O Cumio Mundial sobre Desenvolvemento Sustentable, que se celebra en Johannesburgo baixo o lema " Xente, planeta e prosperidade" reúne a milleiros de participantes, entre os que se inclúen xefes de Estado e de Gobernos, delegados nacionais e dirixentes das organizacións non gobernamentais(ONGs), empresas e outros grupos, rematará o 4 de setembro. O seu obxectivo consiste en centrar a atención do mundo e a acción directa na resolución de complicados retos, como son a mellora da calidade de vida dos cidadáns, a conservación dos nosos recursos naturais nun mundo no que a poboación crece cada vez máis, aumentando a demanda de alimentos, auga, vivenda, saneamento e enerxía… e nun mundo cada vez máis escéptico respecto da utilidade destes macroencontros.
No Cumio da Terra de 1992 se adoptou o Programa 21, un plan de acción global a favor do desenvolvemento sustentable. O Cumio de Johannesburgo 2002 presenta unha oportunidade para que os dirixentes adopten medidas concretas e identifiquen obxectivos para unha mellor execución do Programa 21, dado que non superou a súa fase meramente declarativa. Ao mesmo tempo, celébrase un foro non gobernamental no achegado estado de Gallagher, no que participan 15.000 persoas.
Dende 1972, os líderes mundiais reúnense cada 10 anos para abordar os desafíos medioambientais do planeta. Durante este tempo, chegouse ao convencemento de que para defender o medio ambiente cómpre atender os problemas da poboación máis pobre. Así se conceptualizou o concepto de desenvolvemento sustentable hai 10 anos en Río de Janeiro: non esgotar os recursos naturais pensando no futuro, a vez que se promove o progreso dos 1.200 millóns de persoas cunha renda ente dous euros e un ó día. Río supuxo que as preocupacións antes exclusivas dos grupos sociais sen poder se integraran nas axendas de debate e nos discursos sobre desenvolvemento. O concepto é coñecido e usado por todos, pero ninguén o practica.
A declaración que se está a negociar constará dun Plan de Acción, con datas e compromisos e un Documento Político, que dotará ó plan dunha base política. Ambos son acordos de tipo 1, ratificados polos gobernos. Tamén haberá acordos de tipo 2, que serán iniciativas dos empresarios, ONGs…pero de carácter non vinculante. O temor é que os acordos de tipo 2 acaben por se impor aos acordos de tipo 1.
O segundo Cumio da Terra, chamado Río +10, abriuse con boas intencións e pouco máis. O pesimismo ven motivado pola actitude de Estados Unidos, que non está disposto adoptar acordos que o comprometan no futuro.
Encontramos pois, diferentes posturas:
- A de Estados Unidos que xunto con Canadá e Australia pretenden evitar a asunción de compromisos financeiros que garantan a viabilidade dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e a erradicación da pobreza para a próxima década.
- A Unión Europea, máis disposta a asumir un papel protagonista para lograr que se marquen obxectivos concretos, así como unha declaración política forte.
- Os países pobres agardan o compromiso dos ricos para mellorar os seus niveis de benestar, eludindo a imposición da preocupación medioambiental en exclusiva, desatendendo aspectos esenciais do problema como a débeda ou o futuro dos mercados e productos agrícolas.
- As ONGs, que celebran un cumio paralelo, boicotearon algunhas reunións oficiais como expresión de protesta pola calculada demagoxia dos países ricos e anticipan o fracaso deste novo Cumio.
O moderado optimismo dos organizadores, na ONU e na UE, procura obviar a inhibición de Estados Unidos que coa ausencia de Bush envía unha clara mensaxe de desinterese. Quen máis contamina non vai deixar de facelo. Se poña a Terra como se poña.