De Barcelona a Santiago: ¡Máis acción exterior!

Hai seis anos por estas datas, nunha breve reflexión sobre a necesidade de definir unha política exterior do nacionalismo galego, diciamos dende o IGADI, entre outras cousas, que "…cómpre revitalizar Galeuzka. Non podemos permitir que Galiza quede descolgada de procesos tan inmediatos como a reestructuración efectiva do Estado…" (ver o semanario A Nosa Terra nº 537 do 1 de outubro de 1992). Sen incidencia directa nos acontecementos que nos últimos meses, por primeira vez en moitos anos, situaron de novo o problema nacional nun dos epicentros básicos e relativamente inmediatos da política española, cabe expresar unha profunda satisfacción por tan feliz coincidencia co ritmo histórico. Baixo a apariencia dunha proposta tímida pero que sen embargo conleva unha sensible recomposición estatal e sobre todo das conciencias e culturas políticas, as ondas daquela primavera das nacións que viviu a Europa alén do muro e que xustificaban a nosa reflexión de entón, van chegando, por fin, tamén a Fisterra.

Non hai moito, dende as propias páxinas de Tempos eu mesmo destacaba a clamorosa ausencia de referencias á problemática da acción exterior no programa do Benegá para as recentes eleccións autonómicas. Lamentablemente, aínda hoxe e a pesar de ser tanta a actividade exterior desenvolvida pola Xunta de Galicia, non me consta que a oposición se prantexara seriamente a necesidade de contar cunha comisión de acción exterior en sede parlamentaria para viabilizar un maior control da acción do goberno neste ámbito e impulsar iniciativas acordes cos intereses exteriores do país tanto no que atinxe ó seu contido concreto como á sua orientación primordial.

De Barcelona a Santiago pasando por Gasteiz, a secuencia de encontros e declaracións nacionalistas representa pois un afortunado suceso tanto na súa formulación interna como na traducción pública e mediática. A enérxica moderación nas propostas contrastou en todo caso coa visible e desmedida irritación dalgúns sectores, sinónimo da evidente preocupación que suscita tanto realismo nas reivindicacións nacionalistas. Cabe advertir no nacionalismo galego unha maior vontade política para afrontar estas cuestións. Toda unha demostración de como a acción exterior pode contribuir ó mellor afianzamento e consolidación do proxecto. Todo un exercicio de búsqueda dos matices, de asunción de novas regras que reflicten mellor a pluralidade ideolóxica que habita no seu seo e que debería alonxar toda visión en branco e negro do complexo mundo actual, derrubando os últimos valados que semellan acotar ese espacio no que o ideoloxismo segue a determinar en boa medida a naturaleza da acción política. Sen renuncias, este progresivo acomodo nun nacionalismo universalista debe atopar unha inserción internacional axeitada tendo en conta que "…Por razóns da propia estructura política e social do noso país, as forzas políticas integrantes do nacionalismo deberán asumir en mais dun caso o sacrificio da sua propia política partidaria para corresponder ás demandas históricas da nación" (diciase tamén en A Nosa Terra).

Pero cómpre que esa expresión organizada e maioritaria do nacionalismo persevere no camiño iniciado, de novos pasos adiante, contemplando o estatal como un ámbito indispensable pero non único, un espacio que debe ser necesariamente complementado con accións noutros escenarios europeos, continentais e mesmo mundiais. Esa plasmación require fundamentalmente actuar a tres niveis: militancia, axentes sociais, exterior.

No primeiro, cómpre destacar que existe un forte desentendemento e incomprensión de amplos sectores da militancia e cadros do nacionalismo político e social da importancia do aspecto exterior, da necesidade de que a política galega transcenda, por propio interese, os límites do Padornelo e mesmo dos Pirineos. Un exemplo recente: na cidade de Vigo, o Benegá está levando adiante varios encontros abertos e monotemáticos con vistas a debatir e completar o seu programa electoral. Unha iniciativa loable pero que denota unha manifesta insensibilidade: a pesar de Vigo contar cunha dimensión política e económica de primeira liña que fan do exterior (sen ir mais lonxe, todas as políticas e infraestructuras institucionais vencelladas ó feito portugués) unha variable indispensable da acción municipalista local, a ausencia deste aspecto no tratamento municipalista é clamoroso, mesmo dende a crítica da mediocridade e falla de espiritu e de criterio da actuación do goberno olívico nos ultimos anos.

Cómpre pois un labor intenso de sensibilización interna que debe ser abordado sen medo a que se abra ningunha caixa de pandora. As veces da a impresión de existir certo receo para afondar nestas cuestións por temor a que unha discusión sobre as mudanzas internacionais afecten a unha hipotética normalidade interna, aparentemente incólume e a marxe de tanta debacle. Precisamente para evitar que o conxunto da organización se resinta de debates desa naturaleza vai sendo hora de que o nacionalismo instrumente medios orgánicos para habilitar espacios de reflexión dotados de certa autonomía (dende unha fundación ata unha escola de verán) para abordar o tratamento de problemas que o conxunto da organización quizais non pode analizar pero que si precisa coñecer e debatir. Son indispensables apostas reflexivas a longo prazo.

Un segundo eixe é o diálogo con todos os axentes que na sociedade galega desenvolven a súa actividade, en todo ou en parte, en relacion ó exterior: institucións, empresas, organizacións non gobernamentais, etc. Esa toma de contacto exhaustiva con este aspecto da realidade permitirá comprender mellor a transcendencia da acción exterior para os intereses propios, as nosas potencialidades e limitacións, establecer sinerxias e políticas converxentes de atracción, e principiar a formulación dos sinais de identidade dunha diplomacia descentralizada, igualmente susceptible de ser aplicada no marco constitucional vixente como de superalo. A progresiva incorporación do nacionalismo a diferentes ámbitos de goberno, o exercicio dunha maior responsabilidade na esfera da xestión, esixe incorporar o factor exterior á súa acción política como tarefa urxente e dende unha triple perspectiva: participación, promoción e defensa de Galicia.

Por último, acometer a paulatina definición dunha estratexia exterior que supere o estrictamente anecdótico e profundice no establecemento de redes de cooperación e intercambio, útiles para a satisfacción dos nosos intereses como colectividade, alonxando na medida do posible toda improvisación, partindo da idea básica de que o futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para posicionarse no mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas e sociais.

O momento é excelente para dar ese gran salto. Non asumindo unha mimética adaptación ó discurso globalizador, pero si recuperando e actualizando aquela elocuente concepción de Galicia como "célula de universalidade".