Cosova na recta final

 Martti Ahtisaari, clic para aumentar
O enviado especial de Nacións Unidas, Martti Ahtisaari, ausente nese primeiro encontro, dixo que, sexa como sexa, Cosova será independente, adiantándose con esta sentenza aos resultados das conversas.
 

¿Porán fin as negociacións iniciadas en Viena ao conflito de Cosova? Nunha entrevista co semanario alemán "Der Spiegel", o enviado especial de Nacións Unidas, Martti Ahtisaari, ausente nese primeiro encontro, dixo que, sexa como sexa, Cosova será independente, adiantándose con esta sentenza aos resultados das conversas. Outros pensan que deben promoverse fórmulas de integración económica que permitan a superación dos contenciosos políticos. Pero pechando en falso o conflito non é doado avanzar na integración. Para Ahtisaari é un problema de realismo político que Serbia debe asumir. En Belgrado, a "perda" de Cosova representa un trago amargo e pode desatar unha nova crise política de gran calado. Ademais de Cosova, Serbia ten outra fronte aberta, a de Montenegro, que en maio celebrará unha consulta plebiscitaria para decidir sobre a independencia. Será a liquidación final da Iugoslavia.

A postura do mediador e do grupo de contacto, integrado por EEUU, Rusia, Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Italia, parte da idea de que debe ser a poboación de Cosova a que debe decidir o seu futuro. Se temos en conta que o noventa por cento dos habitantes da provincia é de orixe albanesa, cabe imaxinar o resultado desa consulta.

Naturalmente, Serbia, que xa non é a de Milosevic, non comparte esa visión; consideran esta provincia o berce da súa nación e co argumento da inadmisibilidade da perda dos lugares sagrados (as igrexas e os mosteiros serbo-ortodoxos), pelexarán pola recuperación do control deste territorio, administrado por Nacións Unidas dende 1999. Ninguén en Belgrado (nin en La Haya) acepta a responsabilidade pola desfeita balcánica. Esa ausencia de autocrítica desmellora a súa posición negociadora.

A Serbia interésalle demorar unha decisión, coa esperanza de que veñan tempos mellores ou, como mal menor, dividir o territorio, opción descartada por Ahtisaari. Pero antes de que este ano remate, o horizonte de saída debería quedar aceptado polas partes. Desde a UE ponse o acento na protección da minoría serbia, unhas cen mil persoas que viven en enclaves especiais baixo a protección das forzas de paz internacionais, nunha especie de apartheid sostido economicamente por Belgrado. Isto realmente parece o único negociable: ampla autonomía serbia a cambio de soberanía cosovar.