¿Democracia marroquina?

O pasado 12 de xuño celebráronse as segundas eleccións municipais baixo a monarquía de Mohamed VI, a quen se lle atribúe a relaxación das restricións á actividade política e a mellora do historial dos dereitos humanos no país.

Marrocos ten a monarquía constitucional como forma de goberno. Dende 1999, Mohamed VI é o Xefe do Estado, cargo que lle confire un amplo abano de  competencias a nivel lexislativo, executivo, xudicial, ademais de ser o xefe das forzas armadas, e o máis alto poder relixioso do país. Un exemplo claro do poder político da realeza é a designación directa do Ministro de Asuntos Exteriores. Polo que atinxe ao sistema de partidos, existen máis de 40 formacións, normalmente organizadas en coalicións, que compiten polos 325 escanos da Asemblea de Deputados, elixidos por sufraxio universal e por un período de 5 anos.

Nas pasadas eleccións municipais de xuño, que se celebran cada 6 anos, estaban postas todalas miradas, pois nelas deberían reflectirse as últimas tendencias políticas e a posible reestruturación dun novo sistema de alianzas. A incerteza debíase ao nacemento dun novo partido só dez meses antes das eleccións locais, o chamado PAM (Partido de Autenticidade e Modernidade) que reagrupou a 30 deputados tránsfugas que abandonaron as suas formacións políticas no parlamento. O líder deste partido, Fouad Ali El Himma, íntimo amigo do rei e ex-ministro delegado do Interior, estableceu as súas bases, en grande parte, botando man de cargos públicos que desertaron dos seus propios partidos, candidatos que xa nas eleccións municipais do 2003 conseguiran, globalmente, un 10% dos escanos.

Tamén foron unhas eleccións sometidas a escrutinio, xa que a abstención nas pasadas lexislativas chegou ao 65%, unha cifra que cuestiona e deslexitima a chamada democracia marroquina. Unha democracia na que, dos trinta e un millóns de habitantes que ten o país, só trece millóns están censados, é dicir, dispoñen de posibilidade de votar, e na que o analista político Taufik Buachrine considera que “as persoas analfabetas votarán máis ca os electores educados”.

As eleccións desenvolvéronse nun clima internacional de indiferenza, xa que a atención do mundo estaba posta nas eleccións iranís.

Houbo máis de trinta mil centros de votación ao longo do país, incluíndo as provincias do Sahara Occidental. A abstención, neste caso, chegou ao 50%, menos da que o goberno esperaba, aínda que os votos nulos e en branco aumentaron en comparación cos pasados comicios. Pero aínda así, os electores máis novos, entre os 18 e 24 anos, que se dirixiron ás mesas electorais, foron unha porcentaxe mínima.

A pesares de que os observadores internacionais presentes nos comicios sinalaron que non se apreciaron irregularidades no proceso electoral, foron moitas as denuncias formuladas polos partidos políticos, en especial pola suposta compra de votos.

Un dos máis activos na denuncia foi Vía Democrática, un partido que chamou aos electores á abstención días antes das eleccións e polo que aínda seguen en proceso xudicial seis dos seus membros.

Estas accións reflicten a pouca confianza da poboación nun sistema pluralista onde se xestan partidos políticos con programas casi idénticos, que normalmente responden máis a intereses persoais ca ao interese xeral. O sistema proporcional fai case imposible que un unico partido obteña o control absoluto dalgunha cidade, polo que o resultado final depende de acordos. Neste escenario fragmentado, é difícil facerse con amplas maiorías para gobernar, debendo apostar por grandes coalicións, que polo tanto dificultan tamén a toma de decisións, feito que beneficia directamente ao poder que está por riba do xogo de partidos: a Casa Real.

O resultado dos comicios foi o esperado. Gañou as eleccións o Partido de Autenticidade e Modernidade, deixando unha grande incógnita política respecto ao futuro inmediato do país, xa que pouco antes destas eleccións locais, o PAM retiroulle o apoio á coalición gobernamental, encabezada por Istiqlal, que aínda segue a gobernar en Rabat, pero en minoría. A pesares disto, un dos líderes do partido vencedor segue exercendo como Ministro de Educación.

Esta vitoria dalle a chave ao novo partido en moitos concellos, e permitirá ao PAM controlar a Cámara de Conselleiros (Cámara Alta do Parlamento), cunha maioría de integrantes elexidos nos consellos locais.

¿Porqué esta pantomima democrática cun panorama no que sobresae a ausencia efectiva de participación popular? Coa chegada dos inmigrantes nos últimos anos ás costas europeas naceu a chamada “Política Europea de Vecindade” que convida a Marrocos (ademáis doutros países colindantes coa comunidade) a conformar coa Unión Europea un Estatuto Avanzado, que concrete aos veciños norteafricanos unha relación privilexiada, sempre e cando se estableza un compromiso mutuo arredor de valores comúns como a democracia, os dereitos humanos, a economía de mercado ou o estado de dereito.

Con este estatuto establécese unha axenda de reformas políticas e económicas, que as élites marroquinas reciben de bo grado, xa que ven da man dunha compensación económica. Desta maneira, o país serve de contención da inmigración, sempre e cando as relacións con Europa vaian como é debido. Como troco, Marrocos responde a Europa con toda esta serie de formalidades baseadas nunha suposta democracia e transparencia política.

Non obstante, a día de hoxe, cómpre dicir que a liberalización económica non desembocou necesariamente nunha liberalización política. Dende a morte do antigo monarca Hassan II, son moitas as pequenas aperturas rexistradas no que a liberdades se refire, mais con todo, a transformación democrática aínda está por chegar.