Crac tras crac: Uruguai, outra luz que se apaga

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Soñou con ser a Suiza de Latinoameríca e espertou abaneada polo virus financeiro que recorre o continente, para o que aseguraba estar vacinada. Xogou ser a Bruxelas do Mercosur, o ponto de encontro entre xigantes competidores, Arxentina e Brasil, pero o tren que encamiñaba a Unión do Cono Sur descarrilou a metade de camiño.

O país rebeiran do Río da Prata, precursor da socialdemocracia a comezos S. XX, que ten a ben presumir de posuír o mellor reparto da riqueza continental, de ter a lexislación social máis avanzada, de ser o segundo no nivel de renda en Latinoamérica, de ter máis fe democrática que veciño algún… fixo crac.

Na tarde do venres 2 de agosto, Montevideo puxo en escea un capítulo de sicose colectiva, cunha verosimilitude e realismo, digna da adaptación radiofónica da Guerra dos mundos feita por Orson Welles en 1938, capaz de xerar pánico.

Vidros da casas que non cesaban de retemblar, abaneados polas vibracións transmitidas dende os helicópteros militares que navegaban a baixa altura, a rentes dos edificios. Funcionarios que eran convidados a deixar desertos os seus lugares de traballo para dirixirse ás súas casas. Colexios con aulas e patios valeirados anticipadamente pola retirara masiva de alumnos, levados prematuramente por pais medoñentos. Chamadas reiteradas de ansiosos familiares ou amigos para detallar e compartir temores por seren espectadores da toma militar das rúas, lembrando esceas da dictadura superada hai máis de dúas décadas.

Anónimos e uniformados se ocupaban de preveer a poboación civil sobre a chegada de hipotéticas ordas de famentos pobres que viñan en camións cara ao centro, dende a periferia. Nun exceso de celo policial, un dos soldados aseguraba que os vira avanzar masturbándose. Mais a incertidume, a ansiedade, o medo, proviña dunha fonte tan crible como a Policía.

Goberno e oposición ensarilláronse nunha discusión, áceda e estéril, sobre o desencadeante das revoltas. Se eran espontáneas, producto da fame, organizadas pola esquerda para desestabilizar a un país en crise ou polo goberno para agachar o seu fracaso.

Certo que o saqueo de 12 supermercados é noticia de primeira plana, xa que no Uruguai, endexamais aconteceran asaltos a este tipo de establecementoss. Pero a desmesura da posta en escea, agachaba outras claves, que podemos descifrar aplicando a máxima do Mariscal alemán Von Paulus "Antes de saber se algo é bó ou malo compre preguntarse a quen beneficia". ¿É pura coincidencia que os asaltos fosen contemporáneos do crac na praza financeira máis estable do continente? ¿Xusto no momento que o goberno tivo que tirar a toalla, logo de ter empregado todos os recursos do estado, aumentado os impostos, recortado os programas sociais…para inxectar liquidez a un sistema bancario que se desinflaba pola saía masiva de cartos cara aos EEUU ou cara a Europa?

A resposta é dobre e aparentemente contradictora, si e non. Nin o goberno instigou a limitada revolta acontecida entre o mércores e o venres, nin foi planificada pola esquerda para dar o chimpo definitivo ao poder. Pero, con certeza, foi utilizada polo goberno uruguaio para encubrir o crac financeiro que alterou os principios nos que se basea a estabilidade do pequeno país do Río da Prata.

Estaba perdida a batalla de aguantar, ao prezo que fose, ata xenerar a percepción externa de que o sistema bancario uruguaio era unha sólida rocha, atractiva para os viciños, que atrapados polo corralito caseiro, se apresuraban a cruzar o Río da Prata para por a salvo nos Bancos Uruguaios os pesodólares salvados do naufraxio gaucho.

Resultaran inútiles as medidas preventivas que o goberno Batlle puxera en marcha. Insuficiente foi o duro plano de axuste que incluía alzas xeneralizadas de prezos nos servicios básicos e un aumento dos impostos. Impacto que na maioría da poboación tiña levantando ondas crecentes dun descontento, perceptible no axitar das cacerolas, tomando o relevo daquelas que na transición do 2001 ao 2002, soaban do outro lado do Río da Prata , fronte a Casa Rosada.

