O pasado 1 de febreiro, os costarriqueños acudiron ás urnas para decidir quen sería o novo presidente do país cunha pregunta na cabeza: Cambio ou continuidade?
A idea de que o país centroamericano era incapaz de sufrir os males dos seus veciños quedou rachada ante un contexto de forte polarización, de críticas por parte do Executivo aos demais poderes do Estado, de incremento da violencia e das bandas relacionadas co narcotráfico. Con isto, intentaremos coñecer por que o país se transformou e que futuro lle agarda co novo goberno.
1. O mito derrubado
Durante décadas, Costa Rica foi un exemplo a seguir por moitos países da rexión, tanto que era recoñecida como a Suíza de Centroamérica. Este selo consolidouse na segunda metade do século XX grazas á construción dun Estado de benestar forte, a ampliación dos dereitos sociais, a solidez das institucións democráticas e a abolición do exército en 1948.
Na política costarriqueña distínguense tres etapas claras. A primeira (1953-1983) caracterizouse pola hexemonía do Partido Liberación Nacional (PLN) tras a Guerra Civil de 1948, destacando polo seu modelo de intervención estatal. A segunda (1983-2014) consolidou un bipartidismo case perfecto onde o PLN e o Partido Unidad Social Cristiana (PUSC) se alternaron no poder baixo un eixo ideolóxico de centro.
A terceira etapa, dende o inicio do século XXI, rompeu este modelo debido a tres factores estruturais: os numerosos casos de corrupción dos partidos tradicionais, o estalido da crise fiscal de 2018 que afundiu a credibilidade do Partido Acción Ciudadana (PAC) e, finalmente, a vitoria de Rodrigo Chaves en 2022. Esta última introduciu un discurso anti-establishment que, lonxe de ser un paréntese, consolidouse como a nova norma política do país, coincidindo cunha lixeira pero constante caída do país en termos de apoio a democracia (Latinobarometro, 2025).
2. A tormenta perfecta: Contexto electoral de Costa Rica no ano 2026
Para entender o voto dos costarriqueños en febreiro de 2026 é necesario analizar dúas cifras que ilustran a fenda do país: 880 e 3,8%.
2.1. O voto do medo: A “Salvadoreñización”
A cifra de 880 corresponde ao número absoluto de homicidios cos que Costa Rica pechou o ano 2024, segundo datos do Organismo de Investigación Judicial (OIJ, 2025). Isto tradúcese nunha taxa aproximada de 17,2 homicidios por cada 100.000 habitantes. Ademais, o InSight Crime (2025), o país sitúase como o sétimo con maior ratio de homicidios en América Latina, unha posición impensable hai unha década para unha nación caracterizada pola paz.
A raíz desta violencia é estrutural. En xaneiro de 2026, o OIJ revelou a existencia de 112 bandas criminais operando no país, disputándose o control dos portos (especialmente na vertente caribeña) e das rutas de exportación de drogas a Europa e Norteamérica (Gómez, 2024) . Esta dinámica provocou que a criminalidade, antes concentrada en áreas marxinais ou costeiras, se desprazase a zonas residenciais do Valle Central, a área de maior poder adquisitivo do país (PNUD, 2024). O impacto deste clima de inseguridade evidenciouse coa presenza do presidente salvadoreño, Nayib Bukele, no país un mes antes das eleccións, proxectando un modelo rexional de control de seguridade que calou profundamente no electorado.
2.2. O paradoxo económico e a crise do emprego
Mentres a inseguridade medraba, a macroeconomía presentaba números propios dos tigres asiáticos. O Banco Central de Costa Rica (BCCR) reportou un crecemento do PIB do 4,6% en 2025. Non obstante, a proxección para 2026 axustouse á baixa ata o 3,8% debido á desaceleración global e á saída de operacións de manufactura tecnolóxica (BCCR, 2026).
