Galicia tan pequena, China tan grande. ¿Podemos facer algo realmente? O noso autogoberno, en formas, contidos e en evolución, interesa a Beijing. Non é unha cuestión de tamaño demográfico ou territorial, senón de perfil xurídico e político. Tamén dunha oportunidade única para Galicia que nos sitúa directamente na cúpula do poder chinés, unha situación privilexiada para promover todo tipo de relacións a outros niveis. (Foto: Momento da firma do Acordo de colaboración entre o Igadi e o Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía da Academia de Ciencias Sociais de China, representados polos seus directores Xulio Ríos (esquerda) e Hao Shiyuan, asinado en Beijing o 14 de febreiro de 2007. ©igadi.org). | |
As autonomías en China son case de palabra. Hai un recoñecemento constitucional, pero o seu desenvolvemento lexislativo e regulamentario é moi feble. Mao, a diferenza dos soviéticos, rexeitou sempre o principio de autodeterminación. O comunismo chinés de todos os tempos foi autonómico. Esa premisa mantense en plena vixencia na China desmaoizada e gobernada polo mesmo Partido Comunista que fundara o Gran Temoneiro.
Pero os dirixentes actuais da China, a diferenza de Mao, conceden maior importancia á existencia de regras e normas escritas que reduzan a improvisación e os abusos. Esa garantía xurdiu como consecuencia da nova relación de China co mundo, unha das claves esenciais da súa transformación nas últimas décadas. O valor da lei, da norma, con ser limitado aínda, é incomparablemente superior ao existente en épocas anteriores, tanto republicanas como imperiais, e supón todo un cambio cultural que o conxunto da sociedade non interiorizou de todo.
Por iso, cando as autoridades propoñen afirmar o dereito como instrumento regulador de todas as relacións, é natural que o feito autonómico, que afecta a un piar esencial do Estado, non poida ser obviado en modo ningún. Esa regulamentación non será fácil, pois a limitación do sistema político chinés, caracterizado polo monopolio do Partido Comunista (PCCh), impón restricións importantes. O PCCh é a columna vertebral do Estado, a quen "contaxiou" o seu principio de funcionamento, o centralismo democrático, que é o máis semellante á negación da autonomía. Pese aos esforzos de separar Estado e Partido dos últimos anos, a realidade dista bastante dos desexos, aínda que vai acurralando a inercia con inxentes doses de realismo: a complexidade do tempo actual é tal que xa non é posible gobernalo todo desde un único centro.
Nos últimos anos, o principio de autonomía foi gañando moito terreo. Primeiro, no seo da nacionalidade maioritaria, os han, non en virtude dunha demanda política de maior autogoberno, senón por imperativos de outra orde. As zonas económicas especiais, ou as rexións administrativas especiais de Hong Kong e Macau, que China recuperou en 1997 e 1999, non poderían existir sen marcos de poder máis flexibles. Pero incluso sen denominación especial, nos distritos, nas aldeas, nos poboados han, a autonomía na toma de decisións é tan acusada (sen marco xurídico ningún que así o estableza) que as autoridades centrais promoven actualmente iniciativas políticas de signo claramente recentralizador en varias materias.
Por último, no eido propiamente das nacionalidades minoritarias, o estimulo do desenvolvemento económico é inseparable da xeración de marcos políticos que doten de maior poder ás diferentes colectividades, definindo con precisión o sistema competencial, as relacións co poder central, o respecto da simboloxía autóctona, etc. A China moderna será unha China autonómica. Ese é o camiño que Pequín pretende andar nos próximos anos, deixando atrás a realidade actual, caracterizada por unha atribución nominal de autonomía pero baleira de contido na práctica, mediatizada polas autoridades partidarias, con forte presenza da maioría han, e menor en substancia á de calquera aldea da nacionalidade maioritaria.
Galicia tan pequena, China tan grande. ¿Podemos facer algo realmente? O noso autogoberno, en formas, contidos e en evolución, interesa a Beijing. Non é unha cuestión de tamaño demográfico ou territorial, senón de perfil xurídico e político. Tamén dunha oportunidade única para Galicia que nos sitúa directamente na cúpula do poder chinés, unha situación privilexiada para promover todo tipo de relacións a outros niveis. E debemos saber aproveitala debidamente e non deixala escapar, interesando a complicidade de todos e deixando de lado os complexos e timoratismos que acostuman nubrar a política galega.