images kandinscky

De vellos e novos ordes mundiais, ou por qué non vivimos tempos extraordinarios

A construción e establecemento dunha nova orde mundial converteuse xa nun concepto case cliché nas análises internacionais. No noso tempo, onde o vello se esvaece e o novo aínda non apareceu, unha nova orde mundial inspira angustia, un sentimento natural do ser humano ante un cambio que aparenta colosal. Se ben é moi común o seu uso no ámbito da conspiranoia, o xurdimento, consolidación, decadencia e desaparición de ordes mundiais foi estudado pola Historia e polas Relacións Internacionais, sendo ata rebautizado por estas últimas como sistema internacional.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

A construción e establecemento dunha nova orde mundial converteuse xa nun concepto case cliché nas análises internacionais. No noso tempo, onde o vello se esvaece e o novo aínda non apareceu, unha nova orde mundial inspira angustia, un sentimento natural do ser humano ante un cambio que aparenta colosal. Se ben é moi común o seu uso no ámbito da conspiranoia, o xurdimento, consolidación, decadencia e desaparición de ordes mundiais foi estudado pola Historia e polas Relacións Internacionais, sendo ata rebautizado por estas últimas como sistema internacional.

images kandinscky(Kandisnki, V. (1929). Círculos nun círculo)

O sistema internacional non é por tanto algo misterioso, senón algo ben estudado; posúe unhas xerarquías, unhas regras de xogo, uns actores determinados. En primeiro lugar está o ámbito máis elevado, é dicir, o das potencias máis poderosas, cuxa relación pode ser multipolar, bipolar e imperial, e segundo a cal se orientarán os demais estados. A súa vez estes poden ter máis liberdade de acción a través da cooperación e competición rexional, ámbito no que se suaviza de algún modo a polarización principal. Transversalmente o sistema pode ser homoxéneo ou heteroxéneo tendo en conta o nivel de diversidade que exista en canto a ideoloxía, tipo de sociedade e organización económica entre as grandes potencias. Nun orde mundial contamos todos: dende as organizacións supranacionais e alianzas militares ata os individuos notábeis, periodistas e manifestantes.

Se miras cara atrás, cara os  imperios cambiantes que prosperaron e caeron, has poder anticipar o porvir. Marco Aurelio (121-180 d. C.). Meditacións, VII-49.

Os numerosos sistemas internacionais ó longo da historia demóstrannos que os nosos tempos de cambio non son un fenómeno especial. E non fai falla remontarnos a épocas tan lonxanas como ao II Milenio antes de Cristo, cando os imperios exipcio, asirio e hitita se disputaban Oriente Medio. Unha persoa que vivira entre 1920 e o ano 2000 xa viu pasar por diante súa nada menos que tres ordes mundiais: o multipolar de entreguerras, o bipolar da guerra fría e o imperial tras a caída da Unión Soviética. Sen embargo, que algo sexa común non significa que haxa que baixar a garda, pois se o cambio non se realiza con prudencia e progresividade é moi probable que o novo sistema internacional se impoña mediante a guerra, como veremos a continuación.

O século XIX, o gran século de Europa, foi un sistema multipolar homoxéneo introducido en 1815 polo ministro de exteriores de Austria-Hungría, Metternicht-Winneburg. Tras as sanguentas guerras napoleónicas o continente equilibrouse mediante un sistema de alianzas e tratados entre as cinco grandes potencias europeas, as cales ademais tiñan un poder e sistema de valores semellantes. Con este sistema a paz reinou en Europa dende 1815 ata 1914: foron tempos de revolución industrial, crecemento demográfico, gran capital e expansión imperialista cara o resto do mundo. Non houbo guerras importantes, e o cambio só podería ocorrer polo bloqueo colectivo a outra potencia, por un desequilibrio de poder demasiado pronunciado ou polo ascenso de algunha nova. E ocorreu: a hexemonía colonial de Gran Bretaña impedía a expansión e obtención de novos mercados ao recén unificado Imperio Alemán. A orde mundial non se modificou, creando unha burbulla de 44 anos chamada “Paz armada”, onde todos os estados se reforzaban militarmente para unha guerra que non chegaba nunca. Ata 1914. Entón o asasinato do conde-duque austrohúngaro, que en outros tempos non provocaría nada grave, foi a chispa que incendiou o monte. Comezou unha conflagración da que todos pensaban que salirían beneficiados e na que se aspiraba, por primeira vez, a guerra total, a uns obxectivos sen límites, a rendición incondicional do inimigo.  

