O xornalista arxentino Mariano Grondona cuestionábase recentemente no diario La Nación a lexitimidade do réxime democrático paraguaio. En marzo de 1999, os disturbios provocados polo asasinato do vicepresidente Argaña obrigaron ó presidente "oviedista" Raúl Cubas Grau a renunciar e exiliarse no Brasil, en tanto que Oviedo refuxiábase na Arxentina de Menem. O Presidente do Senado, Luis González Macchi, asumiu, daquela lexítimamente, a presidencia vacante. Así estaba previsto na liña constitucional de sucesión; pero logo conseguiu que a Corte Suprema habilitarao para seguir no cargo ata a fin do prazo legal do mandato de Cubas Grau. Para o próximo 13 de agosto estaba prevista a elección democrática dun novo vicepresidente, que deberá substituir a Luis María Argaña, pero ninguén chamou ás urnas para elixir ó Presidente.
¿Golpe civil? Esa pretensión de alongar a permanencia, cando o normal sería convocar novas eleccións con toda urxencia, afirma Grondona con razón, coloca un grave interrogante á lexitimidade democrática de González Macchi. Poida que finalmente "non pase nada", como aventuraba Walter Boer, o ministro do Interior.