No conceptual, os eixes que deben vertebrar a acción exterior das Comunidades Autónomas, Galicia incluída, están bastante claros e deben atender tanto ao desenvolvemento das súas propias competencias no eido internacional como á xestión das súas especificidades. Anécdotas aparte, a racionalidade e a prudencia son as constantes que presiden o devalar das Comunidades Autónomas nesta materia. O contexto internacional reclama dos entes subestatais medidas audaces e atrevidas para exercer como o que son, autonomías no mundo. A vontade política e o consenso interno son os piares esenciais que deben permitir transformar o discurso en acción superadora dos vellos tópicos reducionistas que, no noso caso, tenden a limitarnos en exceso á diáspora (como fai o Estatuto vixente) e, paradoxalmente, a unha concepción da diáspora tan perversa como amputada das valiosas achegas que nun mundo como o presente nos puidera aportar (como capital relacional).
A clave reside agora en dous aspectos. En primeiro lugar, en desdramatizar a presenza exterior, que no marco actual non debe ser entendida doutro xeito que como reforzamento da acción internacional do propio Estado. Iso esixe información, transparencia, coordinación e lealdade, é dicir, a habilitación de mecanismos institucionais fluídos, dentro e fóra, que saiban tirar proveito do facer de cada quen e acumular sinerxías. Unha acción exterior descentralizada non estraga recursos senón que os pode aproveitar mellor. En segundo lugar, cómpre modernizar unha acción diplomática estatal en boa medida desfasada e fosilizada. O Estado debe deixar de mirar de reollo o que fan as autonomías no exterior. En Beijing, son varios os estados mexicanos que dispoñen de embaixada propia, e non por iso desmerece a representación federal. En demasiadas ocasións, un ten a impresión de que o Estado das Autonomías non chegou ao servizo exterior español e urxe unha auténtica reformulación neste sentido (cunha lei en fase de proxecto xa) para democratizar e pluralizar este servizo, contemplando mesmo a refundación ou a creación, por que non, de varias escolas diplomáticas e configurando equipos plurais (en departamentos e institucións viradas cara o exterior) do punto de vista autonómico.
A diplomacia non pode ser o último reduto político-administrativo do centralismo. As portas do Palacio de Santa Cruz deberían abrirse ás iniciativas das autonomías. O Estado debe renunciar ao monopolio da acción exterior para complementar o seu facer tradicional coa potenciación dos recursos de todo tipo que as autonomías poden ofrecer. Urxe a todos un cambio de mentalidade e un investimento en formación nestas novas coordenadas que fagan da acción exterior un servizo público á altura das necesidades do noso país e do noso tempo, capaz de rendabilizar con intelixencia esa rica diversidade que connota ao Estado, co-xestor dunha complexidade que en si mesma constitúe un valor tan admirable como exportable.