O embrollo iraniano está lonxe de resolverse. A escasos días da proclamación oficial de Mahmud Ahmadíneyad como presidente reelixido da república islámica, os resortes de poder e as demandas de cambio seguen activándose con nitidez.
Lentamente, os manifestantes reformistas e os disidentes volven ás rúas, auspiciados polas declaracións públicas do poderoso aiatolá e ex presidente Akbar Hashemi Rafsanjani contra o líder supremo, o aiatolá Alí Jamenei. Este, pola súa banda, probablemente cuestionado polas altas esferas da teocracia iraniana pola represión das manifestacións reformistas, oriéntase cada vez mais cara o apoio do sector militar, especialmente encabezado polo poderoso corpo dos Gardiáns da Revolución.
Mentres Washington tentou pulsar o ambiente lanzando unha mensaxe de certa cordialidade cara Teherán, marcada pola intención do presidente Barack Obama de seguir trazando unha axenda de negociación, a secretaria de Estado Hillary Clinton anunciaba unha ampliación do escudo defensivo estadounidense cara os países do Golfo Pérsico, en clara alusión a Teherán e o seu programa nuclear.
Diversas variables e factores de poder están xogando as súas cartas en Teherán. Ninguén dubida das intencións de Rafsanjani de propiciar unha remoción de Jamenei a través das altas esferas do poder. O ex presidente reformista Mohammed Jatamí pediu a celebración dun referendo nacional sobre a lexitimidade das eleccións presidenciais do pasado 12 de xuño.
Paralelamente, o baixo perfil do presidente Ahmadíneyad revela o elevado protagonismo de Jamenei, contestando a rebelión en curso lanzada por Rafsanjani, Jatamí e os reformistas. Non obstante, non semella tan incuestionable a concentración de poderes en torno a Jamenei. Pódese apreciar que existe malestar entre os altos cargos da teocracia, que non queren verse sinalados polo pobo iraniano como instigadores da represión contra os manifestantes, así como en determinados sectores populares e de clases medias.
A clave interna pode estar, finalmente, na balanza de poder derivada do sector militar, en especial dos Gardiáns da Revolución, ata agora fieis defensores da lexitimidade de Jatamí e Ahmadíneyad. Se o pulso de Rafsanjani e os reformistas ten influencia real nas altas esferas do poder, o retorno dos manifestantes ás rúas pode colocar aos sectores militares ante unha forte disxuntiva.
En todo caso, esta crise política sen perspectivas de consenso calibrará un Irán dificilmente gobernable a curto e mediano prazo. Un escenario que, con total seguridade, estase seguindo con atención en Washington.