Despois do que esta revista chamou "Ano do Medo" chegou un segundo ano de medos. E de confusións. Xa nos meses que correron desde o derrubamento das Torres Xemelgas ata o fin do ano pasado chamou a atención que os acontecimientos non se precipitaran có estrépito dos predios derrubados senón que foran desenvolvéndose como a cámara lenta. Ese ritmo seguiu neste ano, e convertiuse nunha das marcas mais novas e mais terroríficas do que está sucedendo. Ese ritmo demorado e ameazador na sua lentitude ven marcado sobre todo polos medios de comunicación. Acentúase a impresión de estar asistindo á escenificación dun âgrand macabreâ virtual que nos ameaza con rebentar nun desastre real cando remate o seu fascinio.
Imposíbel non pensar que a realidade ten que ser outra. Batido e engurruñado, o inxel xermolo do degoiro pola verdade sospeita ainda que o veo que ten diante oculta algo. Un paradoxo do noso tempo é que as esperanzas de que despois da diplomacia clásica e segreda, que se pensaba que quedara desacreditada e desbotada para sempre na guerra de 1914-1918, viría unha era de relacións internacionais abertas e directas, e mesmo por iso democráticas, naufragaron no tecido dunha información instantánea que no seu crecimento resultou tan mortífera como un cancro. As relacións de poder seguen a determiar o mundo, e os seus xogos non son mais visibeis agora que nos tempos da Santa Alianza. Ver ou escoitar instantáneamente o que queren que vexamos ou que escoitemos na televisión, na prensa ou no radio é a millor maneira de non ver o que de verdade move os acontecimientos. Ocupa un tempo precioso, furtado ao pensamento e á análise, e deturpa camadas moi fondas da sensibilidade, da febra moral e do xuizo. Mata recursos que sempre foron esenciais para os alicerces da democracia, que non se tiñan acadado aínda en ningures, pero que agora quedan mais entariados que nunca, afogados polo que se apresenta como información.
Nese mundo virtual movémonos todos. Antidemócratas e demócratas, guerreantes e pacíficos ou pacifistas. Para todos é difícil ver e falar con siso. E, como falar hai que falar, os tempos da virtualidade crian un tempo de mantras. Non é doada outra cousa; pero hai que esforzarse, e todos os esforzos son poucos para sair desta lamaceira.
O eixo do mal e o Outro Mundo posíbel
Duas desas mantras que repetimos son as do "eixo do mal" e a dese "outro mundo" que se dí posibel. Non teen a mesma calidade ética. A primeira pode ser mais cínica, porque faise desde o poder; a segunda, feita desde a impotencia, pode ser enganosa e por iso ineficaz. Convén pensar nas duas e non saír dunha para caer na outra, porque, si non, entramos nun xogo maniqueo que é precisamente o que quer conseguir a definición do "eixo". Igual que hai un "dividir para vencer" hai tamén un "simplificar para dominar".
O Eixo do Mal veu ser este ano unha das expresións sustitutivas do concepto tradicional de enemigo, esencial para que haxa unha guerra. Unha delas nada mais, porque non foi a única. Aínda que no mundo destes días non se declaran xa as guerras en forma protocolaria, como se facía nas relacións internacionais clásicas, en setembro de 2000 o poder executivo dos Estados Unidos fixo saber que estaba en guerra "contra o terror". Veu despois o anuncio doutra guerra, con enemigo mais semellante ao dos conflictos tradicionais: un estado ou un réxime político, que primeiro foi o Afganistán e despois "agora" o Iraq. Seguimos no reino das ambiguedades. Non é igual un estado enemigo que un réxime enemigo. Nin siquer a Segunda Guerra Mundial foi declarada contra o réximen nacionalista sinón contra o Estado Alemán. E outra zona gris nas guerras deste novo fasquío é que tampouco se sabe cándo acaban, porque non hai armisticios nin tratados que lles poñan remate. ¿Cándo acabou a do Afganistán? ¿Ou non terá acabado aínda?