Mais no seu empeño destruíron o mundo tal e como se coñecía; a civilización europea do século XIX desapareceu. O imperio otomán e o imperio austrohúngaro reducíronse a cinzas, triunfou a primeira revolución socialista e reorganizouse Europa segundo criterios nacionalistas. Francia e Inglaterra perderon xeracións enteiras. Como consecuencia, ó rematar a guerra en 1919 tratouse de re-establecer o vello sistema multipolar a través de tratados como o de Versailles, pero este xa non puido gardar os equilibrios nin actuar de formas xusta cas potencias vencidas. A posterior diverxencia de valores, sociedades e economías da democracia capitalista, o socialismo soviético e o fascismo corporativista rematarían por engadir o factor heteroxéneo. Versailles era un tratado de paz que aserguraba a guerra total no futuro. E o sucedido a partires de 1939 foi unha hecatombe tal que o vello continente quedou en ruínas, incapacitado para decidir o seu propio destino. A nova orde mundial procedería, entón, do exterior.  

A guerra civilizada, segundo afirman os manuais, debe limitarse, na medida do posible, a desmembración das forzas armadas do inimigo; de outra forma, a guerra continuaría ata que un dos bandos fora exterminado. Encyclopedia Britannica, 1911. Citado en Hobsbawm (2017). Historia del siglo XX. Editorial Crítica: Barcelona.

Os contemporáneos, tras unha destrución de tal calibre, confiaron en que os aliados planificaran unha orde de cousas pacífica, e eles mesmos vían as medidas máis duras, como a división de Alemaña, como algo temporal. Nembargantes, as alianzas de guerra duran o que duran; ata que remata a guerra. Bastaron apenas dous anos para que comezaran a escalar as tensións entre a Unión Soviética e os Estados Unidos, para que as medidas se tornaran permanentes; para que se polarizaran os bandos e se formaran dous bloques. OTAN ou Pacto de Varsovia, Bretton Woods e Plan Marshall ou COMECON, capitalismo ou socialismo; emerxía un sistema internacional bipolar heteroxéneo que enfrontaba a dúas superpotencias moi diferentes xunto cos seus satélites. Os países do chamado “terceiro mundo” e os non aliñados foron incapaces de suavizar a gravidade da polarización. Houbo aspectos positivos, sen embargo: xa non era posible unha diplomacia baseada en falsidades nin unha guerra total dada a posibilidade de destrución atómica; as guerras serían limitadas e desenvolveríanse en países en disputa. Neste período foi cando se estableceron os principios e institucións que aínda hoxe regulan o noso mundo: a Organización das Nacións Unidas, a Organización Mundial do Comercio, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, a Organización de Países Exportadores de Petróleo, a Comunidade Europea, entre moitas outras organizacións e asociacións rexionais. Por cambiar incluso cambiaron radicalmente os nosos mapas: Asia, África e parte de América, antes colonizadas, pasarían a compoñer centos de novos países.

Cando nos anos 90 a superpotencia soviética implosionou xurdiu un novo tipo de orde mundial non visto nunca antes: un país que controlaba todo o planeta. Foi algo espontáneo, algo non planificado, tan simple como que a desaparición dunha das superpotencias fai que tome relevo a supervivente. Estados Unidos puido ser a “policía do mundo” durante máis de dúas décadas sen apenas oposición. Sen embargo, o panorama internacional experimentou dende aquela numerosas transformacións. Os propios presidentes dos Estados Unidos o recoñecen: o Make America Great Again de Donald Trump implica que perdeu a súa hexemonía e debe recuperala de forma illacionista e coercitiva; o Keep America Great de Biden plantexa que se ben aínda a posúe por inercia, “o sistema internacional que Estados Unidos construíu tan coidadosamente está descompoñéndose”, polo que habería que reconstruílo. As únicas alternativas a isto serían ou a substitución por China ou o caos. A ningún dos dous se lle ocorreu pensar sequera en repensar o sistema e establecer novos sistemas de gobernanza.

Non é a máis forte das especies a que sobrevive, tampouco a máis intelixente. É aquela que se adapta mellor ao cambio. Darwin, C. (1859). En torno á orixe das especies por medio da selección natural, ou a preservación das razas favorecidas na loita pola vida.

¿Pero por qué se descompón a orde de posguerra e postsoviética? Factores importantes son por suposto os propios problemas internos dos Estados Unidos, especialmente económicos, que o azotan dende dentro. Nembargantes, o máis importante é que xa non estamos no “Fin da Historia” de Fukuyama, senón que apareceron novos actores, novos modelos ós que mirar, novas dinámicas. Comunidades políticas que reclaman dignidade e recoñecemento en medio dun mundo globalizado con unhas sociedades cada vez máis fragmentadas. Rusia e China son os exemplos máis destacables, pero esta tendencia “identitaria” chega incluso ao corazón de Europa e EE.UU.

