Como o ave Fénix, Cosova saltaba á primeira plana de todos os xornais internacionais, nunha semana onde o debate se centraba no modus operandi do terrorismo internacional, Al-Qaeda e o atentado en Madrid. A escalada de violencia cobrábase 28 novas víctimas, entre elas mozos e nenos de ambas as dúas comunidades en conflicto: a albanesa e a serbia. A BBC salienta como estes feitos son "o pior estoupido de violencia dende que as tropas da OTAN entraran en Cosova no 1999".
O aumento da tensión, protagonizada polos integrantes da maioría albanesa na zona, sae a flote a un ano do comezo das deliberacións acerca dunha solución política ao status de Cosova, previsto para o 2005. Os ataques tiñan como obxectivo danar a identidade cultural e relixiosa dos serbios ao destruíren 15 igrexas ortodoxas e máis de 100 fogares. A incerteza acerca do status da provincia de Cosova, e a capacidade para variar a axenda política son algunhas das posíbeis causas das mobilizacións violentas contra os serbios. Neste sentido dirixíase aos líderes dos enfrontamentos o secretario xeral da OTAN, o xeneral Jaap de Hoop Scheffer, "ninguén debera pensar- e isto vai especificamente para a comunidade maioritaria en Cosova, os albanos- que incitando á violencia alcanzarán as súas ambicións políticas".
Sorprendentemente, Cosova aparecía nos medios de comunicación cando as pezas do puzzle estaban nun enroque interesante no actual escenario internacional. A campaña preelectoral nos Estados Unidos, cun George Bush debilitado tras as accións de Al-Qaeda nunha capital europea, como é Madrid, e cunha opinión pública, do espectro cultural e da esquerda, mobilizada a favor da paz e do regreso das tropas, incitaban a unha maior intervención e control da ONU no proceso da posguerra. E de súpeto, novamente Cosova.
Agora ben, todo o proceso que se derivou da fragmentación da antiga Iugoslavia e como foi abordado pola comunidade internacional, ten unha fonda relación co debate que se estaba a producir dun xeito intenso na maioría dos medios de comunicación e entre os cidadáns de medio mundo. As alternativas xiraban acerca da viabilidade da vía pacífica e diplomática fronte aos enfoques belicistas e a intervención armada polo outro. Esta última manifestábase en dúas estratexias: a primeira opción facía referencia a unha óptica multilateral, como foi no caso dos Balcáns, na que se inspiraba un relativo consenso acerca da pertinencia dos bombardeos contra a poboación civil e a entrada de tropas pacificadoras; e polo outro, o caso de Iraq, dende unha vía unilateral como a que foi despregada en solitario polos Estados Unidos e ratificada polos integrantes das Azores.
Porén, os Balcáns foron o xermolo conceptual que inauguraba un novo período da nosa historia máis recente marcado por un xiro cara a posturas belicistas de ataque e resposta; instintos primarios que desbotan agora con toda claridade o intento de achegarse a posturas deconstructivistas. A intervención militar das forzas da OTAN, a K-For, que entraban por primeira vez no 1999, como forzas pacificadoras, marcaron un antes e despois na estratexia internacional na loita contra a violencia, o terrorismo, os conflictos, etc.
Na Cosova actual permanecen 18.500 soldados que estes días se viron reforzados con 2000 máis. Lembremos como en Ruanda, na que xa se experimentaron a violencia e as atrocidades contra a Humanidade que se pensaban esquecidas dende a segunda guerra mundial, comezou un cambio en relación ao tratamento das víctimas de guerra, nenos, refuxiados e mulleres, na súa maioría. Inaugurábanse unha serie de intentos para xulgar aos xenocidas. Iugoslavia tamén é unha proba de lume para a xustiza internacional.
É dicir, cinco anos despois, o éxito da operación semella esvaecerse a xeito de furacán. A situación dos serbios localizados en campos mantidos pola K-For é un risco e unha nova oportunidade para escoitar as partes nas novas roldas de visitas e de entrevistas inminentes, é preciso consolidar un modelo respectuoso, integrador e de consenso. A visita de Harri Holkeri, de Nacións Unidas, prodúcese certamente tarde. A chispa volveu a prender.