Cuba e o flotador chinés

O primeiro ministro chinés Li Keqiang visita Cuba. Ambos países exhibiron nos últimos lustros unha clara proximidade política pasando páxina dos diferendos ideolóxicos que lles distanciaron durante a guerra fría. En China sempre existiu certa admiración pola Revolución Cubana e os seus líderes, manifestada desde o primeiro momento do triunfo co recoñecemento diplomático da República Popular, o primeiro dun país de América Latina, e a histórica visita do Che a Beijing. Hoxe, con ambos países gobernados por partidos comunistas, o respecto ás especificidades mutuas e á libre elección do camiño de desenvolvemento representa o núcleo dunha relación baseada no dereito ao exercicio dunha heterodoxia con desiguais signos de pragmatismo.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Li Keqiang chega a Cuba á fronte dunha numerosa delegación, máis de cen persoas. É a primeira vez que un primeiro ministro chinés pisa Cuba, un país cun 1 por cento de poboación con ascendencia no xigante asiático, descendentes dos culíes chegados á illa no século XIX. China é o segundo socio comercial de Cuba pero o volume dos intercambios non alcanza os 2 mil millóns de dólares. Nos últimos anos rexistráronse altibaixos. Os investimentos chineses, que crecen a gran velocidade en todo o mundo, pasan de longo por Cuba, aínda que siga sendo o maior receptor no Caribe. China, no entanto, apoiou con préstamos e adiamentos varios do pago da débeda o desafogo da precaria economía cubana pero sen implicarse de cheo en poñer á boia e bo recado a “actualización” do modelo de desenvolvemento cubano. 

No plano bilateral, no que vai de século, as visitas de presidentes chineses (Jiang Zemin en 2001, Hu Jintao en 2004 e 2008 ou Xi Jinping en 2014) é fiel reflexo desa querenza xa que poucos países poden mostrar un palmarés similar pero, pese á pompa que as rodeou, non se traduciron nun salto cualitativo no plano económico e comercial. Li asinará numerosos acordos durante a visita pero o realmente importante é dar o paso a un novo modelo de relacións bilaterais que ata agora se centrou nas exportacións de níquel ou azucre ou o establecemento dalgunhas empresas mixtas pero quedando moi por baixo do seu potencial. A zona especial de desenvolvemento de Mariel ben puidese acaparar boa parte da atención. Téñase en conta que Li chegará á Habana tras visitar Canadá, país con importantes intereses en Cuba. A cooperación en capacidade produtiva en mercados terceiros (que España igualmente podería explorar) facilitaría triangulacións de especial impacto no desenvolvemento da illa. Para iso, Cuba debe mellorar a maior ritmo a súa experiencia empresarial e China renunciar á procura de privilexios. 

Cos cambios que se rexistran en Brasil, Arxentina, etc., ou a precaria estabilidade de Venezuela, a significación política de Cuba na estratexia chinesa de gañar presenza e influencia no hemisferio gaña enteiros. A mellora do ambiente inversor na illa pode introducir matices na axenda dos seus intereses, ata agora centrados prioritariamente na enerxía, materias primas ou I D. As infraestruturas poden sinalar un punto de encontro. 

A nivel global, a mellora das relacións entre La Habana e Washington pero tamén a renovada presenza rusa (Putin visitou Cuba en 2014), o interese de competidores estratéxicos como Xapón (Abe acaba de visitar a illa) ou o cambio de política da UE en relación a Cuba, son elementos que Beijing non pode ignorar. Por todo iso, esta visita de Li Keqiang gana relevancia por canto pode significar o fin do titubeo do xigante asiático con Cuba e deixar entrever que chegou o momento de poñer números en serio aos afectos que tradicionalmente marcaron as simpatías mutuas.