De Hiroshima a Teherán

 Test nuclear Dominic Truckee, clic para aumentar
A pesar da existencia de mecanismos xurídicos e institucionais para evitar a proliferación nuclear, establecidos tanto no TPN como na Axencia Internacional de Enerxía Atómica, a realidade amosa que, dende 1945, se rexistra un aumento nos estados que logran proveerse de armamento nuclear, químico e bacteriolóxico, coñecidos como "armas de destrución masiva". Incluso, a desinformación e manipulacións da opinión pública sobre a existencia de rexímenes aprovisionados desas armas levou a guerras ilegais e ilexítimas como a de Iraq no 2003. Neste sentido, a derrota da diplomacia non deixa un bo precedente. (Foto: Test nuclear "Dominic Truckee", efectuado polos EEUU o 9 de xuño de 1962 a 10 millas de Christmas Island, no océano Pacífico).
 

Non deixa de ser significativo que a conmemoración do 60 aniversario do ataque atómico estadounidense contra a cidade xaponesa de Hiroshima coincida coa crise diplomática entre Irán e a Unión Europea polo programa nuclear iraniano. Este caso amosa unha certeza: se ben o comezo da "era nuclear" en 1945 condicionou a evolución (ou involución) dos arsenais nucleares en diversos puntos do planeta, o escenario actual reflicte mecanismos diversos e moito máis complexos.

O que semella certo, para a historiografía post-Hiroshima, é que a bomba nuclear lanzada dende o aparato Enola Gay na mañá do 6 de agosto de 1945, tiña un obxectivo político e militar claro e definido: onde apuntaba a bomba era, en realidade, á Unión Soviética, na pretensión estadounidense de "picar adiante" na carreira armamentista da "guerra fría" en condicións de superioridade. Polo tanto, non era exactamente un ataque cara o imperio xaponés, xa derrotado no plano militar e, posiblemente, disposto a negociar un armisticio con Washington. Tampouco foi, dun xeito exacto, unha resposta ao ataque da aviación nipona a Pearl Harbour en 1941, aínda que ambos factores influíran na decisión tomada polo presidente Harry S. Truman.

Hoxe, no 2005, o mapa das potencias nucleares, e das que poden selo dentro duns anos, amosa unha variedade significativa que rebasa as previsións apuntadas en 1945 e que non ven definida, con exactitude, polo feito de que eses países forman parte dun Consello de Seguridade da ONU en fase de remodelación. Este mapa tamén traspasa as resolucións e demandas do Tratado de Non Proliferación Nuclear, TNPN, un mecanismo creado en 1968 que non conseguiu a efectividade esperada.

Á primacía nuclear norteamericana se engaden unha Rusia herdeira de parte do arsenal soviético pero cun considerable debilitamento político e militar. A implosión da URSS presentou un escenario onde ex repúblicas soviéticas como Ucraína e Kazajstán se posicionaron como "potencias nucleares", o que obrigou a incluílas nas negociacións dentro do TNPN. Na lista principal e orixinal das potencias nucleares tamén se inclúen Gran Bretaña e Francia, cunha proba nuclear nun atolón do Pacífico que en 1995 xa provocara queixas e presións a nivel internacional.

A emerxencia de China tamén se manifesta no plano nuclear, concebido na década dos sesenta. Dentro do escenario de Oriente Medio, Israel é o único país con armamento nuclear. Dous rivais directos de importancia, Paquistán e a India, xa teñen sendos arsenais, mentres Corea do Norte é motivo de constantes crises e negociacións con China, Rusia e EEUU pola súa política de manter e aumentar o seu arsenal. Xapón, Brasil e Suráfrica teñen pretensións de avanzar en investigacións nucleares. Observando detalladamente o mapa nuclear actual, é a rexión que vai dende Asia Central ata o sureste asiático onde máis aumentou a lista de potencias ou futuras potencias nucleares.

Pero a atención actual se concentra en Irán e as vicisitudes das súas negociacións coa Unión Europea. En Teherán, as autoridades consideran de suma urxencia comezar un programa nuclear, calificado como "pacífico", que alteraría o mapa xeopolítico dende Asia Central ata Oriente Medio. O réxime iraniano pode sentirse inseguro, cercado por tropas anglo-estadounidenses dende Afganistán ata Iraq e o Golfo Pérsico e unha política dende Washington que o inclúe no "eixe do mal".

Do mesmo xeito, esta sensación de inseguridade tamén se manifesta por parte dos propios EEUU, Europa, Israel e as monarquías do Golfo, por considerar perigoso que os "aiatolás" iranianos logren controlar a bomba nuclear. Nesta perspectiva conflictiva entre o Islam e Occidente, propia da mentalidade dos "neocons" en Washington e Londres, Irán podería seguir a Paquistán como o único estado musulmán en poseer armas nucleares.

A pesar da existencia de mecanismos xurídicos e institucionais para evitar a proliferación nuclear, establecidos tanto no TPN como na Axencia Internacional de Enerxía Atómica, a realidade amosa que, dende 1945, se rexistra un aumento nos estados que logran proveerse de armamento nuclear, químico e bacteriolóxico, coñecidos como "armas de destrución masiva". Incluso, a desinformación e manipulacións da opinión pública sobre a existencia de rexímenes aprovisionados desas armas levou a guerras ilegais e ilexítimas como a de Iraq no 2003. Neste sentido, a derrota da diplomacia non deixa un bo precedente.

Se ben a necesidade de provisionarse de enerxía atómica pode obedecer tamén a imperativos enerxéticos a medio prazo (como tal semella ser, ao menos dun xeito oficial, a versión iraniana), o problema da proliferación apunta tamén á posibilidade de que, no actual contexto de guerra contra o terrorismo, algúns grupos poida utilizar armamento químico ou, incluso, proveerse do uranio necesario para aspirar a un arma atómica.

Pero existen algúns obstáculos, como son a obtención do material e o tempo. Os físicos nucleares e demais expertos consideran que se un país desexa obter a bomba atómica, necesita un período de, ao menos, dez anos, para enriquecer o uranio e provocar a súa fusión co plutonio, dentro dun reactor nuclear. Neste sentido, ¿está Irán en condicións de obtelo? Mais que a existencia do programa nuclear, o que urxe é unha revitalización dos mecanismos diplomáticos e políticos para solucionar a crise iraniana, sen necesidade de achegarse ao plano militar, como aconteceu coa veciña Iraq.