Crucial desempate Lavín-Lagos

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

As enquisas manteñen inquebrantable o empate que colleu de sorpresa a todos na noite do 12 de decembro. Nos partidarios de Lagos a máis amarga victoria, recibida doma un rotundo fracaso, supuxo unha reviravolta total no deseño e equipo de campaña. A incerteza e a tensión acumulada deu paso a unha preocupante escalada de incidentes entre os partidarios dos contendentes, que apuran a última semana de campaña con renovadas promesas en busca dos tres filóns máis cobizados: o voto da muller, o das clases baixas e o dos .000 abstencionistas.

No camiño cara ao Palacio da Moneda, o 12-D, só 31.027 votos distanciaron ao pinochetista Joaquín Lavín do pírrico vencedor oficialista Ricardo Lagos. Á Concertación fuxíronlle do seu furado peto electoral máis de 10 puntos en só seis anos, o que levou a conclusión de que un segmento do votos que apoiaba a ata agora apoiaba á concertación a través da Democracia-Cristiana, decidiron mudar de casa atraídos polo xovial candidato da alianza por Chile, que tendía un manto de silencio sobre o período dictatorial, distanciándose da súa ardorosa militancia pinochetista. Ofreceuse como motor do cambio para Chile, lonxe das divisións, das pelexas, da confrontación, dos arcaicos ideoloxismos…, un presidente que adica o 100% do seu tempo a resolver os problemas, a facer cousas. Descubriu, entón, a elemental e intanxible teoría do "Cosismo", que tan bos resultados electorais deu. Por tanto, no seu equipo de campaña chegouse a conclusión de que non era preciso mudar de estratexia. Acadárase a máis alta votación da dereita en varia décadas. Quizais, en todo caso, compría lazar a palestra electoral unha fervenza de novas e atractivas promesas de marcado carácter social, anque sexan de difícil cumprimento, que complementen as inconcretas "60 soluciones concretas" anunciadas na primeira volta: 100.000 novos empregos en 90 días e 1.000.000 durante o mandato, 16.000 policías, catro cárceres de máxina seguridade, dureza cos delincuentes reincidentes, garderías infantís para posibilitar o traballo feminino, subvención de 12.000 pesos por cada fillo en ensino medio, subvencións ás universidades privadas, 6.600 millóns de pesetas para cretos a universitarios, ningunha pensión de xubilación será menor ao salario mínimo…

Os decaídos ánimos dos concertacionistas precisan de grandes revulsivos e radicais cambios na campaña de Lagos. Os analistas puxéronse a pescudar nas causas do decepciónante resultado. Axiña deron cos culpabeis: un sector do electorado de centro golpeado pola crise optou polo cambio, houbo un distanciamento da xente e dos seus problemas reais, a cuestión relixiosa asociada cos valores cristiáns do contrincante adscrito ao Opus Dei, a multimillonaria, moderna, pragmática e populista campaña da Alianza por Chile, a voto da muller que agora se decantou maioritariamente pola dereita…

Ao sociólogo Eugenio Tironi de 48 anos, que outrora militara no MAPU; correspondeulle asumir un rol clave na campaña da 2ª volta. Foi el mesmo quen redactou o discurso de Lagos na triste noite do 12-D, na que rescatou a frase de Felipe González: "…entendemos a mensaxe que o pobo nos enviou".

Tirou por terra ao Lagos presidencialista da primeira volta, distante, de tons grises e azuis, estadista, dos grandes principios e solemnes palabras, do equilibrio e a compostura… para moldear un Lagos que se achega a xente, desenfadado, que alonxa os gardacostas, con mensaxes curtas e directas que oferta solucións para os problemas concretas como delincuencia, a droga, o desemprego buscando o corpo a corpo con Lavín nas cuestións sociais.

Tampouco o candidato da concertación perde a oportunidade de enumerar as súas renovadas promesas electorais, moito menos ambiciosas que as do seu contrincante. Quere darlles corpo de realismo e non de puras e volátiles quimeras:100.000 novos empregos, rexionalización do país, subsidio de desemprego, proteccionismo agrícola e gandeiro para evitar a competencia foránea, seguros para as colleitas do agro, becas para evitar a deserción escolar, liberdade e igualdade de culto, forte desenvolvemento das infraestructuras, camiños de ferro, estradas, portos, suburbanos, 5.200 novos carabineiros conexión dos taxis coas comisarías…

A transcendencia das eleccións do día 16 non está tanto nas diferencias programáticas entre a neodereita e a neoesquerta que agora son máis sutís, aínda que alberguen patentes diferencias de modelo social; o verdadeiro reto que afronta o domingo Chile é pasar a páxina da súa transición incompleta ou pola contra cubrir cun espeso manto de silencio esta indigna etapa.

Obsérvase, sen embargo no país andino, signos do que xa comeza a ser unha constante nas campañas electorais en Latinoamérica, trátase do papel estelar da violencia, a delincuencia e a seguridade como temas centrais das campañas.

En tanto que os partidos andan na percura dun acordo para que a campaña remate sen violencia, apúranse as últimas datas e rexístranse sorprendendes golpes de efecto, como a pasmosa fichase dos pinochetistas de Luís Hermosilla a quen moitos proxectan cara ao Ministerio de Xustiza. Trátase dun activista dos Dereitos Humanos, de dilatada militancia no PC, que representou brillantemente a unha das familias dos avogados comunistas degolados no 85 e que colaborou na Vicaría da Solidariedade.

Ata hai 5 anos era considerado como un activo da concertación, pero agora manifesta que se dan as circunstancias adecuadas para pechar coas secuelas do réxime no concernente aos DDHH. "…votar a Lavín non é votar a Pinochet", asegura. Moitos non lle perdoan a súa traizón .Entre os seus antigos camaradas do PC non hai máis comentarios que o distante "Trátase dun UDI máis".