20080221monrovia george bush e ellen johnson sirleaf

¿Desagradecidos?


 George Bush e Ellen Johnson-Sirleaf; clic para aumentar
A practica totalidade dos países africanos expresaron o seu rexeite á decisión de Washington de instalar no seu solo o novo comando militar conxunto responsable da seguridade deste continente. Soamente Liberia ofreceu converterse en sede do seu cuartel xeral, unha oferta que caeu en saco roto ante a firme oposición rexional. (Foto: George Bush e Ellen Johnson-Sirleaf, presidenta de Liberia, en Monrovia o 21 de febreiro de 2008).
 

A practica totalidade dos países africanos expresaron o seu rexeite á decisión de Washington de instalar no seu solo o novo comando militar conxunto responsable da seguridade deste continente. Soamente Liberia ofreceu converterse en sede do seu cuartel xeral, unha oferta que caeu en saco roto ante a firme oposición rexional. Non obstante, EEUU segue adiante e en poucos meses o comando estará operativo, sexa ou non en terras africanas.

A escusa da Casa Branca relaciónase oficialmente coa necesidade de plantar cara ao terrorismo, o sambenito que todo o parece xustificar agora, pero, en realidade, ao menos, outras dúas razóns de peso habería que considerar. En primeiro lugar, a necesidade de asegurar o acceso a recursos esenciais coma o petróleo. En 2007, EEUU importou de África o 21 por cento dos hidrocarburos que consume. En 2015 será a cuarta parte. Fronte á inestabilidade de Oriente Medio, os avances tecnolóxicos e os novos xacementos de Mauritania, Chad, Ghana ou do Golfo de Guinea, ofrecen oportunidades importantes.

En segundo lugar, controlar e conter a crecente presenza chinesa. O comercio entre África e Pequín chegou a 73.000 millóns de dólares en 2007, cando en 1999 era de a penas 2.000 millóns. E segue a medrar. Limitar a influencia chinesa é outro dos obxectivos, aínda que non lle será doado ante os atractivos que ofrece a diplomacia oriental, menos inclinada a exhibir a musculatura militar, que substitúe polos atractivos económicos dunha asistencia sen condicionantes políticos. Occidente critica a China pola súa inhibición fronte ás violacións dos dereitos humanos, esquecendo que ata hai ben pouco apoiaba a idénticos ditadores ou xogaba a enfrontar países, nacións e tribos entre si para resolver as súas rivalidades estratéxicas e atopar mellor acomodo para os seus intereses.

Ninguén poderá discutir a necesidade de reforzar as accións contra os grupos terroristas que certamente existen no continente africano, pero esta estratexia, que oculta outras motivacións aínda que poña o acento neste aspecto ou nas accións humanitarias, alentará unha cooperación militar sen máis propósito que abrir camiño a un papel máis activo e intervencionista de EEUU nos asuntos internos destes países. E iso, veñen dicir os líderes africanos, é tanto ou máis de temer ca o propio terrorismo.