Con todo, este aparente milagre macroeconómico esconde unha realidade territorial fracturada. Os datos do Instituto Nacional de Estadística y Censos (INEC, 2025) explican a orixe do descontento. Aínda que a taxa de desemprego nacional rolda o 9,2%, esta cifra oculta o drama das provincias costeiras ,como Limón e Puntarenas, bastións do oficialismo, onde o desemprego real supera estruturalmente o 18%. A isto súmase unha informalidade crónica que asfixia ao 45% da forza laboral, deixando a case a metade do país traballando sen seguridade social nin dereitos básicos.
A fenda é aínda máis profunda nos ingresos. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE, 2025) advirte que Costa Rica mantense como un dos países máis desiguais do bloque, cun coeficiente de Gini estancado arredor do 0,50. Segundo o Informe Estado de la Nación (PEN, 2025), un empregado das zonas francas gaña, de media, 2,5 veces máis ca un do sector tradicional. A CEPAL (2024) cualifica isto de “dualidade perversa”: conviven, sen tocarse, un sector exportador hiperconectado aos mercados globais e unha inmensa economía doméstica de subsistencia. Ao final do día, o crecemento do PIB non se come, e esa frustración acumulada foi a gasolina electoral do oficialismo.
3. A contenda electoral
A campaña enfrontou o modelo oficialista contra os intentos de recuperación dos partidos tradicionais, marcada por unha apatía cidadá xeneralizada.
3.1. Laura Fernández: A continuidade do “Chavismo”
Laura Fernández presentouse como a garantía de continuidade do proxecto iniciado en 2022. Utilizando o partido Pueblo Soberano como mero vehículo electoral, a candidata soubo capitalizar a popularidade do presidente saínte mediante un discurso polarizador de “nós fronte a eles”. O oficialismo posicionou ao Executivo como o único poder capaz de “limpar o país”, co obxectivo de someter ao Poder Xudicial e á Contraloría. Isto obedece a que o presidente Rodrigo Chaves criticara duramente as actuacións de ambos poderes e afirmara que, polo seu deseño institucional, non podían garantir a seguridade nin o desenvolvemento económico da nación. É precisamente no eido da seguridade onde Fernández atopou o seu maior filón electoral. A candidata abrazou sen complexos a retórica da “man dura” contra o narcotráfico e as bandas criminais, prometendo afondar no modelo punitivo. Ao acusar ás institucións xudiciais de ser excesivamente garantistas e de entorpecer o labor policial, logrou conectar coa ansiedade e o medo da poboación. Utilizando a maquinaria estatal e de comunicación directa para saltarse á prensa tradicional, a súa promesa central foi culminar a “reinxeniería do Estado” como paso previo e indispensable para devolverlle a paz ás rúas.
3.2. O ocaso dos partidos tradicionais
Pola súa banda, o PLN ,con Álvaro Ramos como candidato, e o PUSC ,liderado por Juan Carlos Hidalgo, foron incapaces de ler o espírito da época. Presentaron campañas centradas en discursos de consenso, diálogo institucional e reactivación económica moderada. Nun contexto de polarización extrema e crise de seguridade, esta retórica provocou unha desconexión total. Mentres o oficialismo arrasaba nas zonas empobrecidas cun discurso rupturista, os partidos tradicionais quedaron recluídos nos seus bastións da Gran Área Metropolitana (GAM), incapaces de ofrecer unha resposta visceral ao medo cidadán.
4. O veredicto
O 1 de febreiro de 2026, os costarriqueños decidiron a “continuidade do cambio”. Laura Fernández gañou as eleccións na primeira volta cun 48,30% dos votos válidos. Con todo, este triunfo deuse nun contexto de forte desafección: o Tribunal Supremo de Elecciones (TSE, 2026) reportou un abstencionismo superior ao 42%, reflectindo que unha ampla capa da poboación non atopa respostas no sistema actual. O país entra na lexislatura do ano 2026 ao 2030 camiñando no fío da navalla en tres frontes estratéxicas:
- A guerra institucional: A prioridade do novo Executivo é a refundación das institucións, buscando unha maior concentración de poder e novas reformas constitucionais, incluída a reelección presidencial continua ,hoxe prohibida e o que impediu que Rodrigo Chaves se presentase de novo. Ademais, prevese un choque constante co Poder Xudicial, ao que acusan de encubrir aos delincuentes e permitir a violencia nas rúas.
