En 35 días a Alianza de Fernando de la Rúa enfróntouse a unha segunda folga xeral. O Plan de axuste propugnado polo goberno, contén unha dureza impropia dun país que agarda medrar, este ano, ao ritmo do 4%. A menciña de axuste, recomendada polo FMI e disciplinadamente endosada polo goberno progresista, resulta vomitiva para as tres grandes organizacións sindicais (CGT-oficialista, CGT-sector díscolo e a CTA) que se conxuran para termarlle do pulso ao goberno, ate que mude o tratamento terapéutico. O goberno afirma que non existen outras saídas para a Arxentina post-menenista, atrapada por sobredoses de liberalismo adulteradas de populismo.
A primeira folga do 5 de maio, foi como resposta á Reforma da lexislación laboral que pretendía liberalizar o mercado de traballo. A do 9 de xuño, conseguiu o consenso das principais forzas sindicais e logrou un maior éxito na convocatoria, que datos oficiais saídos do ministerio do Interior, dirixido por Federico Storani, cifran nun seguimento do 60%.
Ao progresista De la Rúa tócalle xestionar unha monumental crise enxendrada polo liberal Menem. Pero a crueza das medidas impostas por un goberno, con selo de identidade de esquerda, desconcerta ao electorado que ten baixado 20 puntos o seu nivel de confianza no presidente, en só seis meses de mandato. Nin o goberno máis conservador se houbese atrevido a baixar os salarios, entre un 12% e un 15%, de aqueles 144.000 funcionarios públicos que superan o salario de 1.000 pesos (180.000 pesetas). Tamén resulta difícil crer que veña da man da Alianza un recorte das prestacións que reciben os xubilados ou que se manifesten partidarios de contar coa xestión privada para abaratar custes nas prestacións sanitarias.
Para o xefe gabinete técnico do Ministerio de Economía, Pablo Gerchunoff, a quimérica burbulla económica que incharon o tándem Menem- Cavallo desínchase a tal velocidade, que un previsible estoupido podería fundir ao país nunha crise só comparable ás vividas por Rusia ou o Ecuador.
As causas do naufraxio do cóctel populismo social mesturado con política neoliberal, son múltiples e cuestionan a solidez do modelo económico.Ben é certo, que houbo factores externos como a subida das taxas de interese norteamericanas, como a debilidade do euro ou a volatilidade dos mercados financeiros, que obstaculizaron o crecemento nunha economía dolarizada e, por tanto, dependente. Mais foron fundamentalmente os factores internos os que fixeron da Arxentina un país extremadamente fráxil, non homolagable cos seus viciños.
O populismo fiscal dos peronistas aumentou o gasto público e elevou o endebedamento. Este puido ser camuflado mediante as ventas de activos e de empresas públicas, que encheron as arcas do Estado con 40.000 millóns de dólares durante a década dos noventa. Cando o nivel de endebedamento xa foi insoportable o equipo dirixido polo deslumbrante Cavallo, acudiu ao bonos públicos de pago retardado ou directamente aos cretos dos mercados bancarios exteriores. Fontes do Ministerio de Economía calculan que durante está década o gasto público aumentou en termos relativos nun 42%, cantidade que outros analistas sitúan no 90% en pesos constantes.
O neoliberalismo do goberno Menem apostou polas rebaixas das achegas patronais co pretexto de facer aboiar o sector da economía somerxida. O fracaso non só afectou a mingua nas contribucións empresariais, senón que foi axigantado ao constatarse un aumento do fraude fiscal na patronal, abonado pola corrupción, que pasou de 8.195 millóns de pesos no 94 a 9.724 no 98. A "Revolución Productiva" rematou en amplo deserto industrial.
O sistema fiscal arxentino foi virando progresivamente cara a un modelo impositivo indirecto que gravou o consumo. e que chegou a significar o 55% do total da recadación. Dos impostos directos, que gravan os bens e o traballo, a penas se totaliza o 20% da recadación tributaria.
De la Rúa coida chegado o momento dos homes de Estado que deben investirse da responsabilidade, a risco de pagar o seu desafío en impopularidade. Cada ano Arxentina precisa 25.000 millóns de dólares adicionais para manter a sobredimensión do estado clientelar tecido polo peronismo, ou pola contra, recortar o gasto público para equilibrar o déficit público. A Alianza dos radicais, socialistas e o frepaso optou pola máis conservadora: a segunda opción.
Comprendendo a delicada situación financeira de Arxentina, resulta de difícil encaixe nos esquemas dos movementos progresistas, entender que a tesoira da Alianza estremecese aos máis débiles e recortase prioritariamente nos dereitos laborais, nos pensionistas e nos funcionarios.
A Fernando de la Rúa, a ampla Terceira Vía de Blair quédalle demasiado estreita.