Tampouco están claras as consecuencias de formar parte do Eixo, deixando á parte que, a diferencia de outros Eixos da historia, este non está definido polos que o integran senón por un poder que os agrupa desde fóra nese concepto que el propio crea. As consecuencias son claramente diferentes. O Iraq corre mais presa que a Corea do Norte. Nesta última, por razóns perfectamente explicabeis en termos do equilibrio de forzas no nordeste asiático, os Estados Unidos seguen unha política de continua negociación e contención, na que as armas de destrucción masiva coreanas sirven de chantaxe ou prenda para unha serie de concesións a o réxime que é dun "mal" ideolóxico proprio dos tempos da guerra fría. O "Eixo do Mal" é, xa que logo, una definición mais retórica que operativa.
¿E qué decir do terrorismo? Declararlle a guerra non parece método axeitado, a non ser que falemos de guerra en termos metafóricos, como na guerra contra a criminalidade, ou contra as drogas. Ou mesmo contra a obesidade. Pero non: esta é unha guerra da que se ocupa o Pentágono, unha guerra de verdade.
Temos, pois, duas guerras á vista, ambas ilimitadas nos seus obxetivos, na sua duración, comezo e fin, e nos seus participantes.
A inmensa ventaxa destas fórmulas é que dan cobertura cun nome respetabel a o exercicio dun poder hexemónico, o dos Estados Unidos, que, ben ollado, non ten caracteres tan novos na historia como os que ás veces se dí. A novidade ven da situación mundial en que xurde e se desenvolve.
A mantra que semella expresar a oposición a ese proxecto e esa praxe hexemónica apresenta a forma dunha esperanza: a de outro mundo, que se xulga posible. Terá que ser imprecisa, cuase por definición, e desperta simpatía pola sua desproporción coa magnitude das forzas a que se opón. ¿Pódeselle pedir mais? Non sabemos, pero talvez sexa útil aproximarse a ela de xeito analítico. Todas as fórmulas declamatorias precisan desa análise, e a historia debería ensinarnos que pode ser fecunda. Non esperar a facela "ex post facto" como se fixo coa doutras esperanzas.
Polo menos desde a Revolución Francesa corre pola historia unha idea da posibilidade de configurar a sociedade domando o poder bruto e facéndoo responder a criterios mais racionais, ou mais "humanos" (deixamos a interrogante da equivalencia ou non destes termos). Esa idea non era nova, pero acelerouse por unha serie de condicionamentos moi complexa.
Parece que sería iluminador ver cómo se expresa ese elemento, esa especie de "radical libre" (que non ten por qué ter as implicacións patolóxicas dos de verdade) no correr dos tempos, a qué se vai enganchando, ónde engarza a sua polivalencia. Importa ese diagnóstico para non cair en tratamentos errados.
Esa historia, a historia da libertade, tal vez, ou do progreso, foise facendo no marco das loitas políticas que, no tempo de que falamos, desenvólvense nos chamados estados nacionais. Nestes dous anos, o pasado e o que agora está rematando, vaise impondo e gaando claridade un escenario diferente no que, sin embargo, pódense seguir sendo uteis criterios tradicionais.
Sociedade internacional e poder internacional
Un aspecto da mundialización é que o mundo parécese hoxe mais que nunca a un país ou, se non queremos utilizar este termo, que pode non ser moi axeitado, a unha sociedade con múltiples centros de poder, algo maís semellante á Europa medieval, por exemplo. Nesa sociedade internacional reprodúcense os conflictos có poder e a loita pola democratización.
O enfrentamento de clases que dinamizou o desenvolvimento político dos estados está presente hoxe a escala mundial. Aí están as enormes desproporcións de desenvolvimento económico e nivel de vida. A escandalosa distribución da riqueza no mundo é semellante á que existía en sociedades nas que hoxe se reduciu, mais ou menos según os casos.
O concepto de política internacional, a diferencia do de relacións internacionais, aponta hoxe á problemática da solución política dos problemas da sociedade internacional.
Seguiríase daí que pode ser útil trasladar experiencias e lecións da loita entre a sociedade e o poder, que é decir da democratización continua e nunca rematada, do terreo dos estados ao da sociedade internacional. Ese radical libre que podemos chamar, nos termos mais xerais, "a esquerda", o motor crítico e activo do progreso, ten, como todos or radicais libres un gran potencial disolvente. Tentamos sinalar agora, moi sumariamente, nada mais que dous dos seus moitos problemas, lembrando a historia e na perspectiva que nos apresenta o ano 2002.