A fuga de depósitos na afamada praza financeira e a falta de liquidez nos bancos intervidos foi o vehículo cara ao precipicio. O sistema bancario perdera o 40% dos depósitos nos sete meses anteriores. As reservas a finais de xullo eran de só 665 millóns de dólares, un quinto do que habería nunha situación de normalidade. Todos os pesos recadados ou aforrados eran insuficiente para apuntalar a banca pública e privada.

Dende fins da década dos 80 aboiaran novas formas degradadas de sobrevivir nas cidades: carriños de cabalos manexados por indixentes ou nenos que escollían entre o lixo, ambulantes mesmo nos autobuses soportados cunha comprensiòn admirable con selo de identidade uruguaio, cartoneiros, etc. Periferia na que moraba a pobreza, como a das 13.000 persoas que xantan cada día en comedores barriais, , xestionados polo goberno, o concello e as ONGs. Aparición dunha pequena ou mediana delincuencia.

O desemprego acada o 15,6% segundo cifras oficiais do INE, que en sectores como o comercio, hoteis ou restaurantes chega ao 22%. A inflacción prevista para o ano 2002 é do15% polo Ministerio de Economía, á que se deberá engadir no costo familiar unha devaluación do peso, non menor do 30% que incide duramente no orzamento doméstico, xa que o 70% das débedas e cretos están marcados en dólares.

Por tanto, semella moi tímido o prognósticou dunha caída do PIB do 7%, feito polo ministerio de economía para o 2002. Máxime se temos en conta que, nos últimos anos, o 50% dos uruguaios, potencialmente activos, camiña no gume do emprego informal, precario ou habita directamente no desemprego.

Cada día a lonxitude das colas nas embaixadas occidentais medran, enchidas de cualificada mocidade que aspira a vivir con dignidade nos privilexiados países occidentais.

Hai poucos días, confesábame Mª Carmen F. Salgueiro, galega de Gondomar, e notaria en Montevideo, nun deses episodios vitais que fai innecesaria calquera valoración:

"Coido que o peor de todo é ver a desesperanza da xente, a anguría, sentir que o país nos expulsa. Hoxe estiven cun cliente que tiña os ollos cheos de bagoas de pura desesperanza. Non imaxinas a impotencia sentín por non saber que facer para darlle algunha esperanza fundamentada, non quimérica. Coido que á cotío, en vez de facer de notaria exerzo de sicóloga. Este fillo de galegos xa estaba a preparar os papeis para retornar a Galicia. As veces penso, envolta nas máis escuras dúbidas, estou quedando sen clientes, sen amigos, sen vecinos, sen ….. Todos se están a ir. ¿Serei eu a ultima, a encargada de apagar a luz?".

Exilios económicos con antecedentes previos á dictadura, emigrando cara a Australia, EEUU e Suecia. Máis tarde partídas masivas por motivos políticos, sangraron ao país nunha importante diáspora que chegou facer moi cotía a frase: "O úlitmo que apague a luz".

Irmán, non marches, naceu unha esperanza, este foi o lema de campaña do neonato Fronte Amplo nas eleccións lexislativas do 71, que pretendía mudar as tendencias.

Doutrina da escepcionalidade

Aquí non pode pasar. Esta foi unha convicción común a outros países da área, nos meses previos aos cracs en cadea. Doutrina arrincada, a micrófono pechado, da máxima autoridade uruguaia á cadea Bloomberg, a poucos días da crise "Os políticos arxentinos son unha manga de ladróns, desde o primeiro ao último. Isto levou o país á ruína. Isto nin é, nin vai ser nunca Arxentina".

Como outros presidentes latinoamericanos, Batlle soñaba con abrir unha vía de respiración directa cos EEUU, mediante un TLC bilateral (Tratado de Libre Comercio). No seu currículo de méritos atesoouraba ter apadriñado o documento de condena a Cuba que o resto do países non aceptou liderar, ser fríos coa crise arxentina, esmerarse en ser un disciplinado discípulo do FMI, etc. Pero as prioridades norteamericanas no mundo son outras dende o 11-S. A respiración asistida de 1300 millóns de dólares, chegou cando o estado de saúde económica era comatosa, cando a confianza na réxeda praza financeira estaba crebada, mesmo coa ameaza da posíble desaparición do Banco da República.

