Desintégrase o núcleo Montesinos-Fujimori

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Durante dez anos constituíron o núcleo duro do invulnerábel réxime peruano. A outrora sólida relación presenta gretas de tal calibre e amplitude que xa non hai espacio para pontes de retorno. Mais tantas complicidades durante unha década de autoritarismo con verniz democrático, aínda non deixa lugar para a confianza nun Fujimori, ao timón da derradeira transición.

A conversión de Alberto Fufimori ten perplexa a unha sociedade peruana que non acaba a comprender a súa repentina viraxe para traspasar a liña e situarse do lado dos defensores da democracia. Quizais conveña non deixar pasar desapercibida a visita que hai unha semana o Embaixador norteamericano John Hamilton fixo ao Pazo Presidencial. Pouco espacio houbo para a cortesía no encontro que pronto tomou cariz de ultimato ao presidente peruano… Ou detiña e neutralizaba ao fuxido Vladimiro Montesinos, purgando ao tempo á cúpula militar que aínda lle é fiel…ou pola contra a diplomacia norteamericana deseñaría unha nova estratexia na que o Presidente xa non pilotaría a transición.

Nesta mesma dirección se pronunciaron tanto o senado norteamericano a traveso da súa resolución 155, así como a Organización de Estados Americanos.

A decisión de darlle a oportunidade a Alberto Fujimori de saír da historia política do Perú por unha porta digna é desconcertante tanto para a oposición como para as organizacións que traballan na defensa dos dereitos humanos… mais como outras ocasións a “realpolitik” imponse. O peso do exército na sociedade que condiciona a súa evolución. Deixar a Fujimori e a Montesinos xuntos no bando dos desterrados do paraíso da nacente democracia, aumentaba os riscos de involución e achegaba a posibilidade dun golpe militar. Fujimori mostrouse máis proclive á reciclaxe, mentres Vladimiro Montesinos votaba por terra todos os esforzos diplomáticos feitos polos máis relevantes mandatarios sudamericanos para sacalo fora do terreo de xogo da política peruana, sen ter que pagar polos seus pecados. Logo de 29 días de confinamento dourado no Panamá voltou ao Perú para engadir tensión á transición. Entón, Montesinos foi o prezo que tivo que pagar Fujimori para salvar a cabeza.

As Forzas Armadas andan especialmente revoltas e axitadas. A democracia pode sacar do baúl dos horrores os excesos cometidos durante a década e nos que figuran como principais axentes. Pretenden bloquear calquera acordo que dea paso a novas eleccións mentres non se lles garanta unha lei de punto final que deixe impunes os abusos e violacións de Dereitos Humanos nos que estean inmersos.

Mais a Mesa do Diálogo na que goberno e oposición tratan de fixar os prazos e condicións para as novas eleccións so aceptou unha indefinida “Lei de reconciliación” na que se contextualizarán todos os negros episodios que agora saen a luz en busca de xustiza.

As eleccións xa teñen data para o 8 de abril do 2001, mais antes Perú vivirá tensións que entorpecerán o camiño de retorno a democracia.