A foto do apertón de mans entre o primeiro ministro da India, Atal Behari Vajpayee, e o presidente de Paquistán, o xeneral Pervez Musharraf, que anuncia a apertura de conversas formais para solventa-las diferencias entre ambos países, é interpretada por moitos como un dos xestos que confirmarían que “o mundo está mellor agora”, trala guerra de Iraq, que tería propiciado a aparición de insospeitados eixos do Ben. Isto é, certos países díscolos estarían a tranquiliza-las súas tentacións rebeldes, estouparen as súas armas nucleares neste caso, perante a asertividade da Administración Bush.
A desputa indo-paquistaní, contemplada a miúdo coma unha simple loita pola rexión de Cachemira, encádrase nun marco xeopolítico moito máis amplo, no que a consideración, principalmente israelí, da bomba de Paquistán como “islámica”, implica á vez a súa dimensión oriental (India) e occidental (Oriente Medio). Así, a finais do pasado mes de decembro, o xornal estadounidente The Washington Post revelou que o programa nuclear no que traballa Irán recibiu un apoio substancial de Paquistán, que lle tería subministrado a tecnoloxía avanzada necesaria para se converter en potencia atómica (algo que tamén tería feito nos casos de Corea do Norte e Libia). Irán viña de asina-lo Protocolo Adicional do Tratado de Non Proliferación Nuclear, pero a revelación do Post semella ter acendido á Defensa israelí. Saúl Mofaz, ministro do ramo, declarou que Israel non permitirá que Irán acade capacidade nuclear, e non desbotou a realización dunha operación militar contra ese país: “serán tomadas tódalas medidas precisas para que a poboación iraniana non sufra ninguún dano”. Israel, único país de Oriente Medio que posúe, segundo os expertos, armamento nuclear (preto de 200 cabezas atómicas), considera o programa iraniano “intolerable”.
A historia do Post, polo demais insidiosamente incompleta, falaba de Irán e Paquistán; a intervención das autoridades israelís introduce a cuarta compoñente, xa que, dende os anos 70, este país vén prestando un apoio crucial ó desenvolvemento nuclear e misilístico da India. Cando, en 1962, o primeiro ministro indio, Jawaharlal Nehru, abandoando a súa política de non aliñamento, pediulle a Kennedy que asistise militarmente á India, este alentouno a que se achegase a Israel, dándolle instruccións á CIA nese sentido. Seguindo o mesmo modelo, nos 70, Washington dirixía os reximes dictatoriais de América Central a se prover de armas en Israel, xa que os EEUU non debían subministralas directamente debido ó seu repentino celo no descubrimento dos dereitos humanos.
De aí en diante, o auxe do petróleo posibilitou o achegamento dos Estados do Golfo a Paquistán, nuns movementos que colleron o cariz dunha ameaza na consideración israelí. O estatus nuclear de Paquistán foi moi benvido –como contrapeso ó de Israel– dende moitas partes da rexión do Golfo, onde os emigrados paquistanís xogan un importante papel nas economías de media ducia de países, ós que proporcionan man de obra especializada e sen especializar, formando parte substancial das súas Forzas Armadas.
Por outra parte, a emerxencia da India como potencia nuclear, demográfica, económica e consumidora é un falso descubrimento recente por parte dos EEUU. A India, como futuro contrapeso xeoestratéxico a China, é o cliente militar favorito de Rusia, Francia e os propios EEUU, mantendo este senllos acordos de cooperación militar con aquel país e Paquistán, e sentando logo a contempla-lo desenvolvemento do paralizante equilibrio da destrucción mutua asegurada ó estilo terceiro mundista.
Paquistán é, certamente, un títere estadounidense. Os límites da súa bomba dependen de Washington (que lle permitirá utilizalas ou llas destruirá), e tamén o alcance das operacións encubertas do ISI –a intelixencia militar paquistaní, a miúdo vencellada á CIA– na Cachemira india, provendo soporte ás actividades dos grupos secesionistas islámicos. Ambos son límites sen posible acoutamento real e, ademais, corren maos tempos para o islamismo militante. Curiosamente, namentres a Administración Bush, tralo 11 de setembro de 2001, xuraba protección eterna a Musharraf, a cooperación militar coa India experimentou un importante incremento trala visita do secretario de Defensa Rumsfeld á India, na que prometeu exercicios conxuntos dos dous exércitos na guerra contra o terrorismo. Durante o ano seguinte, a India e Paquistán estiveron novamente ó bordo da guerra –esta vez con armas nucleares– cando menos dúas veces, segundo confirmou o diario progobernamental India Today.
O xeneral Musharraf semella burlado, sobre todo trala acusación iraniana para se aforra-las sancións internacionais, pero unha Unión India sen fracturas territoriais e con bomba cicais sería demasiado grande. De momento, Washington precisa de ambos, e a apertura do diálogo India-Paquistán, tralo alto o fogo na Cachemira, abre unha nova prespectiva á integración económica rexional, pola que os dous países, máis Bangla Desh, Bután, Nepal, Sri Lanka e Maldivas porán en marcha o Acordo de Libre Comercio para o Sur de Asia (SAFTA) a partir de 2006.
A fracturación e o empobrecemento da India e Paquistán, acrecentados polo incendio exterior do interminable conflicto da Cachemira, consolouse ata o de agora na posesión duns mísiles nucleares que son vistos como símbolos de gloria nacional, non de destrución e morte. Como a guerra nuclear é considerada unha lonxana abstracción, a defensa civil é practicamente inexistente. Coa tecnoloxía nuclear como punta de lanza, ábrese o mercado a outros productos. Neste contexto, sobre todo na India porque simplemente pode pensar aínda a longo prazo, o novo imperialismo é ben recibido pola pequena estratexia, pensando tamén que unha perda de control estadounidense sobre Paquistán –e a súa recuperación pola forza– suporía un cerco directo á soberanía india.
Non son os astros a determina-lo destino, nunha visión hinduísta fatalista, nin a súa equivalente “jabr” musulmana (predestinación) os que os fan quer loitar na Cachemira quer asinar unha paz ou un acordo comercial. Mais practicamente, o manto estadounidense téndese no subcontinente indio por invitación, tras facelo polas bravas en Oriente Medio e Asia Central.