20080216 la habana raul castro

Cuba sen Fidel

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Raúl Castro; clic para aumentar
Resulta claro que a poboación e os principais organismos estatais outorgan a Raúl Castro (na foto) e o seu equipo de goberno a lexitimidade necesaria para afrontar os retos por vir. Estes retos se circunscriben en tres áreas específicas: a urxente reforma económica; as relacións exteriores, especialmente de cara a EEUU; e a dinamización de maiores espazos de participación política, dentro dunha reforma gradual e moderada da actual estrutura de poder.
 

Tras oficializar a súa renuncia aos máis altos cargos do Estado cubano, previo á elección do presidente do Consello de Estado na Asemblea Nacional do Poder Popular o próximo domingo 24 de febreiro, que futuro pode esperar á illa caribeña, xa sen a presencia política de Fidel Castro?

A renuncia de Fidel, seguramente por imperativos de saúde e aplicada cunha mesurada dose de lóxica, lexitima definitivamente o traspaso de poder iniciado o 31 de xullo de 2006 a favor do seu irmán Raúl Castro, vicepresidente do Consello de Estado e ministro das Forzas Armadas Revolucionarias (FAR) A mais que segura elección de Raúl como presidente do Consello do Estado, a partir do próximo domingo, certificará e institucionalizará a viabilidade deste traspaso de mando.

Tanto como Raúl, a "dirección colexiada" na Habana outorga ao vicepresidente primeiro Carlos Lage, ao presidente da ANPP, Ricardo Alarcón, e ao ministro de Exteriores, Felipe Pérez Roque, un papel determinante na conformación da Cuba post-Fidel. Esta especie de "troika" política está consolidada en base ao reforzamento das FAR, a máis eficiente e poderosa institución existente en Cuba, como instrumento garante do proceso de transmisión de mando e gradual transición.

Tras 19 meses de goberno de Raúl , confórmase un cadro sociopolítico interno estable, aparentemente inalterable e sen fisuras, coa vista posta en propiciar un necesario relevo xeracional que se dinamizará coa conformación da próxima ANPP a partir do 24 de febreiro. Así, nos próximos cinco anos, a ANPP terá a responsabilidade de iniciar un amplo e vasto proceso de reformas do Estado e da sociedade cubana.

Polo tanto, e tomando en conta o alto nivel de tranquilidade e madurez social asumida en Cuba tralo histórico anuncio de Fidel, os escenarios de caos e inquietude semellan afastarse da xeografía cubana. Resulta claro que a poboación e os principais organismos estatais outorgan a Raúl e o seu equipo de goberno a lexitimidade necesaria para afrontar os retos por vir.

Estes retos se circunscriben en tres áreas específicas: a urxente reforma económica; as relacións exteriores, especialmente de cara a EEUU; e a dinamización de maiores espazos de participación política, dentro dunha reforma gradual e moderada da actual estrutura de poder.

Diversas análises auguran un "modelo chinés" para Cuba, tomando en conta a presunta preferencia de Raúl por este sistema de partido único e economía de mercado. Salvando as enormes diferencias, debe medirse ata que punto resulta eficiente a adaptación fiel do modelo chinés en Cuba.

A evidente dependencia económica cubana, en gran medida aliviada pola asistencia enerxética venezolana, contrasta coa potencialidade e a soberanía económica existente en China. Este escenario obriga a Raúl e o seu goberno a propiciar un modelo reformista propio, adaptado ás necesidades e características da economía cubana.

No aspecto exterior, é innegable a influencia das relacións con EEUU, máxime cando está por observarse un cambio político na Casa Branca. Raúl ven reclamando un lexítimo acercamento e a finalización do anacrónico embargo económico. A diáspora cubana tamén xogará un papel de importancia en propiciar a eventual aproximación, aínda que o seu protagonismo non será central.

Resta por observar a dinámica da apertura da participación política, proceso que será lento e gradual, dentro dun marco ordenado de relacións tuteladas pola estrutura de poder e as FAR. Os cubanos demandan cambios específicos, moitos deles orientados a lograr unha maior liberdade, pero non cuestionan a viabilidade do sistema socialista. Ao igual que o papel da disidencia, politicamente débil e disgregada, pero cuns mecanismos de diálogo que tamén serán necesarios para afianzar as bases da Cuba post-Fidel.

Así, e trala oficial finalización da "era Fidel", que aínda queda ao mando do PCC, está Cuba a piques dunha segunda revolución? Moitas destas claves poden comezar a descifrarse a partir do próximo 24 de febreiro.