madrid tribunal constitucional 02

Dereitos e “ilegais”

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Sede do Tribunal Constitucional en Madrid; clic para aumentar
O Tribunal Constitucional recoñeceu hai un mes que as persoas traballadoras de fóra, estranxeiras disque, sen permiso de traballo, si teñen dereito á folga, botando abaixo un dos incisos "11.2" da inhumana Lei de Estranxeiría. Non é a primeira vez. En novembro pasado xa declarara inconstitucionais tres artigos desa lei de represión humana "7.1, 8 e 11.1" que falaban dos dereitos de reunión, manifestación, asociación e liberdade de sindicación. (Foto: Sede do Tribunal Constitucional na confluencia das rúas Isaac Peral e Doménico Scarlatti de Madrid).
 

Vai entre comas ese "ilegais" porque falamos de migrantes, de persoas que abandonan aos seus por necesidade. Non, non o fan por vicio nin por levaren gravado no xenotipo un código de aminoácidos facinorosos. Malia que as persoas non teñan permiso de residencia nun lugar nunca poden ser ilegais, pois até agora non se require licenza "nin humana, nin divina" para nacer ou existir. Todo chegará. Requírese, como moito, valentía e unha boa dose de sorte.

Parece esta unha apostila de eidapuxa, mais non o é, xaora que falamos dun asunto que a sociedade nosa non ten nídio dabondo. O discurso dos políticos e dos medios non axuda. Tampouco o dos sindicatos, que acotío tratan da inmigración en termos económicos e nunca en termos humanos. As persoas, aclároo, son seres humanos. Si, xa sei que na noxenta realidade deste mundo o económico prima sobre o humano. Pero para loitar contra as aberracións estamos.

Como humanas as persoas teñen dereitos. Chámanlles dereitos humanos. Non dependen estes nin da nacionalidade nin da raza. Son para todos e todas. E dereitos como o de reunión ou o de folga, malia que sexan chamados dereitos dos traballadores, entran máis no ramo dos humanos, porque falan de persoas.

O Tribunal Constitucional recoñeceu hai un mes que as persoas traballadoras de fóra, estranxeiras disque, sen permiso de traballo, si teñen dereito á folga, botando abaixo un dos incisos "11.2" da inhumana Lei de Estranxeiría. Non é a primeira vez. En novembro pasado xa declarara inconstitucionais tres artigos desa lei de represión humana "7.1, 8 e 11.1" que falaban dos dereitos de reunión, manifestación, asociación e liberdade de sindicación. A senteza, tamén de eidapuxa, aclara que as persoas en situación administrativa non autorizada poden querer cambiar as cousas. Vaia, que un ilegal pode protestar para ser legal.

Estes apartados da lei eran unha barbaridade humanitaria que imprimiu no maxín da poboación "legal" pensamentos "estes si facinorosos" contra os migrantes. Mais non existiu unha correspondencia entre as declaracións e informacións de cando saiu a lei e estas sentenzas. Os medios e os políticos deberían estar na obriga de darlle, cando menos, a mesma cobertura informativa e a explicar á sociedade que ninguna persoa é ilegal, que non ter papeis non significa non ter dereitos.