20051206londres david cameron

David Cameron: ¿a renovación dos conservadores?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 David Cameron, clic para aumentar
David Cameron intenta revestirse dunha imaxe moderna, pragmática e carismática, que lle axude a gañar o terreo intermedio que os tories perderon en favor do New Labour. Con este motivo, formou o seu equipo de goberno na oposición onde implica ás correntes que competiron con el polo liderado do partido, pero que deixa algúns claros e sombras, e algunha que outra incógnita sobre a suposta renovación conservadora.
 

Finalmente, David Cameron impúxose como novo líder do Partido Conservador británico, abrindo unha nova etapa renovadora tralos últimos anos onde os conservadores se viron condenados ó fracaso dende a chegada de Tony Blair ó poder. O que ata foi o máis exitoso partido da dereita do século XX, caracterizouse sempre pola flexibilidade e adaptabilidade, e sobreviviu a acontecementos como a independencia irlandesa, a chegada do sufraxio universal, a creación do estado do benestar, ou a perda do imperio. Pero aínda non foi quen de superar a barreira que impuxo o New Labour no Reino Unido dende 1997.

Non obstante, despois dunha dilatada experiencia de goberno, é difícil falar dunha ideoloxía conservadora clara, aínda que si se pode afirmar que existen dúas correntes diferenciadas dentro do partido: dun lado, os neoliberais, que defenden a bandeira dun rol mínimo do Estado, exclusivamente en orde e defensa, a reducción das taxas, o individualismo e o mercado, e que contan no seu escapulario coas figuras de Margaret Thatcher, Sir Keith Joseph e Enoch Powell. Por outro lado, existe outra corrente máis favorable á intervención do estado dunha forma paternalista e pragmática, que controle o mercado corrixindo os seus erros. Algúns exemplos desta tendencia son Keneth Clarke, Chris Patten o excomisario europeo, John Major, o ex-primeiro ministro, ou Michael Heseltine.

A etapa de goberno Thatcher sentou, sen embargo, un precedente importante no que logo habían ser as liñas directrices do partido conservador. O Reino Unido despois de Thatcher xa non era o mesmo, e así o asumiron os laboristas cando chegaron ó poder. Á forte personalidade de Thatcher e incluso abrasiva conducta cos seus membros de goberno, opoñentes, grupos de presión, a URSS e os dirixentes europeos, hai que engadirlle unhas liñas de política económica claramente delimitadas, de privatizacións, de reducción de subsidios, aversión ó endebedamento, ó gasto público, ós déficits e á inflación reducindo o rol do estado e apoiándose nas taxas indirectas, que incrementaron as diferencias e as desigualdades dentro duns postulados onde estaba plenamente xustificado. E non foi tampouco desprezable, o firme compromiso coa lei e a orde reflectida no apoio á pena de morte, ó incremento no número de policías, das súas pagas e equipos, acompañado tamén dunha asertiva política exterior fora de calquera agromo dubitativo, como se demostrou na guerra das Malvinas.

Así as cousas, logo dunha longa estancia no poder, Thatcher deixou as propias esporas, e a continuación veu da man dun home da corrente alternativa que fora elixido para conciliar as distintas interpretacións, e por iso padeceu o desgaste do partido conservador e o crecemento do novo laborismo. John Major, viuse afectado pola rebelión dalgúns parlamentarios conservadores despois do acordo de Maastricht, pola percepción impopular de ter comezado as conversas de paz en Irlanda do Norte, e a crise monetaria seguida da retirada do Mecanismo de Tipos de Cambio (MTC) do Sistema Monetario Europeo (SME) en 1992. En maio de 1997 o partido conservador sufriu a peor derrota dende a "Great Reform Act" de 1832. Pero malia todo, durante a etapa de Major, houbo unha forte presencia de ministros da ala dereita do partido como Peter Lilley e Michael Portillo, quen avogaban por grandes recortes nos impostos directos e o gasto público, ó mesmo tempo que animaban a confiar nas forzas do mercado. Máis aló das disensións internas entre as sensibilidades, o control permaneceu en mans de thatcheristas e no ano 2000, o partido conservador de William Hague, non contaba nas súas liñas principais con Michael Heseltine, Ken Clarke, Chris Patten ou Stephen Dorrel, todos eles reformadores ideolóxicos ós ollos de Thatcher.

