Tal e como estaba previsto celebrouse en Samara, na Suíza do Volga, no sur de Rusia, o cumio coa UE. E tal como estaba previsto, o encontro fracasou de forma estrepitosa. Na axenda bilateral pesan hoxe numerosos obstáculos que impiden mesmo algo tan elemental como o inicio de negociacións para concretar un documento que substitúa o actual Acordo de Asociación e Cooperación que entrou en vigor en 1997 e por un espazo de dez anos.
Hai unha longa listaxe de asuntos bilaterais (a enerxía, o futuro status de Cosova, o contencioso nuclear iraniano, o ingreso de Rusia na OMC, os plans de EEUU para instalar dispositivos anti-mísiles en solo europeo, etc) onde os pareceres distan moito dun posible entendemento. Ambas partes, non obstante, esfórzanse por disimular esas distancias cualificando de sumamente esaxeradas as discrepancias. Pero as recentes tensións con Estonia (polo traslado do monumento dun soldado soviético), con Lituania (por cortes nun oleoduto) ou con Polonia (polo embargo á carne e outros episodios), botan máis leña ao lume ata o punto de parecer absurdo pensar na simple casualidade ou na irremediable volta da historia. Putin dixo en Samara que os veciños non se elixen e que por iso buscará solucións amigables para estes contenciosos pero amosouse claramente insatisfeito coa actitude de Bruxelas, a quen acusa de ser incapaz de resolver os seus "problemas internos", aludindo á clara división de opinións no seu seo.
A UE expresa agora a súa preocupación pola situación dos dereitos humanos en Rusia, aínda que cando o fai pensa máis nesa disidencia que apoia ca nas políticas xenocidas que Putin ven aplicando de forma sistemática en Chechenia. Moscova, pola súa banda, considera que a política da UE en relación a Rusia está sendo ditada por Varsovia e as capitais bálticas, todos guiados pola estratexia de EEUU, fronte aos cales Putin non dará nunca o brazo a torcer.
Así as cousas, diríase que o cumio de Samara foi o máis frustrante dos dezaoito celebrados ata agora. É obvio que o problema en si non é a carne polaca (que se exporta hoxe aos mercados da UE sen reparo algún en canto a calidade e que Putin xustifica por ser procedente de terceiros países) senón moi probablemente o tenso tira e afrouxa que enfronta a Moscova con Washington.
Toda a culpa é de Rusia? O xiro político en Moscova é inseparable da estratexia "anti-laranxa", o movemento que auspicia a Casa Branca co apoio entusiasta e ata resentido de certas capitais da Europa do leste. Putin ambiciona blindarse e blindar o seu estranxeiro próximo contra os riscos de desestabilización inducida polos movementos democráticos (tipo Kasparov) de signo prooccidental. O pulso mantense en toda a súa periferia e a tensión non cederá mentres Europa e, sobre todo, EEUU pugnen polo incremento da súa influencia na zona. Esa razón explica mesmo a volta de rosca que Putin aplica a moitas ONGs e outros movementos sociais que intenta controlar e aos que acusa, a veces con razón, de ser simples testaferros dos intereses de Occidente. Ese é o xogo que subxace no fondo da rusofobia que se está promovendo actualmente. Non é que o réxime de Putin sexa defendible, que non o é por moitas razóns, pero cabe defender o dereito de Rusia a desempeñar un papel internacional que non se limite a simple subministradora da enerxía que precisan os países occidentais. E hai unha Europa defensora desa concepción, pero perdeu claramente a iniciativa.
O próximo cumio celebrarase en outubro en Mafra e baixo presidencia portuguesa. Ata entón, son poucas as esperanzas de que mude este contexto.