Os protagonistas
Sen dúbida a iniciativa virá e está vindo dos interesados na mudanza, que son os desfavorecidos, os que cren que "outro mundo é posibel". Pero as mantras teen que ser criticadas e depuradas. E esta, como afirmación utópica, debería ter aprendido que o contido obxetivo do progreso colectivo non o teen as sociedades ou clases reivindicantes senon aquelas ás que queremos privar dun dominio inxusto. Nin Marx pensou que o contido do progreso fose a vir do proletariado, senón que esperaba que a transformación revolucionaria se producise nas sociedades industriais avanzadas e incorporase todo o caudal civilizador adquirido. Non pasou así. E por ser agora mundial o que antes era nacional, non convén repetir os erros. Neste caso o dun antiamericanismo primario e negativo, ben pouco congruente moitas veces coa práctica cultural e vital de quen o predica. Criticar a hexemonía non dispensa de entender e aproveitar as suas raíces, que non están únicamente na vontade de poder. Esa non lle falta a ninguén e é desatinada cando non se asenta nunha contribución positiva ao adianto. Así foi en todos os imperios, e non cabe esperar que as potencias imperiais sexan enteiramente benéficas. Hai que forzalas a que cedan poder, como se fixo no ámbito das nacións.
No momento actual é especialmente preocupante a utilización do clima de guerra para cortar libertades civís duramente conseguidas, e a utilización do capitalismo mundializado para anular, en nome da soberanía da competencia, os avanzos da seguridade e a solidaridade social, tamén de dura conquista. Esas conquistas foran feitas por presión dos desposeidos e coa mediación do que se chamaron as socialdemocracias. Nesta transposición do nacional ao mundial haberá que pensar en quén encarna esa socialdemocracia a ese nivel. Non está claro nin moito menos. Hai, certamente, esperanzas piadosas na Unión Europea, pero o que levanos visto neste ano e noutros, mais parece propio dun rival hexemónico que dese outro papel. A esquerda é moi benévola, en xeral, coa Unión Europea. Haberá que xuzgar a esta polo trato que dea aos países de fóra dela, especialmente aos subdesenvolvidos. É mais fácil para o conglomerado europeo facer xestos, que se saben inoperantes e de palco escénico, contra a guerra do Iraq, que desmontar ou rectificar a política arancelaria que tanto perxudica aos países exportadores, por non falar da política agrícola común. Criticámoslle a primeira potencia que se ocupe excesivamente dos seus intereses, e non queremos ver o que fai aquela na que estamos.
As Nacións Unidas, depositarias de moitas esperanzas, dependen de procesos de democratización que dificilmente poden iniciar, pola sua natureza, e son tan fácilmente manexables polo poder hexemónico como, por volver a precedentes históricos mais lonxanos, o Senado romano polos emperadores. É necesario potencialas sin idealizalas no seu estado actual; e non é doado porque son consecuencia e non causa das evolucións do poder no mundo.
As alianzas perigosas
Cando existe una situación de statu quo ou equilibrio millor ou pior asentado entre potencias é moi forte a tentación dos descontentos desa situación a aliarse con o principal impugnador do statu quo. Ese xefe da oposición atrai a aquel libre radical de que falábamos e faise depositario das suas esperanzas. Esa foi, sin remontarse mais atrás na historia, a lóxica da Guerra Fría. A experiencia debería ensinar aos descontentos de hoxe a non malgastar entusiasmos en apoiar sen discriminación a cantos se opoan ao hegemon , igual que éste apoia a réximes e sistemas de dudoso interés para un mundo novo. É sabido o medo de Lenin a que o novo réxime soviético se tinxise de despotismo asiático por terse establecido en Rusia. Daría para reflexionar nos perigos dalgúns excesivos entusiasmos por ideoloxías e réximes opresivos.
Tal vez o que haberá que aprender a facer, a nivel mundial, sexa manter a oposición democrática frente ao poder hexemónico e a sua ameaza a aspectos tan esenciais do progreso como son os direitos humanos e as garantías cívicas, sen ter que tomar partido de simpatías ou antipatías, é decir, "mundializar" a defensa da libertade e da xustiza na sociedade internacional, que foi a raiz das democracias nacionais até donde estas teen chegado.
Mais motivos de cautela que de ánimo, talvez, neste final de ano. Pero a cautela pode ser animadora, ainda que sexa incómoda a maioría das veces.
Londres, decembro de 2002.