Debate na “terceira vía”: Schröder critica a Lafontaine

Tanto Anthony Blair como Gerard Schröder, principais defensores do que o director da London School of Economics, Anthony Giddens, denominou "a esquerda do centro", teñen que facer fronte nos últimos tempos a fortes discrepancias coa súa liña de actuación no seo dos partidos que os sustentan, Laborista e SPD respectivamente.

No caso alemán o debate sobre o "novo centro", versión alemana da denominada "terceira vía", acada unha nova dimensión coas criticas vertidas polo chanceler contra o seu antecesor na presidencia do partido, Oskar Lafontaine.

As criticas vertidas por Schröder, no semanario Der Spiegel, contra o que fora o seu ministro de Facenda ata o pasado marzo, céntranse en que Lafontaine limitouse a dar un portazo e abandonar o goberno, mais compre enmarcalas dentro do debate que se está a producir no seo da socialdemocracia alemana entre os partidarios do chanceler e aqueles outros favorables a manter os sinais de identidade tradicionais do SPD.

O debate afecta tamén aos verdes, coligados no goberno, e tivo unha espectacular representación na bolsa de pintura vermella que estoupou sobre o oído do ministro de Exteriores, Fischer, durante o congreso dos Verdes do pasado maio. Daquela o que dividía aos herdeiros de Petra Kelly era a guerra de Iugoslavia.

Uns días antes, o primeiro de maio, o recen dimitido Lafontaine cualificara nunha intervención pública de "grave erro" ter depreciado á ONU na solución do conflicto kosovar e solicitara o cese dos bombardeos. Agora, pola contra, o anterior presidente do SPD mantén o silencio que o caracterizou dende o cese do 11 de marzo aínda que anuncia a publicación dun libro para o outono.