En canto á Federación Rusa, moi poucos economistas dos anos 90 dirían que chegaría a ningunha parte, mais trabucábanse. Case destruída pola súa abrupta transición ao capitalismo, o país rematou cun estado débil e pouco lexítimo, unha economía controlada polas mafias do gas e do petróleo, un exército obsoleto e unha sociedade nun estado precario. Pero a estabilización política, a recuperación de competencias estatais, a regulación da súa economía exportadora e a modernización do exército fixo que, en conxunto con unha cooperación sempre moi reservada con China, puidera levantar cabeza. A súa evolución obsérvase ben a través dos conflitos de Libia, Ucraína e Siria: durante a invasión de Libia en 2011 Rusia aínda non se atreveu a usar o seu dereito de veto no Consello de seguridade; en tempos do Euromaidán e o Donbass xa tomou a península de Crimea; e hoxe xa recuperou o seu lugar no taboleiro internacional grazas a súa participación decisiva a favor de Bashar Al-Ashad en Siria. Sen embargo, é pouco probable que Rusia dirixa a transición a outro sistema internacional dado que non cumpre o requisito económico. Entra aquí outro xigante: a República Popular China.  

Fai unhas décadas Oriente era para as novas internacionais unicamente unha zona de conflito sen ningún poder político determinante. Sen embargo os  gansos foron empezando a voar un despois de outro: ao milagre xaponés seguíronlle os “tigres asiáticos” de primeira xeración (Taiwán, Corea do Sur, Hong Kong e Singapur) e de segunda xeración (Malasia, Indonesia, Tailandia, Filipinas). China tomou as súas leccións, especialmente de Singapur. Así, pasou de ser un “estado falido” á primeira potencia económica do mundo; e das poucas que parecen relativamente resilientes as crises económicas actuais. Todo comezou cando Deng Xiaoping decidiu adoptar un perfil internacional de perfil baixo e progresar economicamente de forma moi cauta, aplicando unha metodoloxía de experimentación rexional a pequena escala cuxos resultados, en caso de éxito, se xeneralizarían a nivel nacional. Este método, que serviu para crear as primeiras zonas económicas especiais, segue sendo o preferido do goberno chinés. E hoxe, corenta e dous anos despois, China está pasando con Xi Jinping de ser a fábrica do mundo a ser a líder mundial en innovación e altas tecnoloxías; de ter uns intereses xeopolíticos restrinxidos as antigas colonias (Hong Kong, Macau e Taiwán), aos seus veciños máis inmediatos e ao seu ao mar adxacente a ambicionar a creación dunha das conexións económicas máis extensas do mundo ca Nova Ruta da Seda e a unir a Asia Oriental como un bloque comercial, paso que se acaba de iniciar ca firma do RCEP. O impacto do Covid-19 foi moi reducido: a excepción do breve período de contracción económica que houbo en primavera, o país seguiu crecendo un 5% neste trimestre e ata aumentou as súas importacións de carbón e de petróleo.

En este contexto Estados Unidos non parece percibir que non pode ir marcha atrás.  Existe unha brecha entre o poder real que ten e o poder que pensa que ten. Xa se sabe cómo son as políticas de Trump, pero as de Biden non pintan mellor: aspira a obter a hexemonía no nivel máis alto do sistema internacional poñéndose á cabeza de un bando, “Occidente”, en oposición a Rusia e a China; e, como na época de Barack Obama, seguir financiando conflitos ó longo do mundo. En esta “segunda guerra fría” a escalada de tensións é real e non se descartan guerras localizadas entre ambos países situadas en rexións secundarias.

Sen embargo, este novo sistema bipolar, homoxéneo ou heteroxéneo dependendo da ideoloxía ca que miremos cara China, non debe desembocar no longo prazo nunha substitución de unha potencia por outra. Porque na esfera subterránea ó enfrontamento entre as grandes potencias o mundo tende cada vez máis á multipolaridade. A loita entre China e Estados Unidos ben pode ser unha transición máis ou menos longa cara unha nova orde multipolar onde os diferentes países, organizados en unións rexionais moito máis fortes, cooperen e compitan entre eles co recoñecemento e respaldo da ONU, a cambio de colaborar na solución de certos problemas que nos afectan a todos. Esta nova orde mundial non pode depender do mandato dunha soa potencia nin aceptar unha solución máxica para todos os problemas, senón na toma de medidas que consigan un equilibrio e estimulen o compromiso nunha época que depara grandes cambios. Esperemos, unicamente, que para chegar aí non repitamos os erros de antes de 1815, 1914 ou 1939: a pedra da guerra total. 

Errar é humano, mais perseverar no erro por orgullo é diabólico (San Agostiño de Hipona (354-430). Sermón 134.