- A sostibilidade da man dura: O goberno busca seguir as liñas mestras de seguridade do seu veciño El Salvador, modelo xa materializado co proxecto da primeira megacárcere do país ao estilo do controvertido CECOT salvadoreño pero con grandes diferenzas. En primeiro lugar, é que no Salvador a utilización dos militares é chave para poder aplicar a súa loita contra o narcotráfico algo do que carece Costa Rica e, en segundo lugar, establecer o réxime de excepción no cal vive El Salvador dende o ano 2022 é moi difícil de replicar nun país que conta con tantas limitacións constitucionais.
- A xestión da dualidade económica: O reto estrutural definitivo será pechar a fenda entre a Gran Área Metropolitana e as costas. Se o Executivo non logra traducir as súas maiorías absolutas en políticas que integren a economía de subsistencia e reduzan o desemprego do 18% desas rexións, a inestabilidade social acabará erosionando a base do seu poder.
Referendas bibliográficas
Banco Central de Costa Rica (BCCR). (2026). Proyecciones macroeconómicas y revisión del Programa Macroeconómico 2025-2026. San José, Costa Rica. Recuperado de https://www.bccr.fi.cr/comunicacion-y-prensa/Docs_Comunicados_Prensa/cp-bccr-003-2026-informe-politica-monetaria-enero-2026.pdf.
Comisión Económica para América Latina y el Caribe (CEPAL) (2024), Estudio Económico de América Latina y el Caribe, 2024 (LC/PUB.2024/10-P), Santiago.
Estudio Latinobarómetro 2024. Corporación Latinobarómetro: Oleada 2024 – Versión agregada: https://www.latinobarometro.org/latinobarometro-2024 . Madrid: JD Systems Institute.
Gómez, T. (2024, diciembre 22). ¿Cómo sale su barrio? OIJ actualiza mapa de las 112 bandas criminales de Costa Rica. El Observador CR. https://observador.cr/mapa-bandas-criminales-112-grupos-en-total/.
InSight Crime. (2025). Balance de homicidios en América Latina y el Caribe en 2024. Recuperado de https://insightcrime.org/es/noticias/balance-insight-crime-homicidios-2024/.
Instituto Nacional de Estadística y Censos (INEC). (2025). Encuesta Continua de Empleo (ECE) – IV Trimestre. San José, Costa Rica. Recuperado de https://inec.cr/calendario/publicaciones-estadisticas/encuesta-continua-empleo-ece-iv-trimestre-2025.
Organismo de Investigación Judicial (OIJ). (2025). Análisis de homicidios dolosos 2024. San José, Costa Rica. Recuperado de https://observatorio.mj.go.cr/sites/default/files/docs/homicidios_dolosos_2024.pdf.
OECD (2025), Estudios Económicos de la OCDE: Costa Rica 2025, OECD Publishing, Paris, https://doi.org/10.1787/e6d0420b-es.
Programa de las Naciones Unidas para el Desarrollo. (2024). Atlas del desarrollo humano cantonal de Costa Rica 2024. PNUD Costa Rica. Recuperado de https://www.undp.org/es/costa-rica/publicaciones/atlas-de-desarrollo-humano-cantonal-2024.
Programa Estado de la Nación. (2025). Trigésimo Primer Informe Estado de la Nación en Desarrollo Humano Sostenible. Consejo Nacional de Rectores. Recuperado de https://estadonacion.or.cr/wp-content/uploads/2025/11/RESUMEN-EN-31-2025-WEB.pdf
Tribunal Supremo de Elecciones (TSE). (2026). Resultados provisionales y datos de participación – Elecciones Nacionales 2026. San José, Costa Rica.