Ao enterro da praza bancaria asistiu con indisimulada satisfacción Chile, que aspira a subsituila como refuxio de aforristas e investidores. Distintas personalidades chilenas que son membros do FMI e do BID, foron acusadas dende Uruguai de ter dilatado a chegada de auxilio ata contemplar o estourido bancario.

Doutrina da escepcionalidade, cada vez máis cuestionada. Existen factores comúns nos países ao Sur do Río Grande, que fan aumentar, día a día, o número de analistas, editorialistas, ou líderes políticos que apontan a ese liberalismo sen barreiras nun mercado global inxusto, aplicado ná década dos 90, como causa da crise rexional.

Cando o presidente Eduardo Duhalde xurou o cargo, manifestara: " A propia esencia deste modelo perverso catalpultou cara a indixencia a milleiros de compatriotas, destruíu a clase media e crebou as nosas industrías".

Crac tras crac, América Latima tense estremecido con sucesivas sacudidas: México, Venezuela, Paraguai, Ecuador, Arxentina, Uruguai. Na UVI están Brasil, (país no que o dólar aumentou o valor un 14% en xuño. No que a débeda pública xa representa o 58% do PIB, o máis alto nos últimos 90 anos, e no que o índice risco está entre os máis altos do mundo) Perú, Bolivia…

Sudden Stop

O Continente está preso do denominado efecto Sudden Stop, consistente nunha parada repentina no fluxo de investimentos, nunha baixa nos índices de confianza que produce un efecto perverso sobra a débeda externa, transformándoa de controlada a inasumible.

Está en solfa o propio modelo do Consenso de Washington, considerado como o paradigma do desenvolvemento que deberían aplicar todo gobernante serio, que segundo asegurou o economista John Willianson en 1989 se resumiría en 11 normas básicas: Disciplina orzamentaria, rigor no orzamento público, reforma fiscal para incentivar a productividade, manter unha taxa de cambio única e competitiva, liberalización do mercado cambiario, desregularización dos mercados, eliminiación das barreiras de entrada e saída de productos, apertura aos investimentos estranxeiros, asegurar os dereitos de propiedade, privatización das empresas públicas e liberalización financeiro.

Principios que deberían asegurar o crecemento sostido e o aumento da riqueza para todas as capas sociais. Pero última década do pasado século, converteuse nunha fábrica desemprego, que non cesa de producir máis pobres ou que acumula riquezas en sectores restrinxidos.

Para os teóricos do liberalismo, as críticas son inxutas, e manteñen a tese de que non se trata dun fracaso as políticas liberais, senón que estas foron mal aplicadas. "Pasouse de monopolios públicos a monopolios privados, que adulteran o mercado libre". Argumentan sen por en dúbida a fondura da crise.

Por tanto non é estrano observar como América Latina converteuse nunha rexión que desexa fuxir en masa cara occidente, a pesares de posuír unha vitalidade e potencialidade envexable e cobizadas polo mercado asiático, europeo ou estadounidense.

Os salvadores flotadores que aliviaron o estado crítico de Brasil e Uruguai coa chegada de 30.000 e 2.300 millóns de dólares, respectivamente, son demasiado contrictivos como para respirar con comodidade, durante moito tempo. A fondura da crise mundial, tampouco axuda a ser optimistas.

Neste contexto de pesimismo, o Latinobarómetro, realizado no continente por un recoñecido instituto demoscópico chileno, rexistra índices crecientes de falta de confianza na democracia, como modelo xerador de riqueza, e un incremento no creto das opcións populistas.

Mais o péndulo da historia axítase a tal velocidade poder virar a perpectiva actual, xa por cambio social cara discursos políticos mais nacionalistas no plano económico ou por cambios radicais no mapa electoral, en buscar de novas fórmulas de goberno que se distancien do consenso de washington.

En tempos nos que non se adiviña máis alá dun escuro futuro, semella apropiado acender novas luces, e tempos de crise son propicios para cambios.¡Que sexan para ben!