20050225bratislava bush putin

De Bush a Putin

 Clic para aumentar
A Rusia de Putin, que presenta con orgullo unha substancial mellora da situación económica do país, cunha dinámica sostida de crecemento dende hai cinco anos e anunciando xa que en dez anos dobrará o seu PIB, agarda confirmar a entrada na OMC. E non poderá se non conta co apoio explícito de Washington. (Foto: Bush e Punin no seu encontro en Bratislava o 25/02/2005).
 

Pasou por Europa o presidente Bush e encontrouse en Bratislava co presidente ruso, Vladimir Putin. Segundo relataron numerosos medios de comunicación, Bush recriminou a Putin a falta de interese por democratizar a vida política rusa. É sabido que Bush, suponse que seguindo os sabios consellos de Karl Rove, presentado recentemente como o arquitecto das súas vitorias electorais e nomeado coordinador dun feixe de áreas entre as que se atopa a seguridade interna e internacional, padece unha autentica e benintencionada obsesión por este asunto da democracia, salvo en Guantánamo, claro está, do que tampouco lle fixeron ningún reproche, por certo, os líderes europeos que tanto enxalzan os dereitos humanos recollidos na Constitución que referendamos hai escasos días. Critícase o comportamento ruso en Chechenia, aínda así coa boca pequena, pero con Washington, cando chega a hora da verdade, todo é render unha pleitesía que mesmo roza a humillación. Benvida sexa a nova era do perdón.

Non é que a democracia ou os dereitos humanos brillen polo seu esplendor na Rusia de Putin, pero o desentendemento entre as dúas administracións obedecerá, cabe pensar, a outras causas, como outras causas, e non as oficiais, motivan a recente escalada contra Siria, a quen, por certo, Moscova anunciou que vai vender sistemas antiaéreos Strelets, contra o parecer de Washington, que tamén está en contra do levantamento do embargo de armas a Beijing, porque o que pretende é vender armamento en exclusiva a todo o mundo. Probablemente todo comezou cando Putin botou man de Yukos, para impedir que esta empresa estratéxica viñera a caer nas redes estadounidenses. Ese é, a fin de contas, o aspecto da política interna que máis preocupa a Bush: a falta de garantías para o libérrimo exercicio do dereito de propiedade.

O distanciamento de Putin ten que ver coa expresión dunha mínima resistencia ante o vello inimigo que tenta seguir ditando a súa política interna e sobre todo exterior, en asuntos que para Moscova teñen transcendencia, xa sexa a actitude a manter con Irán, que non intenta producir armas atómicas, segundo Rusia; ou a venda de armas a Venezuela que, como no caso de España, non senta nada ben en Washington e todo se fai para desbaratar as súas fontes de aprovisionamento.

Despois da viravolta de Ucraína, Rusia, cada día máis acurralada, teme a desestabilización en Asia Central, coa perda absoluta do control dunha rexión vital para os seus intereses estratéxicos. Nun artigo publicado en Global Affairs, Nikolai Zlobin, director do programa ruso do Centro para a Información da Defensa, con sede en Washington, asegura que tarde ou cedo os intereses de ambos países chocarán inevitablemente. A Rusia de Putin, que presenta con orgullo unha substancial mellora da situación económica do país, cunha dinámica sostida de crecemento dende hai cinco anos e anunciando xa que en dez anos dobrará o seu PIB, agarda confirmar a entrada na OMC. E non poderá se non conta co apoio explícito de Washington.

Rusia, ben é verdade que minorada no eido internacional, está no cuarteto para a paz en Oriente Medio e forma parte das conversacións a seis bandas sobre o problema nuclear de Corea do Norte. Ten, como se demostrou na guerra de Iraq, outra visión do mundo e por iso mesmo, EEUU soamente contará con Rusia naquelas áreas que sexan de interese común, segundo afirma Peter Lavelle, analista político independente en Moscova. E nos principais temas de calado non será doado atopalo. E se un non concorda co hexemón, non pode ser democrático. Esta democracia non admite déficits de adhesión.