Portugal iniciou formalmente a campaña para as eleccións presidenciais. En realidade, na outra beira do Miño, levan semanas, senón meses, inmersos nunha frenética actividade político-electoral.
As presidenciais do próximo día 22 pechan un longo ciclo electoral que se iniciou en febreiro coas lexislativas, nas que o PS recolleu unha das súas vitorias máis contundentes da historia democrática portuguesa. Pero a alegría "absoluta" non durou moito. Nas municipais de outubro, foi o mesmo PS o gran derrotado, en favor dun PSD que amosou unha capacidade de recuperación, en pouco tempo, verdadeiramente asombrosa.
Con ese panel de fondo chegamos a estas presidenciais, que deben completar a renovación do mapa político portugués. Se tres foron as convocatorias citadas, tres son os grandes duelos que se libran nesta contenda. Dunha banda, entre Cavaco Silva, candidato do PSD, e Mario Soares, candidato oficial do PS. Doutra, entre Mario Soares e o candidato socialista alternativo e compañeiro de formación, o poeta Manuel Alegre. E por último, na esquerda do PS, o tirapuxa entre Jerónimo de Sousa, candidato comunista da CDU e Francisco Louça, do Bloco, que algúns chaman esquerda caviar pola súa ascendencia "pequeno-burguesa".
Con cinco candidatos pola esquerda (aos citados, hai que sumar a García Pereira, do Partido Comunista dos Traballadores Portugueses) e un pola dereita, cabe pensar nun resultado previsible. Non obstante, hai uns meses, poucos imaxinaban que a elección podía resolverse na primeira volta. Soares e Cavaco acabarían por medir as súas forzas nunha segunda oportunidade. Pero as incidencias da pre-campaña debilitaron a figura de Mário Soares, que ata entón todos consideraban un valor seguro. O debate en TV entre Cavaco e Soares, onde este último conduciuse de forma nerviosamente agresiva e displicente co rival, fixo medrar ao candidato do PSD. Soares, segundo varias enquisas, vai mesmo por detrás de Manuel Alegre, o candidato socialista que sen o apoio do aparato pode obter agora o seu desquite da derrota inflixida polo actual primeiro ministro, José Sócrates, nas primarias internas.
Mais dun ano entre eleccións nun país varado no tempo semella socialmente difícil de soportar. Portugal, o noso segundo mercado en importancia, atravesa unha crise complexa que arranca de 2002 e voces influentes reclaman unha pronta clarificación do mapa político, a ser posible na primeira volta, para afrontar unhas reformas estruturais que provocarán dificultades sociais considerables. O incremento da pobreza e do desemprego, as crises de sectores como o téxtil ou o calzado, debuxan un panorama repleto de incertezas e temores. A cifra de crecemento, prevista para 2006 nun 1,2%, ven de rebaixarse en catro décimas.