As orixes do conflicto ivorense remóntanse a cinco anos atrás, cando un golpe de estado puxo fin a catro décadas de dominio do país por un partido único profrancés e deu paso a unhas eleccións gañadas polo actual presidente, Laurent Gbagbo, quen iniciou unha serie de reformas de carácter nacionalista e que, en última instancia, poñen en entredito os intereses da antiga metrópole no país. A sublevación dunha parte dos suboficiais do Exército vinculados ás etnias do norte do país e sospeitosos de estaren sendo apoiados dende fóra non foi máis que o comezo dun conflicto de raíces económicas que serve para constatar a debilidade estructural dos estados-nazóns en África. Nin a “Suíza” do continente negro se salva.
Así as cousas, hai unhas semanas, nun incidente aínda sen clarexar, a anecdótica forza aérea ivorense bombardeou e provocou a morte de nove militares franceses. Foi un novo desencadeante que reavivou uns enfrontamentos detidos hai medio ano co despregamento dunha forza de interposición coordenada por Nacións Unidas. Pero o tratamento informativo das últimas revoltas, lonxe de ser imparcial, permite comprobar para que grupo de intereses da actual política internacional e mesmo nacional se inclina un ou outro medio de comunicación.
Por unha banda atópanse os profranceses. Segundo estes, a intervención militar estranxeira está xustificada polas supostas masacres de cidadáns occidentais. Así, chamaba a atención hai uns días un titular nun medio español de suposto prestixio internacional: “Caza al blanco en Costa de Marfil”. Baixo tan suxerinte título e en media páxina despregábase como toda fonte informativa o contido de tres conversacións telefónicas mantidas desde Madrid con cidadáns españois residentes no país africano. En todo o texto non aparecía unha soa referencia a persoas mortas nin a que os tres interrogados sufriran persecución por seren brancos. Esta tendencia informativa adoita completarse con editoriais xustificativos da intervención en defensa da civilización nun país de loitas étnicas e facendo escasa referencia ao interese económico de Côte d’Ivoire como primeiro productor mundial de cacao.
No prato contrario da balanza atópanse os xornais non xa antifranceses, en chave internacional, senón mesmo antigobernamentais, en chave española. A crise dun afastado país de África semella servir para xustificar a intervención no Iraq, o aliñamento cos Estados Unidos e, polo tanto, o erro do goberno socialista español ao elixir o eixe franco-alemán. Francia aparece aquí como un país neocolonialista que fai con África o que os Estados Unidos fan con Oriente Medio. Por suposto, nestes xornais recórdanse con moito tino as numerosas intervencións militares francesas no continente.
Nun punto intermedio atópanse os pequenos medios e mesmo as televisións. Aquí o condicionante da información non parece ser a liña editorial senón a falta de medios para unha boa análise. A súa principal fonte informativa é a axencia EFE, pero esta non dispón de correspondente estable sobre o terreo, polo que se limita a seleccionar a información doutras axencias e a redistribuíla ao mercado de fala castelá. A fonte primordial aquí é France Presse. A información con acento francés sérvesenos en bandexa.
Será difícil acadar unha información veraz máis aló das visións maniqueas a favor ou contra de Francia, pero cando menos sería recomendable que os medios non se deixaran levar polo titular fácil. Se nos fixamos nas cifras, nas frías cifras, nese país, no último mes, mesmo con datos pouco fiables e manipulados polas partes, teríanse rexistrado unhas poucas ducias de mortes. Pero está xa no foco internacional. Como exemplo contrario, Sudán, coa crise humanitaria de Darfur e milleiros de mortos durante dous anos, tardou bastante máis en converterse en noticia. Se cadra queren dicirnos algo…