A UE coordina un plan para responder aos aranceis do novo presidente da primeira potencia económica mundial, tradicional aliada nosa. Agardo que nel se salienten as accións para controlar e reducir as capacidades monopolísticas e os beneficios consecuentes das grandes empresas estadounidenses de internet e novas tecnoloxías (entrada do 15/2/25).
Pero cómpre tamén contrarrestar as alharacas comunicativas dun tipo como Trump, que monta un enorme espectáculo, rodeado de traballadores, para informar —máis ben presumir (non o pode evitar)— das súas medidas contra o comercio. Padece un síndrome de prepotencia irracional, endémico en lugares exclusivos como Mar-a-Lago, poboados por xente rica, moita da cal debe a súa riqueza, ou boa parte dela, a herdanzas, enxeñaría fiscal, prácticas monopolísticas, financiamento a políticos agradecidos para conseguir pelotazos inmobiliarios ou doutro tipo… A esta casta de pijos de salón hai que explicarlles que, demasiadas veces, non saben do que falan, que len pouco e que o diñeiro lles nubra a vista e non lles deixa ver ben o que pasa.
Temos unha boa ocasión para librar a moi importante batalla da comunicación, para dicirlle á xente que aquilo que proclaman os poderosos, rodeados de liturxias triunfais, poden ser lerias que prexudican a todos. O vindeiro ano cúmprense 250 anos da publicación de A Riqueza das Nacións, de Adam Smith. En plena Ilustración, aquel pensador escocés deu os primeiros pasos da ciencia económica e iluminounos explicando que o libre comercio favorece a especialización produtiva e o crecemento económico xeral. Tiña razón e, ademais, a liberdade de comercio favoreceu a maior integración dos pobos e a aparición de sistemas políticos democráticos e respectuosos cos dereitos fundamentais de todas e todos, con especial mención ás mulleres, que no século XVIII estaban moi relegadas.
Propoño que a UE, cuxo primeiro paso foi crear un Mercado Común, dedique o vindeiro ano a Adam Smith e programe actividades específicas sobre as súas ideas e os seus debates cos mercantilistas, que querían protexer con aranceis a economía nacional ou sectores concretos dela. Reforzarase así a nosa base cultural para enfrontarnos aos novos mercantilistas que se fan chamar neoliberais —debe ser para despistar—, pois son os ultraconservadores de sempre. As tarefas a levar a cabo non serían só para universidades e espazos de alta cultura: habería que achegalas tamén ao ensino medio, para que formen parte da educación básica. E pódese crear un importante premio anual para traballos sobre o comercio.
Un gran acto público para poñer en marcha a celebración —histórica pero moi conectada co que hoxe nos angustia— celebraríase en Edimburgo ou Londres, o 9 de marzo, día do ano 1776 no que apareceu A Riqueza das Nacións nesta última cidade. Contaría coa presenza dos máximos dignatarios de numerosos países, asociacións rexionais de Estados e organismos internacionais relacionados coa economía. E asinaríanse novos convenios de liberalización do comercio, como os que acordou recentemente a UE con Mercosur e ten previsto facer con outras áreas rexionais e grandes países.
Trump bríndanos unha oportunidade para defender políticas que trouxeron progreso económico. Hai que poñelo no seu sitio: o do atraso e a incultura. Este blog, como o ensaio no que se basea, non se limita a analizar procesos de acumulación de poder nas sociedades actuais; tamén busca opcións para desactivalos, porque poñen en perigo dereitos e liberdades. Nas tres entradas anteriores, sobre defensa europea, propuxéronse medidas para afinala e financiala, conectadas coas capacidades de que dispoñemos. A próxima podería complicar aínda máis o taboleiro de xogo que Trump cre dominar.

