Cuba en la Habana

La Habana acolle a IX Cumbre Iberoamericana inmersa na eterna discusión sobre a naturaleza e o futuro do seu réxime político. Segundo algúns, unicamente se dilucidará despois de Fidel. En efecto, o paso do tempo indicanos con claridade que Fidel non vai liderar ningún cambio substancial na illa. É unha das poucas certezas a respecto do futuro do réxime cubano, un asunto que sempre se pretende resolver de maneira contundente e simplista e que, sen embargo, incorpora unha enorme dose complexidade.

Cuba é diferente do Leste europeo. En Cuba houbo unha revolución secundada polo apoio popular. Aquí non houbo ningún Exército Vermello abrindo o paso. Coa revolución, a vida mellorou ostensiblemente para os cubanos, e incluso coa crise actual certos indicadores non se resentiron tanto como neses países do Leste que abrazaron a democracia e o mercado. Aínda que o descontento social é perceptible, o réxime goza aínda dunha importante credibilidade interna. A xeito disuasorio, dende outra perspectiva, no suposto de que Cuba se adentre no que Marcos Roitman definiu como "a razón de Occidente", as opcións que se lle presentan non son tan apetecibles. Ou capitalismo salvaxe para desmontar o sistema de planificación dos últimos corenta anos; ou avanzar pola cuestionable vía latinoamericana na que o haber dunha democracia política con comiñas debe ser compensado coa ausencia de transformacións reais nas estructuras económicas e sociais e de sociedades, en definitiva, minímamente xustas e habitables. Agardar, por último, unha afluencia masiva de dólares estadounidenses como premio para celebrar un cambio político na illa, debe lembrarnos o escaso cumprimento de idénticas promesas efectuadas a Nicaragua, Panamá ou Granada.

Cuba non é unha sociedade perfecta nin o futuro do seu sistema pode pasar por unha distribución máis ou menos igualitaria da pobreza. Máis da metade da poboación actual naceu despois da Revolución e as súas percepcións e aspiracións son outras. En calquer momento pode chegar un colapso crítico difícil de xestionar. Os dirixentes cubanos son conscientes de que existen factores externos que inciden directamente na superación da crise (bloqueo, etc), pero hai aspectos que tamén deben mudar no interior, tanto no económico como no político. Nun mundo tan interdependente como o actual non é posible a autosuficiencia e, por outra banda, manter as conquistas sociais esixe eficiencia económica. Asi pois, reforma e apertura son indispensables, pero en Cuba dificilmente terá éxito unha modernización á chinesa. Existe unha compoñente cultural que nos leva por outros derroteiros. O pluralismo e as liberdades civís e políticas son ingredientes indispensables das sociedades complexas e, máis tarde ou máis cedo, irrumpirán con forza. Pero en termos de futuro, non será indiferente quen leve a iniciativa nese proceso.

Deberiamos todos respectar o dereito da sociedade cubana a construír ese escenario de xustiza social que satisfaga as súas aspiracións e alentar, co diálogo, certo gradualismo na súa adaptación a un contexto que non é o de 1959. E esa comunidade internacional que proclama a democracia (admisión e tolerancia da diferencia) como sistema universal debería velar pola vixencia global dos mesmos principios para os que se esixe o respecto en Cuba: o dereito á diferencia, á discrepancia, e posibilidades efectivas do seu pleno exercicio político.