Hague volveu confiar en Michael Portillo, para o rol de chanceller , na súa etapa como líder na oposición, o que erosionou a súa autoridade debido ás múltiples disensións. Os enfrontamentos foron constantes e nas eleccións de 2001, tampouco conseguiron mellorar os resultados de 1997. Logo da desfeita chegou George Iain Duncan Smith, que inicialmente foi visto como un líder externo, pero que pronto conseguiu o apadriñamento de Margaret Thatcher cando publicamente anunciou que era o seu candidato preferido. Non foi un gran orador e non tivo capacidade de impacto na cidadanía, e un voto de confianza acabou por facerlle perder o liderado en favor de Michael Howard que se enfrontou a un menor descontento que os seus predecesores. Non obstante, Howard, a pesares de reducir a maioría dos laboristas de 167 a 66 nas eleccións xerais de 2005, decidiu deixar paso a unha revisión do liderado conservador partindo dun proceso electoral, que paradoxicamente, desembocou na etapa que se abre para David Cameron, un home de 39 anos que sigue o camiño de John Major, William Hague, Iain Duncan Smith e Michael Howard na loita polo poder contra Mr Blair e Gordon Brown.

Cameron, pretende agora aparentar unha innovación do conservadorismo. El declárase simbolicamente ó marxe do thatcherismo, afirmando que cómpre distinguir entre a sociedade e o estado. Promete apoio ó goberno de Blair cando sexa necesario, nunha estratexia perversa que amputa a Blair do Labour Party, como se fose un quiste, sostendo que Blair é un free rider. Ademais, pretende facilitar o acceso dos candidatos femininos e os de orixe non anglosaxona ós postos de poder, e sinala areas especificas para realizar reformas e mellorar a calidade de vida. Cameron intenta revestirse dunha imaxe moderna, pragmática e carismática, que lle axude a gañar o terreo intermedio que os tories perderon en favor do New Labour. Con este motivo, formou o seu equipo de goberno na oposición onde implica ás correntes que competiron con el polo liderado do partido, pero que deixa algúns claros e sombras, e algunha que outra incógnita sobre a suposta renovación conservadora.

Conta con colaboradores da súa man, como o chanceller na sombra, George Osborne, que xestionou a súa campaña polo liderado do partido e que comparte con Cameron a relativa xuventude (34 anos). David Willetts, o responsable de educación é considerado un modernista. A líder do partido conservador na Casa dos Comúns, Theresa May, é unha avogada intrépida que loita pola igualdade de xénero e xunto con Francis Maudem, que fora xestor da campaña polo liderado do partido de Michael Portillo en 2001, encabezan o Think Tank "Conservatives for Change", que aposta pola adaptación do partido ó cambio.

Con todo, hai un grupo de designacións que cuestionan o pretendido cambio. O antigo líder Iain Duncan Smith revisará a nova política de xustiza social, e Peter Lilley segue estando presente e preside a política de loita contra a pobreza do partido conservador. Baixo a aparencia de renovación, inténtase gañar peso entre os inmigrantes, as clases medias e a xuventude, pero tal vez non existan máis que palabras. Michael Howard era fillo de inmigrantes, William Hague provén dunha familia de clase media nunha rexión de clase traballadora e John Major tivo unhas orixes humildes. Non eran o estereotipo tradicional do partido conservador e agora quen manda é un home novo saído das escolas máis elitistas das illas. O feito de proclamala xustiza social pode ter afán electoralista, pero non conleva solucións prácticas do problema. É necesario, que unha vez chegados ó goberno, se algún día o acadan, existan o compromiso e as propostas efectivas. Xustiza social, si. É relativamente fácil recordar estas palabras mesmo en boca de George Bush.