20080703 catam bogota melanie ingrid lorenzo

De Ingrid a Uribe

 Ingrid Betancourt xunto aos seus fillos Melanie e Lorenzo; clic para aumentar
A liberación de Betancourt por parte das forzas armadas colombianas, tras unha audaz operación de intelixencia que contou coa evidente cooperación tecnolóxica estadounidense e israelí, determina un golpe case definitivo a unhas FARC debilitadas e claramente vulnerables en diversos flancos, factor que dificulta a súa operatividade e loxística, aumentada ante unha incerta capacidade de liderado e coordinación dos seus actuais comandantes Alfonso Cano e Jorge Briceño. (Foto: Ingrid Betancourt xunto aos seus fillos Melanie e Lorenzo no aeroporto militar de Catam, Bogotá, o 3 de xullo de 2008, tras ser liberada das FARC o día anterior).
 

Para interpretar como inflúe a liberación de Ingrid Betancourt tras case sete anos de cativerio en mans da guerrilla das FARC, compre resaltar algunhas variables que determinarían cara onde pode encamiñarse a dinámica política colombiana e cal será o seu impacto rexional.

Sendo a peza política máis prezada en mans das FARC, a liberación de Ingrid Betancourt supón un indubidable éxito político e militar para o presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez, cun impacto directamente proporcional ao desconcerto no que se atopan as FARC, tras unha serie de eventos desafortunados que neste ano levaron á eliminación e desaparición dos seus líderes Raúl Reyes e Manuel Marulanda, a diversas detencións e desercións de "comandantes" e militantes guerrilleiros, perdas de dominios territoriais e unha estratéxica e eficaz labor propagandística e diplomática por parte do goberno colombiano, deseñada para illar internacionalmente ás FARC.

A liberación de Betancourt por parte das forzas armadas colombianas, tras unha audaz operación de intelixencia que contou coa evidente cooperación tecnolóxica estadounidense e israelí, determina un golpe case definitivo a unhas FARC debilitadas e claramente vulnerables en diversos flancos, factor que dificulta a súa operatividade e loxística, aumentada ante unha incerta capacidade de liderado e coordinación dos seus actuais comandantes Alfonso Cano e Jorge Briceño, "Mono Jojoy".

Unha imaxe totalmente diferente ofrece o presidente Uribe. Enfrascado nun duro pulso co Tribunal Constitucional polas presuntas irregularidades políticas trala súa reelección no 2006, o mandatario colombiano pode agora vangloriarse dun mediático logro que reforce a súa posición política e amplíe as súas perspectivas alén do 2010, ano en que remataría o seu segundo período presidencial, razón pola que constitucionalmente non podería volver a presentarse.

Cabe interpretar qué papel político comezaría agora a representar Ingrid Betancourt dentro desta estratexia política a seguir por Uribe, cun claro énfase no acoso e derrube final das FARC e de propiciar as condicións legais para volver a presentar a súa candidatura presidencial no 2010.

A rápida lucidez mental e, indirectamente, política, presentada por Betancourt durante a súa alocución a nivel nacional ao lado de Uribe, deixaría entrever unha posible concreción de intereses entre a candidata de formación independente e de esquerda e as pretensións electorais do conservador Uribe, destinada a afianzalo como candidato presidencial ou ben como avaliador da posible candidatura do actual ministro de Defensa Juan Manuel Santos, cun acentuado protagonismo político nos últimos meses.

Tamén está o escenario rexional e continental. Uribe asesta indirectamente outro golpe de imaxe fronte aos seus dous incómodos veciños, o mandatario venezolano Hugo Chávez e o seu homólogo ecuatoriano Rafael Correa. Chávez xa pediu o mes pasado ás FARC a liberación incondicional de todos os seus secuestrados, nunha clara táctica por desmarcarse internacionalmente da guerrilla. Se ben Correa conxelou recentemente as súas relacións con Colombia, a liberación de Betancourt pode dar paso a un leve acercamento entre Quito e Bogotá que beneficie, principalmente, a Uribe.

Non deixa de ser significativo que, horas antes de liberar a Betancourt, o presidente Uribe reunirase en Bogotá co candidato republicano John McCain, firme partidario de manter a relación estratéxica entre EEUU e Colombia en materia antinarcóticos e de seguridade.

Con McCain, Uribe asegura a súa posición como peza clave de Washinton no continente latinoamericano, factor que pode ampliar a súa imaxe continental a fin de soster unha estratexia de contención cara as alternativas de esquerda representadas por Chávez, Evo Morales ou Correa.

Con todas estas cartas e factores na súa man, todo parece indicar que Uribe reforzará o seu peso político e as súas demandas de reelección cunha Ingrid Betancourt liberada. Está por verse se este último golpe ás FARC constitúe un decisivo punto de inflexión que mobilice definitivamente a balanza do conflito colombiano a favor de Uribe.