Despois do referendo presidencial do pasado 5 de maio, Francia encara agora o reto das eleccións lexislativas con numerosas incógnitas por despexar: a probable consistencia do voto a Le Pen que soubo resistir a dura presión mediática do intermedio electoral que se iniciou o 21 de abril; a hipotética recuperación da esquerda socialista e comunista, que deberá redefinir a súa identidade en condicións precarias e cunha marxe de tempo moi reducida; a difícil consolidación do voto de extrema esquerda, que precisará dun enorme esforzo para non ser lapidada polas chamadas a superar a fragmentación do voto e as interesadas "leccións" das presidenciais; en definitiva, en que se queda o tirón de Chirac que urxe un amplo mandato para completar a súa maioría.
Nas lexislativas, non estamos ante a necesidade de renovar un pacto democrático. Esa ambigüidade xurdiu na primeira volta e quedou eclipsada coa debida rotundidade na segunda das presidenciais. Do que se trataría agora é de pluralizar de novo a vida política para recompoñer as segregacións necesarias e indispensables para podermos falar dun novo rexurdimento democrático, dun renovado protagonismo desa mesma sociedade que deu a voz de alarma e que soubo calmar os medos de tantos desacougados.
En tantos sentidos admirable, a conducta democrática da sociedade francesa, toda unha lección para outras sociedades europeas, demanda agora un serio esforzo dos responsables políticos para atender a certos valores desprotexidos. Fálase moito da inseguridade, da delincuencia, da inmigración, como factores que espolearon o voto de protesta na extrema dereita, pero non deberamos confundir causas e consecuencias. A inseguridade laboral que introduce a liberalización do mercado de traballo, so tanxencialmente cabe relacionada coas miserables pateiras que nos invaden cada día. Pola contra, a crecente distancia entre gobernantes e gobernados, a deficiente moralización da vida pública (un exemplo é o propio Chirac), e a necesidade de tomar en máis consideración o social, son algunhas das urxencias que invitan a reflexionar sobre o modelo de sociedade que Europa pretende desenvolver e que sitúa nese benestar progresivamente laminado, un dos eixes de referencia fundamental de todo proceso modernizador.
O auxe da extrema dereita e do ultranacionalismo, en Francia, en Holanda, e con todos os matices que queiramos, en Italia ou en Portugal, non significa un rexeitamento da unificación europea, senón dese proceso que privilexia os escenarios económico-monetarios en detrimento dos aspectos políticos e sociais, da participación dunha cidadanía de fortes conviccións democráticas pero desencantada; ou que sitúa a Europa no mundo subalternizada a respecto de Estados Unidos, cunha identidade minguada e en aparente decadencia. O remedio a esta situación non está na renacionalización de determinadas políticas ou na institucionalización de refuxios autoritarios na busca dunha orde perdida, senón na vertebración dun novo equilibrio entre xustiza, igualdade e liberdade que incorpore a amplos sectores sociais á digna tarea dunha construcción europea que sitúe o epicentro das súas preocupacións non tanto na delicada saúde do euro como na do ser humano.