As recentes viaxes a Roma de Madeleine Albrigth e Roberto Robaina, responsables de asuntos exteriores dos gobernos estadounidense e cubano respectivamente, indican con claridade que o Vaticano, despois da visita pastoral do Papa a Cuba (21 a 25 de xaneiro con etapas en La Habana, Santa Clara, Camagüey e Santiago de Cuba) aspira a desempeñar un papel mediador de primeira orde na normalización das relacións cubano-norteamericanas.
Sen dúbida, numerosos factores propician o desenvolvemento deste novo e esperanzador proceso: a desaparición de Mas Canosa, líder da Fundación Nacional Cubano Americana e a confusión de liderazgo que se vive no seo da comunidade exilada en Miami; a visualización do relevo do Presidente cubano, Fidel Castro, de edade avanzada e polo mesmo cada día máis proclive a padecer enfermidades irreversibles; a presión de medios económicos norteamericanos que imaxinan unha Cuba postcastrista menos "dura" e, consecuentemente, reivindican un cambio de rumbo para tomar posicións; ou a respectuosa actitude do Vaticano en relación a Cuba que, como sinala Antonio Pelayo no último número de "Política Exterior", nunca se planteou a viaxe á illa caribeña como "unha cruzada declarada contra o réxime marxista-leninista implantado por Fidel Castro ós seus compatriotas", senón como unha misión principalmente eclesial e de boa vontade: "para que Cuba se abra con todas as súas magnificas posibilidades ó mundo e o mundo se abra a Cuba…".
Para La Habana, o Vaticano ten o importante merecemento de haber resistido as tradicionais presións norteamericanas para que rompera diplomaticamente con Cuba. Pero pese ós numerosos e delicados momentos que viviron as relacións entre os dous Estados, esa ruptura nunca chegou a producirse. O Vaticano aspira a rendabilizar esa traxectoria, desexa robustecer o seu papel e a súa influencia para gañarse unha das posicións predominantes na Cuba post-Fidel.
Ás liberacións de varios centos de presos por parte das autoridades cubanas; a tímida suavización do embargo anunciada pola Casa Branca; o anuncio de que se poden producir novas e significativas liberacións por parte de La Habana, suxeridas polo Vaticano a instancias da Sra Albrigth, indican que algunhas cousas están mudando pese ás discrepancias dos sectores máis duros do exilio de Miami e algunhas voces críticas da propia Cuba. Fidel valorou como "positiva" a reacción estadounidense, pero unhas negociacións serias poden abrir importantes divisións no seo da propia dirixencia cubana. Ainda así, non se debería dar marcha atrás.
Internamente, o proceso político cubano permanece estancado, da voltas arredor de sí mesmo, sen conseguir desembarazarse das hipotecas que lle impiden a experimentación de iniciativas verdadeiramente innovadoras. Non hai recetas nin pode habelas, e soamente co gradualismo, interna e externamente, poderase avanzar cara un novo modelo social, con planificación e mercado, que satisfaga as aspiracións dos cubanos e posibilite a súa integración na economía internacional.
Pese ó novo clima, non semella previsible unha saída da crise a corto prazo. E, sen embargo, a superación da difícil situación que vive Cuba é perfectamente equiparable a unha carreira contra reloxo. Cuba precisa tempo pero tamén habilidade e atrevemento político para administrar ese inmenso caudal de apoio popular co que aínda conta a Revolución.
Os dirixentes cubanos son, cando menos aparentemente, de conviccións políticas sólidas. Non estamos ante unha "nomenklatura de oficio"semellante á existente nas antigas "democracias populares" de Europa Central e Oriental ou do "socialismo desarrollado" da fenecida Unión Soviética. Os ideais de xustiza e de dignidade; a conciencia crítica respecto da actual situación política e económica internacional; a propia pequena escala da corrupción, etc, evidencian que será moi duro para Cuba renunciar a calquer aspecto, por menor que sexa, da súa identidade revolucionaria. Ninguén desexa perder os innegables avances logrados ata hoxe e son os moitos os que temen que os cubanos asentados en Miami pretendan pura e simplemente arrasar estas décadas de xustiza social para recuperar o seu "patio particular" perdido en 1959.
Sen embargo, apoiandose nunha mediación calculada da Igrexa Católica, impulsando medidas de reestructuración e de apertura menos cosméticas, teñen aínda a posibilidade de controlar e mesmo dirixir un proceso que a uns anos vista pode resultar infinitamente máis complexo. Un cambio é imprescindible. Mellor con Fidel ca sen él.