Sáhara Occidental, onde o proceso de descolonización saharauí leva máis de 30 años na Comisión de Descolonización da ONU, sen visos de resolverse favorablemente "a pesar das resolucións" do Consello de Seguridade que establecen o dereito do pobo saharauí á autodeterminación.

Chipre, Romania, Eslovaquia, Bulgaria, España e Grecia, din que non poden apoiar a decisión unilateral de Cosova, como un acto reflexo froito dos seus propios temores. Tampouco se esperaba menos do goberno español en plena campaña electoral.

O que si parece claro é que ademais da condición necesaria (pero non suficiente) da vontade de autodeterminación, o apoio de parte relevante da comunidade internacional é requisito esencial para independencia dos novos estados. Senón, repetiriase a historia da República de Transdnistria, onde en 2006 o 97,2 por cento da poboación se manifestou en favor da independencia nun referendo, resultados que nunca foron recoñecidos.