Côte d’Ivoire: a tesitura do presidente Gbagbo

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Lonxe de chegar ó seu fin, a crise iniciada en Côte d’Ivoire co levantamento militar do pasado 18 de setembro, que abaneou as estructuras dun dos países máis estables de África Occidental, converteuse nunha sanguenta guerra civil que xa dura máis de catro meses. A intervención de Francia, ex potencia colonial e presidenta de turno do Consello de Seguridade da ONU, de pouco serviu. A ratificación polas partes en conflicto do plan de paz non conseguiu deter a violencia.

O acordo, denominado de Linas Marcoussis, foi asinado entre os grupos rebeldes e o goberno de Laurent Gbagbo o 24 do pasado mes de xaneiro. Consistía no establecemento dun “goberno nacional de reconciliación” dirixido polo novo primeiro ministro, Seydou Diarra, en representación do norte musulmán, controlado polos rebeldes. Sen embargo, nada máis chegar ao país, o presidente atopouse coa negativa do exército a aceptar o acordo.

O pasado martes, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, ultimamente ocupado de máis, fixo un chamamento á orde urxindo a posta en práctica do acordo de paz, respaldado por forzas da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental (CEDEAO) que axudarán ás tropas francesas durante os próximos seis meses a garantir a paz.

Por outra banda, a situación dos refuxiados, dos inmigrantes dos países veciños e dos estranxeiros, agrávase por momentos, sobretodo no caso dos “traidores franceses”, acusados de inxerencia.

A política de oposición á diversidade étnica e o odio ós estranxeiros nun país que conta cun 40% de inmigrantes non é unha excepción ivoirense. O sentimento negativo cara ós estranxeiros agravouse en Côte d´Ivoire cando nas eleccións do 2001 apoiaron ós musulmáns do norte en contra dos cristianos do sur.

Así as cousas, o país vive nunha tensa situación de espera. O presidente Laurent Gbagbo trata de gañar tempo para evitar unha difícil tesitura: ou rexeitar o acordo de paz que respalda a comunidade internacional, ou manter o acordo asumindo o risco dun golpe de estado que o depoña.

A interferencia gala no proceso interno, benintencionada ou non, está a reverdecer certa antipatía en determinados sectores da sociedade local, que se inclinan abertamente polo amigo norteamericano, nun escenario máis de confrontación de ambas diplomacias que de Madagascar a Marrocos percorre o continente africano.