“Gradual e metódica”, dixo Tung Chee-hwa, xefe do executivo de Hong Kong, que debía ser o proceso de democratización plena do antigo enclave británico, tratando de calmar as primeiras críticas que suscitaba nesta rexión administrativa especial o anuncio de Beijing de que o modo e o momento en que se aplicaría o sufraxio universal á elección do consello lexislativo e do xefe do executivo de Hong Kong.
O lexislativo chinés decidiu impoñer a súa como a única interpretación válida e aceptable das disposicións legais que figuran nos Anexos da Lei Básica de Hong Kong, aprobada na véspera da retrocesión. O presidente do Parlamento chinés, Wu Bangguo, explicou nunha comparecencia ante os medios de comunicación que niso consistía a aplicación do principio “un país, dous sistemas”, a fórmula ideada por Deng Xiaoping para recuperar sen sobresaltos o control da colonia.
A afirmación do mini-Parlamento chinés, o Comité Permanente que sesiona entre plenarios, se produce cando quedan escasos meses para que os hongkoneses sexan chamados ás urnas ““será en setembro”“ para elixir aos seus representantes no Consello Lexislativo, especie de Parlamento local. Segundo o previsto, dos sesenta deputados, a metade serán elixidos por sufraxio universal, seis mais que na convocatoria de 2000. O cupo restante é de designación corporativa e está controlado por Beijing. En 2007, ao cumprirse a primeira década do traspaso, esta situación podería ser obxecto de alteración.
Beijing sabe que o anuncio desta decisión probablemente vai deparar mais votos en setembro para os partidarios de Martín Lee, os chamados demócratas, e pouco pode facilitarlle as cousas a Tung Chee Hwa, que conta co respaldo da Alianza Democrática para a Mellora de Hong Kong. Pero o prioritario é o control do proceso de democratización que está a recibir fortes presións, internas e externas, co propósito de forzar a elección directa do gobernador local e da totalidade do Consello Lexislativo despois de 2007. A soberanía sigue a ser un concepto clave para entender o cambio na China.
Coas miras postas nos Xogos Olímpicos de 2008, observando de reollo canto acontece no Taiwán de Chen Shui-bian que o próximo día 20 será investido como Presidente para un novo mandato de catro anos, e mesmo tirando conclusións das masivas mobilizacións cidadás de xullo pasado en contra da polémica lei antisubversión (logo retirada pero cunha seria fenda política no gabinete local que se saldou coa dimisión de dous ministros), no que foi unha primeira tentativa de operar recortes substanciais nalgúns dereitos fundamentais, Pequín non quere sorpresas nin sobresaltos.
Pese á persistencia de problemas económicos e sociais indisimulables, a economía de Hong Kong evolucionou satisfactoriamente dende xullo de 1997, soportando as epidemias sanitarias e financeiras da rexión. Hoxe mantén o quinto lugar mundial en reserva de divisas, despois de Xapón, China continental, Taiwán e Corea do Sur. As expectativas de crecemento do PIB para este ano son do 6,9%, o desemprego vai á baixa (6,6%) e as exportacións deben crecer.
O problema esencial está no eido político. No fondo non se trata soamente dun problema de maior ou menor entusiasmo democrático. Alén da obsesión polo control político, un dos debates de maior calado para o futuro de China é o relativo á organización territorial, profundamente unitaria e centralista, tan debedora da tradición da China antiga que nin os maoístas, a diferencia dos soviéticos, amosaron o mais mínimo interese por recoñecer ““anque fose formalmente”“ o dereito de autodeterminación das súas minorías nacionais.
Con eses antecedentes, a fórmula de “un país, dous sistemas” dificilmente pode seducir a Taiwán, mais escéptica ca nunca a respecto dunha hipotética unificación.