20080224 la habana raul castro

Cuba: de entrada, máis continuidade ca cambio

 Raúl Castro; clic para aumentar
Todo indica que a prioridade de Raúl Castro serán as cuestións económicas e sociais, moi necesitadas de medidas paliativas que melloren o nivel de benestar da cidadanía, estancado ou deteriorado dende hai anos.
 

A renuncia de Fidel abre un novo escenario en Cuba, se ben moi condicionado pola súa presenza e influencia, que seguro exercerá. A elección de Raúl, de Alarcón, de Machado Ventura, etc, tamén doutros, na recente sesión do Parlamento, deixa practicamente intacto o equipo que gobernou o país nos derradeiros vinte meses e que agora, con Raúl como presidente efectivo, acada unha maior normalización institucional. A continuidade, polo momento, pesa máis ca o cambio (que se evidenciaría máis coa elección de Lage, por exemplo, simbolizando un relevo xeracional), unha vontade que socialmente conta con certo aval pero que será xestionada moi atada en curto a sabendas de que mentres estea Fidel, aínda secretario xeral do PCC, nada ao que el se opoña se poderá facer. Raúl deixou ben claro que sempre consultará con el os asuntos de maior trascendencia. Precisamente, o PCC é o outro escenario ao que debemos prestar atención. É posible un adiantamento do seu Congreso e tamén sería un indicativo da vontade e o alcance do cambio, especialmente no que atinxe á necesaria afirmación da colexialidade da dirección política e o reparto de funcións.

Todo indica que a prioridade de Raúl serán as cuestións económicas e sociais, moi necesitadas de medidas paliativas que melloren o nivel de benestar da cidadanía, estancado ou deteriorado dende hai anos. Ese proceso pode alentar non poucas innovacións en materia de organización e xestión, mesmo en materia de propiedade, afrontando temas considerados tabú e que Fidel só aceptou en contadas ocasións de forma excepcional, freándoas en seco en canto puido. Raúl, defensor das mesmas ideas pero menos idealista, podería fuxir desa excepcionalidade para tratar de asentar outro modelo, máis eficiente e produtivo, quizais baseado no modelo chinés, pero atendendo sempre ás circunstancias propias. Daí que tamén conceda gran importancia á agricultura, como tamén se fixo en China na primeira etapa da reforma (aínda que niso tamén pesaron importantes razóns demográficas), para mellorar o abastecemento. O éxito nestas actuacións será clave para garantir a adhesión social ao cambio, ao igual que a concreción de certa liberalización.

O que é indudable é que Cuba ten ante sí unha oportunidade que non pode desperdiciar, abordando con pragmatismo a busca dun novo equilibrio entre xustiza social e eficiencia económica, e con maiores niveis de liberdade. Ese aproveitamento esixe de Cuba unha nova diplomacia que poña o acento na integración e no fortalecemento dos vinculos con América Latina e que tire proveito do cambio político que vive a rexión dende hai varios anos, indo máis alá da relación con Venezuela. Cuba, que goza de amplo respecto na zona aínda que ninguén vai imitar hoxe o seu modelo, pode contar co apoio económico e político de moitos países de América Latina (Lula dixollo claramente a Fidel) que xa non obedecen os ditados de Washington. É unha gran oportunidade que tamén pode xerar máis dunha contradición entre a lentitude do cambio cubano e as expectativas rexionais, que dependen dos ritmos da alternancia. Pero ese marco crea condicións óptimas para Cuba. Tamén España pode ter un papel nese proceso, pero antes debe recuperar a súa credibilidade, moi mermada, ante La Habana e na propia rexión no seu conxunto.

Todo iso, de potenciarse, relativiza tamén a trascendencia do factor estadounidense, que, de confirmarse as expectativas de cambio, en boa lóxica debería tamén adaptarse propiciando algún xesto de distensión. Obama, moi áxil, adiantou a súa disposición a reunirse sen condicións con Raúl Castro. O pragmatismo tamén podería chegar ao exilio, onde o tránsito xeracional que se está vivindo na illa tamén é unha realidade, facilitando a consideración de propostas mais innovadoras e atrevidas.

O que non parece estar na axenda é a hipótese dunha Cuba transitando cara un modelo homologable, senón a persistencia no ideario básico que lle sirve de soporte, afincado no antiimperialismo e nun socialismo no que si avanza a percepción dunha inevitable refundación.