TREGUA

Curta tregua entre o CV (Comando Vermelho) e o PCC (Primeiro Comando da Capital), as máis potentes faccións criminosas do Brasil

En febreiro de 2025, publicouse unha nova segundo a cal estábase articulando unha «tregua histórica» entre o Comando Vermelho (CV) e o Primeiro Comando da Capital (PCC). Estas dúas organizacións criminosas dende fai anos sosteñen un enfrontamento caracterizado por elevados niveis de violencia. O acordo levaríase artellando dende o 2024 e tería como obxetivo tratar de presionar ao goberno da República Federativa do Brasil para que flexibilizase as regras do Sistema Penitenciário Federal (SPF), onde seus principais líderes cumpren condena nun réxime con estritas restricións.
Apartados xeográficos Latinoamérica

A xénese do Comando Vermelho (CV) data do ano 1979 no centro penitenciario Cândido Mendes, en Ilha Grande, Río de Janeiro, lugar no que convivían presos comúns e presos políticos opostos a ditadura militar brasilera. Baixo o lema «Paz, Justiça, e Liberdade», foi coñecido inicialmente coma «Falange Vermelha» aínda que segundo seu fundador, William da Silva Lima, «o Professor»:

«Vostedes, a Policía nomearon ao noso grupo Falanxe Vermelha. Atopámolo demasiado de dereitas. Falanxe fainos lembrar á España de Franco, o fascista. Por iso atopamos máis adecuado Comando Vermelho que pasamos a usar. O Comando Vermelho é unha agrupación. Hai moito mercenarismo, pero recolle as simpatías de gran parte da sociedade marginalizada polo sistema».

Pola súa banda, o Primeiro Comando dá Capital (PCC) empezou a ser coñecido no ano 1993 cando persoas vinculas ao sistema penal de São Paulo advertiron da súa existencia, aínda que os seus avisos foron desatendidos. No 1996 empezou a circular o primeiro «Estatuto» do PCC composto por 16 artigos. Tratábase dunha versión case literal das formulacións dos fundadores do CV dúas décadas antes. Nos seus inicios adicouse a extorsionar reclusos e aos seus familiares coa fin de dominar o sistema penal e controlar o tráfico de drogas neses recintos. Posteriormente pasaron a ampliar o seu ámbito de actuación a outras actividades máis aló do interior das prisións.

Outros intentos tregua tamén se deron no 2016. Nese ano, a través de avogados e familiares, Marcos Willians Herbas Camacho, «o Marcola», xefe do PCC fíxolle chegar unha carta a Márcio dos Santos Nepomuceno, «o Marcinho VP», líder do CV. Ambos dirixentes trocaron mensaxes intentando non quebrar a alianza de máis de dúas décadas entre paulistas e fluminenses.Os esforzos non deron resultado.

O 6 de xuño de 2016, Jorge Rafaat foi metrallado en Pedro Juan Caballero, no Paraguai, na fronteira coa cidade de Punta Porã, no Mato Grosso do Sur. Este individuo fornecía de armas e drogas ás dúas faccións. O 16 de outubro de 2016, presos do PCC mataron 10 integrantes da FDN (Familia do Norte), aliada ao CV, na Penitenciaria Agrícola de Monte Cristo, en Boa Vista, Roraima. Poucas horas despois, oito internos do PCC morreron por asfixia durante un incendio provocado por reclusos da FDN na Penitenciaria Ênio dos Santos Piñeiro, en Porto Vello, Rondônia.

O día 1 de xaneiro de 2017, 56 detidos do PCC foron asasinados por integrantes da FDN nunha rebelión no Complexo Penitenciario Anísio Jobim, en Manaus, no Amazonas. Trala rebelión, o goberno do estado trasladou 284 presos do PCC para unha cadea pública na capital. O día 6 de xaneiro de 2017, membros do PCC executaron aproximadamente 33 integrantes da FDN na Penitenciaria Agrícola de Monte Cristo, en Boa Vista (Roraima). Oito días despois, 26 presos do SDC (Sindicato do Crime), aliado do CV, foron mortos por presos do PCC na Penitenciaria de Alcaçuz, en Natal (Río Grande do Norte).

Desta maneira, a violencia entre as dúas faccións criminosas converteu ao 2017 no máis violento da historia do Brasil. Nese período contabilizáronse 60.000 mortes. Case sete falecidos pola violencia cada hora.

Apenas dous meses despois do anuncio da tregua, en marzo de 2025, informouse da publicación a través da redes sociais virtuais de «salves» expresión coa que se define unha sorte de «comunicado oficial» das faccións criminosas decretando o fin da tregua. A veracidade destas publicacións foi confirmada polo Ministério Público de São Paulo (MPSP).

O PCC alegou que o fin da tregua «débese especialmente ás mortes de decenas de inocentes asasinados por pura banalidade» aínda que sinala que «permanece aberta ao diálogo con todos aqueles que están a favor da paz». A facción paulista tamén destacou que «o fin da alianza foi decidido en consenso entre as dúas organizacións e que o término do acordo ocorreu con respecto e humildade de ambas as partes, recoñecendo os puntos cruciais que envolven todos os lados»…

Parece ser que a base do falido «armisticio» CV-PCC , está no interese do Comando en expandir súas rutas de narcotráfico. Historicamente, o CV mirou cara o comercio interior de marihuana e cocaína mentres que o PCC, dende fai décadas, pasou a controlar toda a cadea loxística do tráfico transnacional. Segundo investigacións da Polícia Federal (PF) a cúpula do CV que ampliar seu ámbito de actuación cara o mercado exterior. Ata mediados da década pasada, o CV almacenaba droga de organizacións de Colombia e Bolivia Complexo da Penha até ser colocada en navíos de carga no Porto do Río, previo pago dun 10%.

No ano 2023, no marco da «Operação Novos Rumos» a PF descubriu que a xefatura do CV decidira deixar de actuar só como intermediario, pasando a enviar cargas propias á Europa, sen dividir os lucros da operación. En xaneiro de 2025, unha carga de cocaína do CV tería saído por un porto do Noroeste do Brasil cara Europa.

Así as cousas, esta puxa pola supremacía do narcotráfico entre as dúas poderosas -e letais- faccións criminosas, non parecen -nen moito menos- amosar no curto-medio prazo, un status quo, parafraseando a Auguste Comte inspirador do lema do Brasil, con «O Amor por principio e a Orde por base; o Progreso por fin».