20061203 liu shaoqi comrade memorial 01

Décadas chinesas

 Estatua de Liu Shaoqi; clic para aumentar
As catro modernizacións ideadas por Liu Shaoqi, falecido no cárcere durante a Revolución Cultural maoísta por falla de atención médica, van camiño de consagrarse completando o soño de renacemento da nación chinesa que tanto inspira o ardor patriótico que se respira nesta China que, paradoxalmente, reivindica a forza do seu pasado como principal valor do seu presente e futuro e tamén da súa peculiar modernidade. [Foto: Estatua de Liu Shaoqi no “Comrade Liu Shaoqi Memorial”, en Huaminglou, Ningxiang-Hunan].
 

Cúmprense neste decembro trinta anos do inicio da política de reforma e apertura en China, unha revolución silenciosa que vai camiño de transformar o xigante oriental no gran poder económico do século XXI. En 1979, China exportaba mercadorías por valor de 10.000 millóns de dólares, e a finais de 2007, por valor de 1,2 billóns. As súas reservas de divisas roldan os 1,9 billóns, mentres se confirma como a cuarta economía do mundo. A pesar dese balance, diríase que o proceso chinés aínda se atopa nos seus comezos, pois o seu PIB a penas representa a terceira parte da economía xaponesa ou a oitava parte da norteamericana. Cunha taxa media de crecemento superior ao 9 por cento durante trinta anos, a transformación de China é unha das claves que marcan o remate do século XX e, de manterse a tendencia, como parece, influirá de forma marcada na conformación do presente século.

Aínda así, as sombras non son menores. En canto ao Índice de Desenvolvemento Humano, China ocupaba a finais de 2007 a posición 81 dun total de 177 países, mentres o coeficiente Gini que mide a desigualdade acadaba o nivel 0,48. O PIB per cápita de Xangai era, en 2007, 13 veces superior ao de Guizhou (10 veces en 2005), e a diferenza de renda entre o mundo urbano e rural era, respectivamente, de 13.786 iuáns fronte a 4.140. Os desequilibrios e desigualdades xeradas por estas décadas de desenvolvemento de escasa calidade está a pasar unha seria factura a China na orde social, e tamén no ambiental. Non obstante, cabe sinalar que a transición dunha economía planificada a outra de mercado presenta notables diferenzas e singulares éxitos se a comparamos coa realizada no antigo espazo soviético e nos países do socialismo real. Pese a todo, os riscos e inestabilidade son grandes e inocultables. Nada pode darse por cantado.

O cambio no modelo de desenvolvemento é o asunto central da reforma hoxe. A crise financeira global é un imperativo máis que obrigará ás autoridades chinesas a virar de rumbo para acadar un progreso que incorpore máis valor engadido, acentuando a transcendencia dos factores de orde social, ambiental, tecnolóxica e tamén política, tanto interior como exterior. Só esa perspectiva pode contribuír a que China acade o seu obxectivo de recuperar a grandeza perdida, pero cuns niveis de benestar e de liberdade homologables e integrada nun mundo ao que non pode virar as costas.

As catro modernizacións ideadas por Liu Shaoqi, falecido no cárcere durante a Revolución Cultural maoísta por falla de atención médica, van camiño de consagrarse completando o soño de renacemento da nación chinesa que tanto inspira o ardor patriótico que se respira nesta China que, paradoxalmente, reivindica a forza do seu pasado como principal valor do seu presente e futuro e tamén da súa peculiar modernidade.

Lidar con China, xigante en tantas dimensións, non será doado para ninguén. Pero para facerlle un oco no complexo sistema internacional do noso tempo, todos deberán tomar boa nota do inevitable incremento da súa influencia, transformando as inquedanzas que o fenómeno suscita en oportunidades integradoras e cooperativas que dilúan as rivalidades e desconfianzas. Que nunca faltan.