De Plácido a Lugrís

Estamos a un ano do centenario do nacemento de Plácido Castro, ese gran esquecido de entre os integrantes do reducido grupo de principais dirixentes do Partido Galeguista. Dende a súa fundación, Plácido formou parte ininterrumpidamente do seu Consello directivo, asumindo importantes responsabilidades como a secretaría de relacións internacionais e participando activamente en mil e unha campañas políticas, seguindo o fío da súa enorme vocación e deixando atrás outros destinos que probablemente a súa ben acomodada familia, orixinaria de Corcubión, lle tería previsto.

En política nunca nada é obra dun só, nin sequera as derrotas, pero cómpre recoñecer a idoneidade de Plácido para evidenciar ante Europa e o mundo a vontade universalista daquel nacionalismo. No Sempre en Galiza, Castelao adiántase á demostración empírica de que Galicia é unha nación para significar que como tal foi recoñecida en Berna polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas, no que Plácido participou en representación da nosa Terra. Plácido foi sempre un universalista, un firme convencido de que eran as nacións pequenas as máis idóneas para afortalar o ideal de democracia. Aquelas ideas, expresadas por unha persoa ben situada económicamente, moi nutrida culturalmente, e a quen ninguén podía acusar de “non ver mundo” por mor, entre outras razóns, desa estreita relación formativa que dende moi novo mantivo co Reino Unido, era un importante activo do Partido Galeguista que soubo aproveitar.

Despois de tantos anos lonxe da Terra, de tanto dominio do inglés e outras linguas, Plácido regresaba definitivamente a Galicia nos anos trinta para predicar o que aprendera fóra: soamente pode aspirar a contar no concerto das nacións quen sabe modernizarse conservando a súa propia identidade. Despois de case dúas décadas de formación no estranxeiro, algo pouco habitual no seu tempo, Plácido non viña coa lección aprendida de que “o futuro está no inglés” senón a reivindicar o presente do idioma e da nosa identidade, non nun sentido reduccionista, pois de feito realizou importantísimas traduccións ao galego, senón porque comprendeu que ningún pobo ten futuro se renuncia á súa identidade e que unicamente os pobos orgullosos da súa maneira de ser son capaces de mobilizar as súas enerxías. Por iso Plácido cuidarase mesmo de afondar na saudade dun xeito novo e rupturista, entendida como a auténtica forza do noso espíritu e non a encarnación dunha morriña deprimente que nos leva a parasitar, per seacula saeculorum, na depresión.

Para impulsar o recoñecemento e divulgación da súa actividade e pensamento nace agora a Fundación Plácido Castro baixo os xenerosos auspicios dos Concellos de Vilagarcía de Arousa e de Cambados, a Asociación de Traductores Galegos e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. Non están todos os que poideron e deberían de estar, pero ese é outro cantar.

A súa creación formal coincide co anuncio da II Conferencia Anual Plácido Castro que desta vez recibe en Cambados a Ramón Lugrís, outro galego errante que disertará sobre o presente e a realidade da nova orde internacional, á lus do ideario das Nacións Unidas e coa perspectiva e o rigor de quen coñece ben os seus máis fondos adentros. Máis alá deste relacionamento pontual, existe outro fío de continuidade que une a un e mailo outro. Precisamente, ao ano seguinte de deixar o seu exilio londinense, donde Plácido viña colaborando na elaboración dalgúns programas da BBC, en inglés, en castelán e tamén en galego (o primeiro no mundo da radiodifusión), Ramón Lugrís pasaba a traballar na sección española desta prestixiosa cadena. Os paralelismos que se poden facer entre ambas traxectorias son moitos, dende a devoción polo xornalismo ou a traducción ata o interese polo acontecer internacional, xéneros todos cultivados por ambolos dous. E Lugrís aínda quitaría tempo para escribir aquel ensaio sobre “Vicente Risco na cultura galega” e outros inéditos, ou para participar nas actividades embrionarias do que logo sería o Partido Socialista Galego, dirixindo algún tempo o seu boletín clandestino.

De Plácido a Lugrís, importa que os galegos tomemos conciencia dunha vez por todas da necesidade de contemplar o factor exterior na nosa praxe a todos os niveis, comezando por recoñecer o esforzo de quen no pasado e aínda hoxe proxecta a identidade de Galicia, alén das nosas fronteiras.