20070406 kiev yanukovich yushchenko

Desempate en Ucraína

 Yanukovich e Yuschenko, clic para aumentar
Unha transacción podería arbitrarse se Yanukovich (esquerda) rexeita aos deputados que están abandonando a Yuschenko (dereita) e renuncia a formar unha maioría cualificada. Nese caso, o decreto podería ser revogado ou complementado coa convocatoria de parlamentarias e presidenciais simultáneas.
 

A crise está servida en Kiev. O presidente Viktor Yuschenko ordenou a disolución do Parlamento e convocou eleccións anticipadas para o 27 de maio. Pero o primeiro ministro, Viktor Yanukovich, dixo que o goberno non se porá a preparar as eleccións ata que se pronuncie o Tribunal Constitucional sobre a legalidade do decreto presidencial. O presidente deste último, Iván Dombrovski, nomeado en agosto de 2006, amaga con presentar a dimisión por mor das presións recibidas. No Parlamento e na rúa fálase de golpe de estado encuberto, promovido polos intereses occidentais.
Estamos ante un novo episodio dunha encarnizada loita polo poder que progresivamente viña laminando aos partidarios de Yuschenko. Se non é quen de impoñer o decreto, os seus días están contados. E a maioría da Cámara está en contra. A influencia parlamentaria de Yanukovich non para de aumentar e pouco lle falta para sumar os dous terzos precisos para bloquear totalmente ao presidente e reformar a Constitución. Esa é a razón de que Yuschenko, á desesperada, promulgase este decreto. Pero quen máis se mobiliza agora son os partidarios de Yanukovich, que xa tomaron o centro da capital.
A división no campo de Yuschenko e a habilidade de Yanukovich bloquearon totalmente o rumbo prooccidental que Ucraína semellaba tomar hai un par de anos. A cohabitación das elites prorusas e prooccidentais freaba as reformas e a reorientación da estratexia do país. Yanukovich quería celebrar un referendo sobre a eventual entrada de Ucraína na OTAN, á que se opón, segundo a maioría das enquisas, a maior parte dos cidadáns. Para resolver o actual empate, ademais, Yushenko intentou gañarse o favor de Moscova, buscando o apoio de Putin.

A crise presenta dúas vías de solución: ou na rúa ou nas institucións. O Exército apoia ao presidente, aínda que non é seguro que controle as forzas armadas na súa totalidade. O servizo de seguridade depende de Yuschenko, pero as tropas de Interior subordínanse a Yanukovich. O titular de Defensa, o civil Gritsenko, goza dunha autoridade relativa en medios castrenses. O Tribunal Constitucional ven apoiando a Yuschenko de forma reiterada. Unha transacción podería arbitrarse se Yanukovich rexeita aos deputados que están abandonando a Yuschenko e renuncia a formar unha maioría cualificada. Nese caso, o decreto podería ser revogado ou complementado coa convocatoria de parlamentarias e presidenciais simultáneas.

Yuschenko ten serios problemas para compartir o poder, con independencia de que o seu rival sexa aliado (Iulia Timoshenko) ou non. Goberno e Parlamento seguen funcionando pero para "países" distintos. O pulso vai para largo e a confrontación non terá unha rápida solución.