Cumio da FAO, mercado da fame

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

O II Cumio Mundial contra a Fame, organizado pola FAO, axencia da ONU para a Alimentación e a Agricultura, en Roma, pechouse sen resultados, afirman os titulares. Agora ben, esta conclusión pecha os ollos ante o feito de que a forma máis coñecida do poder encuberto é precisamente esa manipulación que permite que as decisións, e as non-decisións, favorezan o mantemento do statu quo. Non só as decisións, senón fundamentalmente a elusión na toma de decisións, son o que fai sólida, forte e inmutable a economía-mundo.

O insulto da ausencia dos líderes mundiais neste Cumio contra a Fame, presentes en masa en Roma hai un mes escaso no cumio armamentístico Rusia-Otan, certifica a deslexitimación deste organismo da ONU e, por extensión, da inmensa maioría de Estados subdesenvolvidos que hoxe a forman, porque, como afirmou o europresidente: "a responsabilidade de garanti-la seguridade alimentaria atinxe, en primeiro lugar, ós Gobernos nacionais".

Semella que a presión exercida polas Nacións Unidas para que se produza un cambio, o único que ten acadado é o esmorecemento da súa relevancia ós ollos dos Estados máis poderosos, EEUU á cabeza.

Os Estados Unidos, que na negociación da súa enorme débeda monetaria coa ONU (2/3 da débeda total), acadaron hai pouco a rebaixa da súa aportación e, o que é máis importante, que esa porcentaxe non poida incrementarse nunca, rompendo así o principio que rexe as cotas á ONU, a ponderación do que representa a economía do país dentro da mundial. Esa porcentaxe do 22% do total aportado por EEUU permítelle ser primum inter pares en Nacións Unidas, pero representa só un 0,10 do seu PIB na axuda ó desenvolvemento.

Pero si hai resultados neste cumio; o primeiro é a non aprobación do orzamento acordado pola FAO, 25.751 millóns de euros ó ano, destinados a reducir á metade, de aquí o 2015, os 800 milleiros de persoas que sofren fame mortal, só unha parte dos 3.000 milleiros de infraalimentados.

A aldraxe non coñece límites, e así o anfitrión Berlusconi díxolle ó secretario da FAO, Jacques Diouf, "Tendes que adelgazar un pouco", referíndose ó orzamento. Diouf contestoulle que dende o I Cumio, en 1996, a FAO adelgazou un 30%.

Perante a fame endémica, esencialmente política, a FAO xa non loita polo dereito á alimentación, senón por salvar mortos potenciais. No acordo do 96, os Gobernos comprometéronse a reduci-la cifra de desnutridos a un ritmo de 22 millóns anuais, pero o resultado é que só "salvan" 6 millóns; morren 36 millóns cada ano.

Os chamamentos da FAO para acabar con este xenocidio silandeiro non acadan resposta. O comisario europeo Poul Nielsen afirma que pedir máis diñeiro está "fóra de lugar" porque "o 80% dos países con escaseza de alimentos está en zonas de guerra". Zonas de guerra coma Afganistán, por exemplo, onde a FAO xa advertira a finais do pasado setembro de que 7 millóns de persoas morrerían de fame se non se renovaba o envío de axuda, cancelado por EEUU antes de comenza-los seus bombardeos. Unha vez comezados, a FAO volveu protestar: se estes non se interrompían destruiríase a sementeira que fornece o 80% das provisións de gran, xunto ás fontes de enerxía eléctrica e de auga. A fame, o bombardeamento biolóxico, é a máis poderosa das armas de guerra. EEUU leva moitos anos practicándoo con Iraq, sometida á máis inmunda das chantaxes: "petróleo por alimentos".

A impresión de que EEUU "pasa" deste tipo de cumios, digamos humanitarios, é tan só iso, unha impresión. E é por isto que si hai resultados, sempre os hai.

O texto final chegou ó Cumio xa benfeitiño, sen deixar ás delegacións -ós pobres- posibilidade ningunha de discusión ou emenda. Por iso Bush e os demais "líderes mundiais" non precisaban estar fisicamente presentes en Roma. E así colouse a disposición que lles dará entrada ós alimentos modificados xeneticamente, ós transxénicos, ós mercados dos países da fame. Este, e non outro, é o resultado do Cumio, e o verdadeiro ámbito onde cómpre trata-lo asunto: o mercado mundial, que basea os seus prezos na desigualdade. Xunto ó pagamento "social" que fai un consumidor de Ghana cando merca un coche alemán (o soldo "elevado" dos traballadores xermanos), ó pagamento das subvencións agrícolas á exportación dos ricos (220.000 millóns de euros para esta década, aprobados por Bush para os seus labregos), engádeselle agora o pagamento tecnolóxico que o centro rexeita. E isto é un bo exemplo de que a clase dominada do centro ten exercido a presión política con éxito, cousa que non ocorre na periferia; o 70% dos africanos que viven da agricultura, evidentemente, non o acadou.

Nos anos 60 e 70 a invitación que lle facía o mundo rico ó pobre era á autosuficiencia. Agora é : "non produzas todo o que te serve, concéntrate nos productos que sabes facer mellor e expórtaos; co que gañes, importa o alimento que che falle". Disto, P.J Taylor, un bo xeógrafo político, pon un claro exmplo. En 1966 calculouse que o comercio dos países periféricos, valorado en 35.000 millóns de dólares, "tería valido" 57.000 millóns se fose producido con salarios elevados (salarios occidentais, máis ben). A diferencia de 22.000 millóns é consecuencia do intercambio desigual, "e supera de sobra tódolos programas de axuda xuntos".

O desenvolvemento desequilibrado do capitalismo sen fronteiras non obedece á "man invisible do mercado", senón a este proceso de toma de decisións-non decisións que reflicte, por exemplo, este Cumio. E que é o principal logro político dos intereses dominantes na economía-mundo moderna.